“Un xacemento realmente excepcional —non só para Lugo— do que aínda queda moito por descubrir“. Así resume o pasado, presente e futuro do Museo Universitario A Domus do Mitreo a súa directora, Dolores Dopico. Este ano conmemórase o 25 aniversario do descubrimento arqueolóxico que dá nome a esta institución ligada ao Campus Terra da Universidade de Santiago (USC). Para a ocasión, a entidade levará a cabo un programa de actividades que vén de comezar cunha exposición de fotografías inéditas da escavación.
No ano 1998 a USC decidiu situar a sede da vicerreitoría do campus lucense no antigo Pazo de Montenegro, situado ao carón da histórica muralla. “Coas obras de adecuación descubriuse un xacemento romano realmente excepcional, non só para Lugo, senón tamén a nivel internacional”, destaca a directora. Do arduo traballo de arqueoloxía, que escavou uns 600 metros cadrados de superficie e que foi dirixido polo arqueólogo Celso Rodríguez Cao, atopáronse tres elementos de grande relevancia: a domus romana, os cimentos do Patrimonio da Humanidade lucense e o Mitreo.
Unha casa de luxo e cimentos da muralla
A casa atopada no espazo do Pazo de Montenegro “é unha domus romana típica mediterránea, pero ten unhas características especiais”. A estrutura, cunhas “dimensións notables” e dous pisos de altura, pertence ao período Altoimperial (século II – comezo do III). A súa condición de luxo queda demostrada pola decoración —con frescos en todas as habitacións e cerámica importada— e a súa construción. “As técnicas son magníficas e contaba cun sistema hidráulico excepcional que non tiña case ningunha outra vivenda nas cidades da época: conectaba directamente co acueduto”, resalta Dopico. Este feito, acorde ao sinalado pola directora, acontecía se se tiña un “permiso expreso e iso naturalmente só se daba na aristocracia”, matiza.
A finais do século III d.C. iníciase a construción da muralla de Lugo, que pasará literalmente por riba da domus, provocando a súa destrución parcial. Malia isto, a parte positiva é que o museo universitario é “o único lugar da cidade onde se pode ver o lenzo dos muros deste Patrimonio da Humanidade ata os cimentos, que suma case 10 metros por debaixo da terra, sete deles visibles”, apunta. “Se xa unha persoa queda abraiada observando a muralla por fóra, imaxina como é facelo dende o xacemento”, apunta.
Un dos cinco templos da península
O terceiro elemento, que é o que lle dá nome a domus, é o Mitreo. Trátase dun templo onde se celebra o culto ao deus de orixe oriental Mitra e está localizado na primeira planta da vivenda. “Existían moitos no Imperio romano, pero dentro da península ibérica son moi escasos —non hai nin cinco— e menos coma este, que está case enteiro”.
Ademais de ter a súa planta completamente conservada, o espazo conta cunha inscrición sumamente importante cun “magnífico grao de conservación”. Entre outros datos, este gravado indica o nome do individuo que ocupaba a domus nese momento, o centurión da lexión VII Gemina Antoniniana Pía Feliz, Victorius Victorinus.
Estas son algunhas das características que fan que o xacemento lucense sexa “moi relevante a nivel internacional, xa que veñen moitos investigadores a estudar o noso Mitreo”, destaca Dopico. Pero non so o templo é merecedor dun estudo. Segundo a directora, “aínda queda moito por descubrir do museo“, especialmente no referente á cerámica atopada na escavación. “Poderíase chegar a facer unha tese sobre estes elementos, pero para iso precisamos candidatos que se animen a facela”, apunta.
Conmemorando o 25 aniversario do xacemento
Así, o museo universitario dedicará este ano á conmemoración do 25 aniversario deste xacemento, “malia que resulte paradoxal, xa que a domus ten máis de 2.000 anos”, ri a directora. Realizarase un extenso programa que se anunciará ao longo destes meses, “con actos para todos os sectores sociais“. A previsión é realizar ciclos de conferencias, coloquios internacionais, actividades didácticas e talleres especiais, entre outras actividades.
Como apertura deste programa, o museo vén de inaugurar a exposición Un achado excepcional: 25 anos da Domus do Mitreo, onde se mostra a través de 12 paneis con fotografías inéditas da evolución do xacemento, dende a escavación ata a musealización. “O público poderá apreciar o arduo e magnífico traballo dirixido por Celso Rodríguez Cao, dende que isto era só terra e rochas ata as instalacións actuais“, conclúe a directora.