Aceites de ourego e tomiño para controlar o impacto da flora na muralla de Lugo

Científicos da Escola Politécnica Superior demostran que o uso destes produtos son unha "alternativa respectuosa" para a conservación do monumento

O crecemento de especies vexetais e de fungos é un dos puntos de atención nos traballos de conservación dos monumentos históricos. Moitas veces, estes organismos non causan danos, pero noutras ocasións é preciso controlar o seu crecemento para evitar posibles danos estruturais. No caso da muralla romana de Lugo, un equipo de especialistas da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC leva tempo analizando o proceso de colonización de especies vexetais na fortificación, declarada Patrimonio da Humanidade e cuxa conservación e protección require tamén de actuacións de adecuación e limpeza respectuosas co medio ambiente.

Nos últimos anos, as investigacións coordinadas, entre outros científicos, por Antonio Rigueiro e Mª Elvira Díaz Vizcaíno, profesores e investigadores dos departamentos de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría, e Botánica, permitiu estudar e testar, tanto en laboratorio, como sobre as paredes do propio monumento, a eficacia de produtos alelopáticos, que favorecen a inhibición da xerminación de especies vexetais, tales como o son os aceites de ourego e de tomiño.

Publicidade

As achegas realizadas polos investigadores lucenses, que desde hai anos traballan en colaboración coa Administración no deseño de estratexias apropiadas para a mellora da conservación, protección e posta en valor do monumento romano, son resultado do último proxecto de investigación desenvolvido desde o pasado outono e que rematará este verán coa presentación do informe final.

Os resultados preliminares xa acadados logo das actuacións parciais realizadas en diversos tramos ou áreas da muralla son satisfactorios”, segundo indicou a profesora Mª Elvira Díaz Vizcaíno. Ben é certo, engadiu esta investigadora, que “advertimos un alto grao de variabilidade respecto do resultado obtido nos diferentes tramos do monumento nos que se aplicaron estes aceites alelopáticos, pero podería dicirse que esta gradación vai desde unha valoración positiva ata moi positiva”, dixo.

Publicidade

Díaz Vizcaíno comenta, neste senso, que a alelopatía ou inhibición de xerminación é unha solución que achega a propia natureza, pois trátase dun fenómeno biolóxico polo que un organismo produce un ou máis compostos bioquímicos que inflúen no crecemento, supervivencia ou reprodución doutros organismos.

Destaca a USC que unha vez realizado o traballo de campo e estudados e avaliados os resultados obtidos logo da aplicación de aceites de ourego e tomiño, os investigadores da USC implicados neste proxecto conclúen que estas pautas ou técnicas de inhibición de xerminación antóllanse como solución alternativa e complementaria doutras das actuacións que se están a desenvolver para controlar os procesos de colonización da muralla advertidos nalgunhas especies vexetais e manter así unha imaxe do monumento sen maleza”.

O propio equipo salienta que a muralla romana de Lugo constitúe, ademais dun ben patrimonial, un ecosistema natural propio que tamén cómpre preservar, pois alén da vexetación, o monumento romano tamén acubilla unha importante variedade de fauna, cuxos ciclos vitais tamén están ligados á muralla, como é o caso dalgunhas aves como os cirrios.

Baixo a premisa de máximo respecto e protección á biodiversidade, Díaz Vizcaíno sinalou como outra das vantaxes da aplicación destas substancias alelopáticas como os aceites de ourego e tomiño atinxe á compatibilidade do seu uso co calendario reprodutivo dos cirrios, dado que non interfiren. A profesora da EPS de Enxeñaría comentou asemade que estes produtos inhibidores de xerminación permiten non só reducir a presenza de vexetación, senón que tamén prolongan os efectos e a duración dos traballos de limpeza manual que periodicamente se acometen na muralla romana.

Alén destas cuestións de carácter científico, a investigadora do Departamento de Botánica da USC tamén apuntou cambios na opinión pública respecto da presenza de vexetación no monumento ao entender que unha biodiversidade rica é algo positivo. Do mesmo xeito, esta investigadora defende o interese das contribucións que pode facer a ciencia, neste caso a través da USC, tanto ás administracións públicas como ás empresas, algunha das cales si solicita axuda aos investigadores para resolver situacións complexas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Radiografía da lagoa de Baldaio: o fráxil equilibrio entre os fluxos naturais e o impacto humano

A alternancia ambiental propia da lagoa coruñesa enfróntase á herdanza de intervencións artificiais, a presión turística e a perda de biodiversidade

A Lagoa dos Nenos, ao límite: o exceso de sedimentos e os danos no dique ameazan o tesouro mariño das Cíes

O Ministerio para a Transición Ecolóxica inicia un proceso de recuperación da infraestrutura que une as illas de Faro e Monteagudo

Cando as mascotas devoran a biodiversidade: un conflito sen regular na Unión Europea

A falta de regulación na UE converte aos cans e gatos nunha ameaza para a fauna silvestre e a biodiversidade

Aristóteles abriu un mexillón fai 2.000 anos… e viu algo que seguimos a estudar hoxe

Grecia foi pioneira da bioloxía mariña ao anticipar séculos de investigación sobre proteínas adhesivas e ecoloxía dos bivalvos