Martes 3 Decembro 2024

Unha colaboración galega analiza a circulación do SARS-CoV-2 a través do xenoma

O catedrático David Posada, da UVigo, coordina o proxecto Epicovigal, que analizará arredor de 1.000 mostras de pacientes de Galicia

Entender a evolución e circulación do SARS-CoV-2 en Galicia a través da análise xenómica de 1.000 mostras de pacientes contaxiados co obxectivo último de contribuír á toma de decisións no eido da saúde pública na loita contra este virus. Este será o reto do proxecto Epicovigal, liderado polo catedrático da Universidade de Vigo David Posada e no que participarán equipos de investigación das universidades, dos institutos de investigación sanitaria e dos hospitais de referencia de Galicia.

O proxecto, que terá unha duración inicial dun ano, leva por título Epicovigal: epidemioloxía xenómica e monitorización en tempo real do SARS-CoV-2 en Galicia. A iniciativa acadou recentemente 170.000 euros de financiamento do Fondo Supera Covid-19, froito da colaboración do Banco Santander, as universidades españolas, a CRUE e o CSIC. Epicovigal contará coa participación de, ademais do Grupo de Filoxenómica do CINBIO-Universidade de Vigo que dirixe Posada, do Grupo de Xenomas e Enfermidade, da Universidade de Santiago de Compostela, e do Laboratorio de Bases de Datos, da Universidade da Coruña. Tamén participarán os servizos de Microbioloxía dos sete centros hospitalarios de referencia do Servizo Galego de Saúde, os tres institutos de investigación sanitaria de Galicia e o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga).

Publicidade

O catedrático da UVigo David Posada coordina o proxecto Epicovigal. Foto: Duvi.
O catedrático da UVigo David Posada coordina o proxecto Epicovigal. Foto: Duvi.

“A nosa intención é intentar pór o noso grao de area, axudar desde a ciencia facendo o que sabemos facer”, explica David Posada recalcando a importancia tanto do compromiso como do rigor científico no momento actual. A grandes liñas, resume, Epicovigal consistirá en obter dos hospitais galegos mostras do virus, concretamente do seu material xenético, o ARN, e secuencialo para obter o seu xenoma completo.

A partir desa secuenciación, engade, realizaranse unha serie de análises informáticas, matemáticas e evolutivas que permitirán identificar que variantes do virus hai en Galicia e intentar estimar parámetros epidemiolóxicos, como a taxa de contaxio, as migracións do virus ou as orixes. “O reto principal será obter as mostras axeitadas, nas condicións axeitadas e coa información axeitada para que as poidamos secuenciar e obter o xenoma con fiabilidade. A partir de aí o noso traballo é máis fácil, xa que aplicaremos técnicas que xa coñecemos. O máis difícil é coordinar os esforzos dos once equipos participantes e a loxística das mostras”, indica o investigador do CINBIO, Centro de Investigacións Biomédicas cofinanciado con fondos Feder da UE. Neste senso, David Posada recalca como “non queremos xerar expectativas que non son”, facendo fincapé en que este proxecto “non ten como obxectivo estudar a patoloxía do virus senón estudar como e cando se move en Galicia”.

Publicidade

Segundo explican os promotores da iniciativa, “a vixilancia xeneralizada para a transmisión comunitaria do SARS-CoV-2 é unha necesidade crítica, incluso despois de que a pandemia actual se teña controlado”. O amplo espectro de gravidade da enfermidade, engaden, “dificulta a vixilancia tradicional, de maneira que a epidemioloxía xenómica pode proporcionar información procesable e complementaria para informar a toma de decisións en saúde pública, en particular de maneira asimétrica en distintas áreas sanitarias”.

Os obxectivos que se propón o proxecto, detallan os seus responsables, son varios pero sempre referidos a Galicia. Entre eles están realizar unha mostraxe xenética pormenorizada do SARS-CoV-2 na comunidade autónoma; identificar as súas liñaxes predominantes, orixes e rutas de transmisión; inferir a súa dinámica poboacional; detectar posibles clústeres de transmisión dentro e entre diferentes áreas xeográficas e analizar a variación xenómica deste coronavirus dentro de pacientes. A iniciativa tamén quere pór a punto e comparar a eficiencia de distintas plataformas para a secuenciación xenómica deste virus en hospitais galegos.

Transmisión local e casos importados

Os resultados da proposta, explican os seus promotores, “permitirán entender mellor a circulación do SARS-CoV-2 en tempo e espazo en Galicia”. Así, detallan, grazas a unha mostraxe intensiva (1.000 xenomas), coa análise filodinámica poderase estimar con maior fiabilidade o número mínimo de introducións que ocorreron, os patróns de transmisión e se as cadeas de infección transmitidas localmente teñen sido limitadas en tamaño e duración. “Isto permitirá, por exemplo, saber se a detección e as intervencións implementadas nas áreas de estudo foron efectivas para interromper a transmisión do virus”, apunta o coordinador da iniciativa.

Mediante este proxecto, indican os seus responsables, tamén se pretende xerar unha rede de contactos “entre investigadores e clínicos, universidades e hospitais”, así como pór en marcha unha plataforma de secuenciación e análise xenómica que permita unha monitorización detallada en tempo real de novos brotes do virus en Galicia, de cara a obter información útil para a toma de decisións locais en cada momento. Esta plataforma, sinalan, integrarase e compartirá a súa información con outras plataformas e estruturas similares de ámbito estatal e internacional coas que os promotores do proxecto xa colaboran, en especial coa plataforma NextSpain.


Consulta a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha viaxe virtual polas grandes voces da lírica galega grazas á realidade aumentada

A USC e o CESGA crean unha exposición en homenaxea a destacadas cantantes galegas do século XIX e XX que se pode visitar dende a casa

Un proxecto galego pioneiro estuda doenzas humanas a través dos ollos da lamprea

Un grupo do CINBIO observa en tempo real a reacción dos antigos vertebrados a estímulos visuais para afondar en como se desenvolven patoloxías como a vertixe

O CINBIO facilita a saída da tecnoloxía cuántica do laboratorio ao mundo real

O centro da UVigo participa no proxecto europeo Artemis para crear novas fontes cuántivas máis versátiles, flexibles e rendibles

Un sistema da UVigo permite a liberación precisa de fármacos contra o cancro

A ferramenta modula de xeito independente a administración da quimioterapia e abre novas vías para o tratamento de tumores