Unha tese estuda a flora presente na muralla romana de Lugo

O seguimento dos tratamentos de control da flora vascular da muralla romana de Lugo (Patrimonio da Humanidade, Unesco 2000) e a avaliación do efecto de herbicidas naturais sobre a xerminación de Parietaria judaica L., a especie máis abundante, sobre todo no seu paramento exterior, son obxecto da tese de doutoramento que vén de presentar a enxeñeira de Montes Lucía Torres García na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do campus de Lugo da USC.

A investigación, desenvolvida baixo o título ‘Flora vascular da muralla romana de Lugo: control do crecemento e xerminación da dominante Parietaria judaica L.’ está dirixida polos profesores Elvira A. Díaz  Vizcaíno, pertencente ao grupo de Biodiversidade e Botánica Aplicada, e Antonio Rigueiro Rodríguez, do grupo de Sistemas Silvopastorais.

Publicidade

Os resultados acadados pola investigadora Lucía Torres permiten establecer a periodicidade e a eficacia da aplicación de métodos de control convencionais propostos no Plan de Mantemento da Muralla Romana de Lugo, ao tempo que posibilitan verificar a potencialidade de compostos elelopáticos como inhibidores da xerminación das sementes de P. judaica (dominante no monumento) e o crecemento inicial das súas plántulas.

Lucía Torres co tribunal da súa tese doutoral.

Os traballos desenvolvidos no marco desta investigación de doutoramento abranguen desde a avaliación dos cambios na cobertura da flora que coloniza os seus paramentos, con especial atención a parietaria, en ciclos anuais consecutivos durante tres anos. Daquela, procedeuse á elaboración dun protocolo de actuacións a curto prazo para o control da vexetación incluído especificamente no capítulo medioambiental de dito plan.

Publicidade

A enxeñeira Lucía Torres García constatou asemade na súa tese que a parietaria continúa a ser a especie predominante, sobre todo no exterior da muralla, e recupera a cobertura por rebrote e xerminación. Estas circunstancias obrigaron a esclarecer se resultaba posible reducir a súa cobertura limitando a xerminación e o establecemento de novas plantas.

Para acadar este obxectivo, a investigadora realizou bioensaios de fitotoxicidade dose-resposta cos que estudou unha trintena de produtos (entre eles aceites esenciais e hidrolatos), chegando a coñecer o efecto provocado por cada tipo de substancia sobre a xerminación das sementes de parietaria. Os resultados obtidos coa metodoloxía habitual empregada neste tipo de estudos complementáronse cunha análise da capacidade de recuperación xerminativa e da viabilidade das plántulas, o que permitiu mellorar a avaliación como herbicidas potenciais de cada un dos produtos estudados.

A Parietaria é a especie dominante entre as gretas da muralla romana lucense

Unha vez finalizadas todas as análises, os resultados salientaron unha decena de substancias que son comparativamente máis eficaces, dado que que inhibiron a xerminación das sementes e/ou comprometeron a viabilidade das plántulas, sen que se observara recuperación da súa capacidade xerminativa. Os produtos máis efectivos tamén foron ensaiados en ambiente natural en fases secuenciais ata ser empregados finalmente nunha aplicación directa no monumento, sobre o pull de sementes descoñecido que hai nas gretas entre as pedras das paredes da muralla.

Estas investigacións permitiron verificar a eficacia destes produtos, cando existe unha sincronización entre a aplicación in situ e o inicio da xerminación desta especie, para o que é preciso coñecer a fenoloxía xerminativa e de emerxencia de plántulas, un feito que exemplifica como a aplicación técnica se fundamenta nunha investigación básica.

De xeito complementario, os compostos de maior eficacia no control de P. judaica tamén o foron noutras especies ruderais e arvenses (Epilobium hirsutum L., Rumex obtusifolius L. eSpergula arvensis L.), sobre as que se verificou a potencialidade fitotóxica observada in vitro tamén en condicións ambientais naturais (invernadoiro).

Tribunal da tese

O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento estivo presidido pola catedrática de Produción Vexetal da USC María Rosa Mosquera Losada. O catedrático de Ecoloxía da Universidade de León Estanislao de Luis Calabuig  e Carolina Martínez Ruiz, profesora titular de Ecoloxía da Universidade de Valladolid, completaron a nómina de membros dun tribunal que cualificou esta investigación de doutoramento coa máxima nota de sobresaíntecum laude.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla