Realidade virtual para mellorar a calidade de vida de persoas con dano cerebral adquirido

Un ensaio clínico levado a cabo pola UVigo e Cruz Vermella mostra beneficios físicos e cognitivos en 14 usuarios

O uso de tecnoloxías de realidade virtual inmersiva para mellorar terapias físico-cognitivas en persoas con dano cerebral adquirido constituía o eixe central de TEVI-DCA, unha iniciativa pioneira do grupo de investigación HealthyFit da Universidade de Vigo (UVigo) e Cruz Vermella. Este ensaio clínico levouse a cabo no Centro de Parálise e Dano Cerebral desta organización en Castro, Ribeiras de Lea (Lugo) e a súa avaliación final permitiu constatar como o programa de exercicio desenvolvido permitiu xerar melloras nas funcións executivas, na calidade de vida e na capacidade funcional dos participantes.

Sinalado por Cruz Vermella como “un exemplo de innovación e compromiso coa neurorrehabilitación”, este proxecto terá continuidade coa implantación e avaliación dun novo programa baseado novamente no uso de lentes de realidade virtual, desta volta tanto para a realización de exercicio físico como para levar a cabo traballo cognitivo.

Publicidade

Unha alianza para avanzar na rehabilitación

Como sinalan desde Cruz Vermella, o dano cerebral adquirido, causado por accidentes cerebrovasculares, traumatismos cranioencefálicos, tumores ou infeccións cerebrais, xera secuelas que afectan profundamente as capacidades físicas, cognitivas e emocionais dos pacientes.

O proxecto TEVI-DCA explorou como a realidade virtual pode ser unha ferramenta eficaz para abordar estas secuelas, creando contornas inmersivas personalizadas que favorecen a recuperación e benestar das persoas participantes. Nese senso, desde Cruz Vermella destacan que este programa permitiu aos participantes do centro de Castro beneficiarse dun enfoque terapéutico innovador, deseñado para maximizar os avances funcionais e mellorar a súa calidade de vida.

Publicidade

Metodoloxía e resultados destacados

Neste primeiro ensaio clínico participaron 14 persoas con dano cerebral adquirido, cunha idade media de 52 anos. Ao longo de 19 semanas, realizaron un programa de intervención que combinaba o uso dun cicloergómetro con exergames, videoxogos cunha compoñente física, nunhas lentes de realidade virtual. A avaliación final permitiu detectar melloras, entre outros ámbitos, nas funcións executivas, nos parámetros de calidade de vida relativos ao benestar físico e mental e a na capacidade funcional dos participantes, rexistrándose “avances significativos en forza muscular e autonomía”.

Estes primeiros resultados foron presentados recentemente no centro de Cruz Vermella polo catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e coordinador do grupo HealthyFit, José María Cancela, e polo investigador e profesor da Facultade de Fisioterapia Pablo Campo. Tratábase, lembran, dun proxecto pioneiro, posto que se ben diferentes estudos abordaran previamente os beneficios da actividade física neste colectivo, non existían traballos centrados nun programa de exercicio que incorporase realidade virtual inmersiva.

“Os resultados foron moi bos, sobre todo no referido á mellora cardiovascular e do equilibrio”, sinala Cancela, que lembra que o primeiro obxectivo deste ensaio clínico era confirmar “a usabilidade desta ferramenta” e a súa seguridade á hora de realizar actividade física con este colectivo. “As súas experiencias foron moi positivas e detectáronse melloras practicamente en todas as variables que investigamos”, engade Campo, que sinala que tras o programa rexistráronse melloras nos parámetros referidos a “forza en membros inferiores, funcionalidade da marcha, calidade de vida e funcións executivas”.

Unha liña de colaboración que continúa

Os investigadores da Universidade e Cruz Vermella avogaron por expandir os resultados deste proxecto e explorar novas aplicacións da realidade virtual inmersiva no ámbito da rehabilitación neurolóxica. Con ese obxectivo, iniciaron xa os traballos para a posta en marcha dun novo programa, que recibe o nome de EITI-DCA 2.0 e que busca dar continuidade, con diferentes melloras, ao primeiro ensaio clínico.

“Os resultados foron moi bos, pero, evidentemente, ao ser un proxecto piloto, atopamos tamén algunha debilidade”, apunta Cancela. Nese senso, esta primeira experiencia levou á substitución dos equipos empregados por outros que, valéndose o mesmo exergame, permiten realizar un traballo aeróbico tanto con membros inferiores como superiores. Ao mesmo tempo, apóstase tamén por seguir realizando “intervencións de curta duración”, pero desta volta a unha “alta intensidade”, como explica o responsable deste grupo investigación, que forma parte do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur.

Outra das novidades é que o novo programa sumará a dúas sesións de exercicio físico semanais unha terceira, de carácter intermedio, dedicada “só a tarefas cognitivas”, tamén a través do uso de exergames, “cos que se traballarán aspectos ligados á memoria e á toma de decisións, baixo a dirección da psicóloga xeral sanitaria”, apunta Campo. Trátase dun programa de 20 semanas, que os investigadores buscarán que, no referido á intensidade que se lle requira a cada paciente, sexa “o máis personalizado posible”, apunta Cancela, que incide no diferente “grao de incidencia desta patoloxía”.


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberta unha grande estrutura romana no exterior do castro do Castelo dos Mouros, en Ons

Un equipo da UVigo acha "abondoso material" na terraza intermedia do xacemento e identifica unha gran cantidade de restos de ánforas orixinarias do sur da península e de Italia

Vigo como referente aeroespacial: o lanzamento da misión BIXO permitirá estudar a vida no espazo

O equipo de UVigo SpaceLab, apoiado por Zona Franca, analizará durante nove meses o comportamento de bacterias en condicións de microgravidade e radiación

A UVigo valida no Álvaro Cunqueiro unha tecnoloxía pioneira para medir a calidade do aire en tempo real

A solución, aplicada nunha sala de espera do hospital vigués, combina sensores de baixo custo e algoritmos avanzados

O sueste de Ourense, entre as áreas de España con maior probabilidade de sufrir grandes lumes

Un estudo da UVigo baseado en máis de 120.000 simulacións alerta do impacto do cambio climático na evolución e intensidade dos incendios forestais