Moitas persoas acoden cada solpor coa esperanza de presenciar o fenómeno coñecido como raio verde: un breve escintileo que se pode apreciar durante menos dun segundo, xusto no intre no que o Sol se oculta no horizonte. O pasado 1 de outubro, dende un punto de Pontedeume, o fotógrafo David Couce conseguiu inmortalizar ese instante tan desexado coa súa cámara e, ademais, con dobre mérito: captou a imaxe dun triplo raio verde.
Trátase da segunda vez que Couce logra fotografar este fenómeno seguindo esta composición. Nesta ocasión fixo coincidir a posta do Sol cun encadre no que tamén aparecen a Torre de Hércules, situada a 18 quilómetros, e as Illas Sisargas, a 53.
A composición non é froito da casualidade: só é posible obtela durante tres xornadas concretas do outono e outras tres na primavera. “As posibilidades de que o horizonte estea despexado xusto nestes días é unha lotería”, explica o fotógrafo, quen asegura no seu perfil de X que leva cinco anos intentando capturar esta perspectiva.
E cal é a explicación científica? O raio verde prodúcese cando, baixo certas condicións atmosféricas, a luz solar sofre cun proceso de dispersión e difracción. Este efecto anula algunhas cores do espectro visible e potencia aquelas ondas arredor dos 525 nanómetros, que corresponden aos tons verdosos perceptibles a simple vista.
Que é un triplo raio verde?
O raio verde adoita manifestarse como un único escintileo fugaz. Con todo, en circunstancias moi específicas de refracción, dispersión e turbulencia da atmosfera, é posible que aparezan varios escintileos consecutivos. Foi o que ocorreu na imaxe captada por David Couce, na que se distinguen tres flashes verdes case seguidos.
Para poder observar este fenómeno, sexan raios simples ou múltiples, é necesario que se dean unhas condicións concretas: un horizonte despexado, ceo limpo sen nubes, néboa nin contaminación, e unha boa visibilidade dende calquera altitude.














