Un equipo galego descobre que algúns fármacos contra a obesidade teñen efectos beneficiosos no fígado

O CiMUS e a Universidade de Toronto investigan as aplicacións de substancias baseadas en GLP-1 en enfermedades hepáticas, o que permitiría elaborar tratamentos personalizados

Os fármacos baseados en GLP-1 revolucionaron o tratamento de enfermidades metabólicas como a diabetes e a obesidade, e nos últimos anos demostraron beneficios que van moito máis alá. Agora, un estudo levado a cabo polo Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago (USC) e o Lunenfeld-Tanenbaum Research Institute (LTRI) da Universidade de Toronto demostra os efectos directos da semaglutida sobre o fígado, independentemente da perda de peso. O artigo, publicado na revista Cell Metabolism, explicaría a súa eficacia fronte á enfermidade hepática metabólica.

A semaglutida é un medicamento agonista do receptor GLP-1 que regula o azucre en sangue e reduce o apetito. Esta investigación demostra que dito receptor se atopa nun tipo moi específico de células endoteliais —aquelas que recobren o interior dos vasos sanguíneos— do fígado e que actúan como coordinadoras do funcionamento hepático.

Publicidade

Cando a semaglutida activa este receptor, desencadéase unha rede de sinais que reduce a inflamación, diminúe a fibrose e favorece a recuperación do tecido hepático. Este achado supón un cambio relevante na comprensión de como actúan os fármacos baseados en GLP-1. Segundo explica a autora principal do estudo, María Jesús González Rellán: “Identificar estes mecanismos directos axúdanos a entender mellor a súa eficacia e abre a porta para desenvolver terapias máis específicas e a determinar que pacientes poden beneficiarse máis destes tratamentos”.

O 30% da poboación mundial afectada

A enfermidade hepática metabólica afecta preto do 30% da poboación mundial e, ata hai pouco, non contaba con tratamentos eficaces. Dado que esta patoloxía está estreitamente asociada coa obesidade e a diabetes, ata o de agora asumíase que a melloría observada con fármacos baseados en GLP-1 era consecuencia indirecta da perda de peso. Con todo, ensaios clínicos recentes mostraron resultados inesperados: algúns pacientes melloraban mesmo antes de adelgazar ou sen facelo de forma significativa, o que suxería a existencia de mecanismos adicionais.

Publicidade

Neste contexto, o estudo, liderado pola investigadora María Jesús González Rellán, e desenvolvido no grupo de Daniel Drucker (Universidade de Toronto), identificou un deses mecanismos. O traballo contou ademais coa participación das investigadoras Cristina Riobello e Marta Varela Rey, do grupo Liver Metabolism and Disorders Laboratory (LIMED) do CiMUS.

Cristina Riobello e Marta Varela Rey, CiMUS (USC). Imaxe: Gabinete de comunicación da USC
Cristina Riobello e Marta Varela Rey, CiMUS (USC). Imaxe: Gabinete de comunicación da USC

“Durante anos asumiuse que a melloría hepática con estes fármacos era consecuencia da perda de peso. Os nosos resultados mostran que a semaglutida tamén actúa directamente sobre o fígado, activando células que coordinan a resposta fronte á inflamación e á fibrose”, explica González Rellán. “Este estudo reforza, por tanto, a idea de que a semaglutida non só axuda a perder peso, senón que exerce unha acción protectora directa sobre o fígado, o que consolida o seu papel como ferramenta clave fronte a enfermidades metabólicas complexas”, conclúe. 

A achega galega

O traballo presenta un contexto especialmente relevante para Galicia. A investigación levouse a cabo no laboratorio de Daniel Drucker, recentemente distinguido co Premio Princesa de Asturias e o Premio Fronteiras do Coñecemento polo descubrimento e desenvolvemento das terapias baseadas en GLP-1, e conta cunha participación salientable de persoal investigador vinculado ao CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela, o que reforza a contribución galega a un ámbito de impacto clínico e social.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un centro da USC lidera unha rede europea arredor dos mecanismos xénicos das enfermidades humanas

O proxecto DECODES, coordinado polo CiMUS, contará con 4,5 millóns de euros e formará 15 investigadores predoutorais para estudar o papel do ‘splicing’

Un proxecto galego propón usar nanopartículas inocuas en inmunoterapias celulares

A iniciativa Nano-ARN, liderada pola investigadora da USC María José Alonso, busca comercializar a través dunha 'spin-off' un reactivo con alta capacidade de integración do ARN

O exceso de frutosa pode debilitar as defensas naturais das arterias fronte á calcificación

Unha investigación da USC revela que a exposición prolongada ao monosacárido altera a produción de enerxía no fígado

Investigadores do CiMUS abren unha vía nova para combater o carcinoma de tiroide máis agresivo

O proxecto siRNA, apoiado polo programa Ignicia da Xunta, desenvolve unha terapia experimental para matar as células tumorais de diversos cancros indiferenciados