Unha nova Unidade Mixta da USC impulsa terapias innovadoras en cancro e enfermidades inflamatorias

A colaboración con SunRock Biopharma integra grupos do CiMUS para validar candidatos terapéuticos en fases temperás

A USC e a compañía biotecnolóxica SunRock Biopharma puxeron en marcha unha Unidade Mixta de Investigación co obxectivo de acelerar o desenvolvemento de novas terapias biolóxicas en oncoloxía e enfermidades inflamatorias inmunomediadas con necesidades clínicas non cubertas. A iniciativa, cuxa resolución foi publicada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), contará cun orzamento total de 2.728.106 euros durante case tres anos e está cofinanciada nun 60% con fondos estruturais da Unión Europea ao abeiro do programa Galicia Feder 2021-2027.

A Unidade Mixta está coordinada pola profesora Mabel Loza, directora científica do Centro Singular de Investigación en Medicamento Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), e reúne a tres grupos de investigación do centro. Estas capacidades compleméntanse coa participación do Centro de Biomedicina Experimental (CEBEGA), unha infraestrutura singular da USC con capacidades científico-técnicas no uso de modelos animais e investigación preclínica únicas en todo o noroeste peninsular.

Publicidade

Por parte do CiMUS interveñen a Plataforma de cribado de fármacos e farmacoxenómica Innopharma do ERIC EU-OPENSCREEN, liderada por Mabel Loza; o Grupo Ciclo Celular e Oncoloxía, que dirixe Anxo Vidal, dedicado á identificación e validación de novas estratexias terapéuticas en cancro; e o Laboratorio de Biomarcadores de Imaxe Molecular e Teragnose, dirixido por Pablo Aguiar, que achega experiencia no estudo da biodistribución e a farmacocinética de fármacos mediante técnicas avanzadas de imaxe molecular e radiomarcaxe. Ademais, conta coa colaboración da Fundación Kærtor, para potenciar a investigación preclínica pre-regulatoria en Galicia.

O proxecto centrarase no avance de novas aproximacións terapéuticas baseadas en anticorpos monoclonais e conxugados anticorpo fármaco (ADCs), con especial foco en dianas como CCR9 e HER3, áreas nas que SunRock conta con programas propios en desenvolvemento.

Publicidade

Da ciencia académica ao activo licenciable

O obxectivo da Unidade é acelerar o proceso de validación inicial dos fármacos para acurtar o tempo en que as novas opcións terapéuticas están dispoñibles para os pacientes. A Unidade Mixta articúlase baixo un modelo de innovación aberta orientado a transformar coñecemento científico en activos con potencial de desenvolvemento industrial. A colaboración permitirá xerar e validar datos preclínicos en fases temperás, optimizando a selección de candidatos e reducindo incerteza antes da súa transferencia a grandes empresas farmacéuticas que completen o seu desenvolvemento. Este enfoque alíñase coa estratexia de SunRock Biopharma, centrada en avanzar os seus programas ata etapas preclínicas e clínicas iniciais para maximizar o seu valor mediante acordos de licenza con compañías farmacéuticas.

“Esta Unidade Mixta permítenos integrar ciencia académica de primeiro nivel no noso proceso de xeración de activos e acelerar a obtención de datos chave para tomar decisións de desenvolvemento e partnering”, sinala Juan Buela, director xeral de SunRock Biopharma. “O noso obxectivo é converter hipóteses biolóxicas sólidas en programas con potencial real de licenza no menor tempo e co menor risco posible”.

A coordinadora da iniciativa, a profesora Loza, destaca que a creación desta Unidade Mixta responde á necesidade de modelos colaborativos que acurten a distancia entre investigación básica e aplicación clínica. En particular, resalta que “a combinación de capacidades académicas e empresariais permitirá optimizar recursos, mellorar a calidade dos datos xerados e aumentar a probabilidade de éxito en fases temperás do desenvolvemento”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos