Galicia, referente en medicina nuclear: “Abre unha esperanza para os tumores cerebrais”

O investigador do CiMUS e do IDIS Pablo Aguiar detalla os avances dos radiofármacos como tratamentos máis precisos fronte ao cancro

Non é unha sorpresa que Galicia continúe a consolidar o seu papel no mapa internacional da innovación biomédica. Un equipo do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago (USC) e do Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS) participou recentemente nunha misión de expertos en Bos Aires (Arxentina), organizada e financiada pola Axencia Internacional de Enerxía Atómica (OIEA), co obxectivo de impulsar a formación en tecnoloxías nucleares aplicadas ao ámbito sanitario.

A este avance súmase un fito destacado para o ecosistema científico galego: a chegada a Vigo dos últimos compoñentes do acelerador de protóns do futuro Centro de Protonterapia de Galicia, unha infraestrutura chamada a ofrecer, dende 2026, un tratamento máis preciso contra o cancro.

Publicidade

Entre o persoal que viaxou á Arxentina atópase Pablo Aguiar, investigador do CiMUS e do IDIS, ademais de responsable do Grupo de Imaxe Molecular e Física Médica (MIMP). En GCiencia conversamos con el para coñecer máis sobre o presente e o futuro da medicina nuclear.

—Como avanzou a medicina nuclear nas últimas décadas e que papel xoga hoxe no diagnóstico e tratamento do cancro?

Publicidade

—A medicina nuclear é unha especialidade médica moi antiga, que comeza practicamente a principios do século pasado co tratamento de pacientes con enfermidades da tiroide mediante radiofármacos. Durante moitos tempo centrouse nas terapias para o hipertiroidismo e o cancro de tiroide, así como en procedementos diagnósticos con gammagrafías.

Ata hai un par de décadas, tratábase dunha especialidade pequena dentro do ámbito hospitalario. Con todo, coa chegada das novas tecnolóxías, especialmente do PET (Tomografía por Emisión de Positróns), tivo un impulso moi grande. O PET ampliou as indicacións diagnósticas, sobre todo en oncoloxía e neuroloxía, que hoxe son os principais campos de referencia. Isto provocou un incremento no número de pacientes que acoden diariamente aos servizos de medicina nuclear.

Nos últimos cinco anos, a vertente terapéutica da especialidade experimentou tamén un avance significativo dos radiofármacos terapéuticos. Trátase dunha evolución dos tratamentos da tiroidea, pero agora aplicados a máis patoloxías. Así, agora están indicados para tratar cancro de próstata e tumores neuroendocrinos. Ademais, abren unha esperanza para os tumores cerebrais, cuxa aplicación estase a estudar en ensaios clínicos. Estamos a vivir un ‘boom’ no uso de radiofármacos terapéuticos, tanto en ensaios clínicos como en desenvolvemento tecnolóxico, e todo indica a que continuarán medrando de forma moi significativa nos próximos anos.

—Neste contexto, que é a imaxe preclínica e como axuda a entender o desenvolvemento de novos tratamentos contra o cancro?

—Como en calquera ámbito médico, o desenvolvemento de novos radiofármacos, tanto diagnósticos como terapéuticos, require unha fase previa de investigación en modelos animais, principalmente ratos e ratas. Antes de levar un radiofármaco a un ensaio clínico e, posteriormente, á práctica asistencial, hai que realizar unha avaliación en animais que permita verificar a súa seguridade.

A delegación galega en Bos Aires. Foto: USC
A delegación galega en Bos Aires. Foto: USC

Este é un dos valores que temos concentrados en Santiago, tanto no hospital como na universidade. Contamos cunha infraestrutura específica que nos converte nun centro de referencia neste ámbito. Un servizo medicinal nuclear hospitalario dispón dun escáner PET e dunha gammacámara, equipos cun custo que ronda os dous millóns de euros cada un. Pois ben, un laboratorio de imaxe preclínica utiliza exactamente as mesmas tecnoloxías, pero adaptadas a animais. Trátase de versións máis pequenas destes equipos, aínda que igualmente moi custosas. Por exemplo, no noso caso dispoñemos dun PET preclínico para estudos en ratos e ratas que chega ao millón de euros. 

—En que consiste o desenvolvemento dun radiofármaco e como se asegura a súa eficacia antes de chegar aos pacientes?

—Un radiofármaco está formado principalmente por dous elementos: unha molécula e un isótopo radiactivo. A molécula debe deseñarse para que, unha vez administrada por vía intravenosa, se una a unha diana que se expresa nun tumor, como pode ser unha proteína sobreexpresada nas células tumorais. Se conseguimos que esa molécula se una a esa proteína e lle engadimos un isótopo que emita radiación, obtemos un composto capaz de irradiar localmente o tumor. É un tipo de radioterapia, pero administrada de forma interna.  

Na radioterapia convencional utilízanse grandes aceleradores que dirixen a radiación dende o exterior do corpo, algo semellante a apuntar cunha escopeta: apúntase ao tumor dende fóra e dispárase contra el. Pola contra, en medicina nuclear o que facemos é administrar un fármaco por vía intravenosa. Ese fármaco circula polo organismo e acumúlase no lugar onde debe actuar. Cando chega ao tumor, emite radiación de forma moi localizada.

Trátase, polo tanto, dunha terapia moito máis especifica, porque irradiamos o tumor in situ. Na radioterapia externa, para chegar a un tumor de próstata, por exemplo, é necesario irradiar un montón de tecidos polo camiño. No caso da medicina nuclear, falamos dunha radioterapia interna cun grao de especificidade semellante ao que ofrece a protonterapia.

—Cales son os principais retos de deseñar un radiofármaco novo?

—O maior desafío é desenvolver un composto suficientemente específico. O escenario ideal é que, cando administras un radiofármaco a un paciente, o 100% do composto se acumule no tumor e non haxa distribución ao resto de tecidos. Así, toda a radiación emitida actuaría exclusivamente sobre o tumor, sen afectar o resto de órganos. Actualmente, iso é imposible.

O que temos que facer é deseñar radiofármacos cada vez máis selectivos. Para iso, unimos anticorpos monocoronais que se unen especificamente a receptores presentes só nas células tumorais. Este tipo de deseño permite que a acción do radiofármaco sexa o máis precisa posible.

—Que papel poden chegar a xogar os radiofármacos en tumores máis difíciles de tratar, onde as terapias convencionais non funcionan tan ben?

—En tumores de difícil acceso, que non se poden operar ou que se difunden e metastatizan rapidamente, se conseguimos deseñar fármacos que se unan de forma específica ás células tumorais, podemos actuar a nivel individual. Como a administración do radiofármaco é sistémica, podería alcanzar incluso células que se intentan escapar do tumor principal, unirse a elas e destruílas. Isto sería impensable coa radioterapia convencional, que só apunta o tumor primario e non pode seleccionar células que escaparon.

—Entón, mirando cara ao futuro, veremos radiofármacos máis “personalizados” que estarán deseñados para características máis específicas dependendo do tumor?

—Exactamente, esa é a idea de teragnose. Falamos de teragnose porque estes radiofármacos teñen unha función diagnóstica e terapéutica ao mesmo tempo. O mesmo composto permite realizar un estudio de imaxe para ver como se distribúe no organismo. Deste xeito podemos comprobar se se acumula no tumor ou non, e posteriormente usar ese mesmo radiofármaco con fins terapéuticos.

A terapia baseada en teragnose permite axustar o tratamento segudo os resultados do estudo de imaxe. Por exemplo, se detectamos que parte do fármaco se acumula nos riles ou no fígado e iso pode ser perigoso, podemos modificar a dose ou o tempo de administración. Ao final, o propio estudio de imaxe serve para personalizar completamente o tratamento, determinando a dose exacta ou o momento de administración. 

—Galicia terá un novo centro de protonterapia. Que impacto pensa que terá para os pacientes e o sistema sanitario?

—Estamos a falar da técnica de referencia actualmente no campo da radioterapia. Levamos moitos anos tratando pacientes con radioterapia convencional, baseada principalmente en fotóns e electróns, pero a protonterapia é completamente distinta, xa que emprega outro tipo de partículas. Isto permite administrar o tratamento de forma máis precisa, depositando máis enerxía directamente no tumor e moita menos nos tecidos sans circundantes.

O mesmo centro que visitamos en Bos Aires está a montar un centro de protonterapia equivalente ao que se construirá en Santiago, o que nos permitiu coñecer de primeira man as instalacións. No CiMUS, as nosas liñas de investigación en medicina nuclear céntranse no desenvolvemento de radiofármacos terapéuticos, sobre todo para o tratamento de tumores cerebrais.

Formou parte da misión da Comisión Nacional de Energía Atómica (CNEA) en Arxentina. Como foi a experiencia?

—A misión en Bos Aires, organizada pola OIEA, tiña un carácter principalmente formativo. Previamente, nós recibimos en Santiago a dous investigadores do centro de Bos Aires durante dous meses e 15 días, aos que partimos formación especializada. A nosa viaxe enmárcase no mesmo obxectivo: impartir distintos seminarios en varios centros, compartindo con eles a nosa experiencia no campo. A concesión do proxecto é do Centro de Enerxía Atómica de Bos Aires, que selecciona centros de referencia para levar a cabo este intercambio de coñecemento.

Durante a experiencia, comprobamos case de casualidade que as sinerxías entre o CiMUS, o IDIS e o centro de Bos Aires son grandes: temos exactamente a mesma tecnoloxía en medicina nuclear, o mesmo equipo PET, a mesma infraestrutura de investigación preclínica e, ademais, eles están a montar un centro de protonterapia case ao mesmo tempo ca nós.

Estamos nun nivel de recursos tecnolóxicos practicamente equivalente, aínda que a situación económica en Arxentina é moito máis complicada que en España. Grazas a inversións previas, teñen unha capacidade científica para que poidamos desenvolver proxectos de colaboración exitosos, mesmo cun número limitado de recursos hmanos.

—Dende a súa perspectiva, cales son os factores que fan que o CiMUS sexa un centro de referencia na medicina nuclear?

—Principalmente, porque estamos en sintonía co Servizo de Medicina Nuclear. Formamos parte do mesmo grupo de investigación: a xefa do servizo, Virginia Pubul, e eu coordinamos o grupo. Para nós, é un valor esencial, xa que permite que a investigación estea moi vinculada ás necesidades reais dos pacientes. Eu non son clínico, son investigador, polo que ter este contacto directo coa clínica é unha vantaxe que non está presente na maioria dos centros universitarios, onde o vínculo adoita ser máis indirecto. 

A nivel tecnolóxico, estamos moi ben situados. Contamos cun equipamento de imaxe preclínica e clínica, así como cun ciclotrón, que é onde se producen os radiosótopos necesarios para fabricar radiofármacos. Que todos estes recursos estean concentrados nun espazo tan pequeno, dende onde está o CiMUS na Avenida Barcelona ata o CHUS, a só 200 metros, e o ciclotrón a 100 metros, é unha singularidade que se dá en moi poucos centros en Europa.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Yolanda Prezado: “O Centro de Protonterapia situará Galicia nunha situación privilexiada para investigar”

A física galega, premiada co Wonenburger 2026, consolidou a súa traxectoria en Francia e regresou en 2024 a Galicia para crear escola no eido da radiobioloxía

A nova Unidade Mixta da USC avanzará en anticorpos terapéuticos para cancro e doenzas inflamatorias

A iniciativa reúne persoal investigador do CiMUS e a biotecnolóxica SunRock Biopharma para impulsar tratamentos biolóxicos de precisión

A física Yolanda Prezado, premio Wonenburger 2026 polos seus estudos en radioterapia

A Unidade de Muller e Ciencia da Xunta concede por unanimidade o galardón á investigadora galega, considerada unha referencia europea en protonterapia

Unha nova Unidade Mixta da USC impulsa terapias innovadoras en cancro e enfermidades inflamatorias

A colaboración con SunRock Biopharma integra grupos do CiMUS para validar candidatos terapéuticos en fases temperás