Sábado 27 Abril 2024

Comesaña: “O Centro de Protonterapia tratará pacientes de cancro a mediados de 2025”

O conselleiro de Sanidade fala da situación da sanidade galega e dos novos proxectos de terapias oncolóxicas

Con máis de 16.000 novos casos de cancro ao ano en Galicia e máis de 8.000 mortes causadas por tumores, a busca de tratamentos máis efectivos é un dos principais obxectivos da comunidade científica galega. Coa recente instalación do Centro de Terapias Avanzadas CAR-T, que busca alternativas terapéuticas para aquelas persoas ás que non lle funcionan as terapias convencionais, e o impulso do Centro de Protonterapia, que propicia unha radiación máis localizada dos tumores, Galicia tamén busca o seu camiño nos avances oncolóxicos que melloren a vida dos pacientes con cancro. E, tamén, trata de evitar unha enfermidade que se cobra miles de vida ao ano. É o exemplo do Proxecto Xenoma, que fará cribados masivos na poboación galega para anticiparse a enfermidades como o cancro de mama e a hipercolesterolemia familiar. Falamos co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sobre o estado de todos estes proxectos e das dificultades ás que se enfronta o servizo de saúde público en Galicia, como a falta de médicos na atención primaria e a necesidade de mellorar a asistencia en saúde mental.

Cada ano morren en Galicia 8.000 persoas a causa do cancro. Dende a Consellería de Sanidade estase a impulsar o Centro de Protonterapia de Galicia, que permitirá unha radiación máis localizada dos tumores. En que estado está o proxecto?

Publicidade

—Queremos un centro no que, ademais de tratar pacientes, se poida investigar. Para evitar os prazos longos da construción licitamos o proxecto e máis a obra, sacamos o concurso e decidimos construílo nunha parcela que hai ao lado do hospital Gil Casares. A obra adxudicouse o verán pasado e comezouse a traballar en setembro. Obtivemos a licenza municipal e construíuse un párking que probablemente empece a funcionar xa. Polo tanto, o proxecto está moi avanzado. De feito, facemos un seguimento mensual con todas as comunidades autónomas e o noso é o que está máis adiantado.

—Cando está previsto que comece a funcionar?

—O proceso é longo. Aínda que unha vez que remata a obra xa se pode instalar o equipo, tárdase un ano en axustalo. Empezamos a obra en xaneiro, de maneira que a parte na que vai o equipo poida estar rematada antes e, así, a parte de consultas se poida ir facendo nese ano de marxe. O noso obxectivo é que, idealmente, o equipo poida chegar entre mediados e finais de 2024 e estea listo un ano despois. É dicir, está previsto que o Centro de Protonterapia trate pacientes de cancro a mediados de 2025.

O proxecto inclúe dous búnkeres: un para tratamento e outro para investigación, coa posibilidade de amplialo nun futuro. Deseñamos o edificio de maneira que, se a técnica se consolida, se poida construír unha terceira sala ao lado. Non sei vai facer agora, pero si que haberá unha posibilidade de crecemento no futuro. Ese segundo búnker ten moito compoñente de investigación. Está supervisado por persoas que se dedican a investigar en protonterapia para asegurarnos de que o que estamos deseñando agora sexa válido. Por exemplo, haberá unha entrada independente para os animais. Así, se tes que radiar un animal non o tes que meter pola zona de pacientes. En xeral, o Centro de Protonterapia de Galicia está orientado a que a investigación sexa fundamental.

—Neste senso, Galicia tamén impulsou o Centro de Produción de Terapias Avanzadas (CAR-T), que comezará a recrutar pacientes nas próximas semanas. Cantas persoas se van seleccionar?

—O centro é unha decisión importante que se tomou hai tempo; a de apostar polos CAR-T académicos. De momento estamos subministrando CAR-T comerciais e, de feito, xa levamos 80 pacientes tratados; 26 deles en Galicia, porque é unha técnica que usamos dende hai tempo nos hospitais. Pero non só aspiramos a administralo, senón a deseñalo e a producilo. Para iso unímonos coas tres universidades galegas e deseñamos un instituto específico para o desenvolvemento de terapias avanzadas. A Universidade de Santiago cedeunos o espazo onde fixemos a obra. Licitouse e instalouse o equipamento por parte da mesma empresa que construíu o do Clinic de Barcelona. Tamén fixemos un proceso de contratación de persoal usando criterios para a recuperación desta xente que estaba a traballar fóra nestas terapias avanzadas pero que era de orixe galega.

No que respecta ao equipo, xa está dentro pero estamos pendentes das probas de seguridade e de bioequivalencia. No Clínic de Barcelona desenvolveron, con terapias celulares académicas, un CAR-T que se chama ARI 0001; o primeiro CAR-T académico aprobado en Europa pola Axencia Europea do Medicamento (EMA, polas súas siglas en inglés). Despois fixeron o ARI 0002 e o ARI 0003. En Galicia imos facer o ARI 0003. O primeiro que imos facer é comprobar que o que fabricamos nós é exactamente igual ao do Clínic de Barcelona. En paralelo, o ARI 0003 está en fase de ensaio clínico e por iso imos comezar a recrutar pacientes para ser tratados con CAR-T ARI 0003. Aínda que algúns se poidan tratar ao principio coa terapia fabricada en Barcelona, pode que en 15 días ou un mes xa poidan ser tratados co ARI 0003 producido en Galicia.

—Que criterios se seguen para a selección de pacientes?

—Establéceos un comité clínico. Nos CAR-T industriais un dos requisitos do mieloma é que se deran tres ciclos de quimioterapia, un transplante e que tiveras unha recaída. Cando hai un fármaco novo vai ao final da cadea e pouco a pouco vai escalando postos ata que ao final se converte nun fármaco de primeira liña. A día de hoxe, estas terapias CAR-T son de terceira ou cuarta liña.

—Ademais de tratar de mellorar o tratamento contra o cancro, hai proxectos que buscan previlo. É o caso do Proxecto Xenoma Galicia, que agarda ter 400.000 mostras en cinco anos. Como de realista é este obxectivo?

O Proxecto Xenoma Galicia ten dous compoñentes: un meramente asistencial e outro máis investigador. O asistencial xurdiu do noso programa de cribado do cancro de mama, que estaba entre os 50 e os 70 anos. O ano pasado a Comisión Europea recomendou ampliar dos 45 aos 75 anos. En Galicia comezamos a cribar ata os 75 anos, o que supón a revisión de 100.000 mulleres adicionais. Pero para as mulleres máis novas barallamos outras opcións. A mamografía, como toda proba radiolóxica, ten un risco. En vez de facerlla ás mulleres de entre 45 e 50 anos propuxemos un test xenético. É dicir, escóllese a poboación diana, que son as mulleres que dan positivo na mutación BRCA 2. De igual maneira que lle iamos ofrecer un test xenético a estas 100.000 mulleres preguntámonos por que non o iamos facer de máis enfermidades. Iso si, daquelas que estean contrastadas e que se poidan tratar.

O proxecto Xenoma busca patróns xenéticos característicos da poboación galega

Por iso nos centramos en tres patoloxías: o cancro de mama, a sínfrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Reunímonos con expertos e confirmáronnos que se podían detectar a través dun estudo xenético e, despois, tratar. Esta é a parte asistencial do Proxecto Xenoma. No caso da hipercolesterolemia tamén a escollemos porque é unha patoloxía que se pode tratar dende a Atención Primaria. De todos modos, ninguén fixo un proxecto coma este. Hai unha experiencia parecida no UK Biobanc con 500.000 persoas e en Galicia temos o obxectivo de facelo con 400.000. Para saber canta xente se vai presentar valoramos unha enquisa previa que se fixo en Australia con datos moi positivos: o 92% da xente á que invitan fai o cribado. Agora en maio imos facer unha primeira invitación a 1.000 persoas e así tamén veremos cales son as taxas de resta. Outra pata fundamental do proxecto é cruzar toda esa información xenética coa historia clínica electrónica. É dicir, poder obter unha hipótese diagnóstica do xenoma e confirmar coa súa evolución se acabou desenvolvendo determinada patoloxía.

Outro obxectivo do proxecto é identificar os patróns xenéticos característicos da poboación galega. En xeral, somos unha poboación estable, pero este proxecto permitiría detectar unha alteración xenética, deseñar un fármaco para tratala e producilo en Galicia. Ese é o obxectivo final. Para iso enviamos un kit cunha mostra de saliva, como a da covid, e un QR ao que podes acceder para ter toda a información. Agardamos que a resposta que se nos envíe tamén sexa dixital. Ademais da mostra de saliva, imos ofrecerlle unha de sangue a 100.000 galegos para ter un biobanco. Imaxina que no futuro hai unha técnica nova de xenotipado para aplicarlla… É un proxecto ilusionante porque ten unha aplicación directa na asistencia.

—De todos modos, un aviso recorrente por parte da comunidade científica é que non hai moita participación nos cribados.

—En mama si que temos unha participación altísima que acada case o 90 % en función da área sanitaria pero é certo que no de colorrectal non chegamos ao 50 %. Agora cambiamos o modelo. Cando comezamos a facelo en 2013 seguimos o modelo valenciano, que mandaba invitacións e, se a persoa aceptaba, enviábaselle o kit. Polo tanto, era un modelo máis barato. O vasco enviaba directamente o kit á casa, co risco de que houbese persoas que o tiraran. Agora estamos a empregar este último e aumentamos a participación en case 5 puntos.

A participación no cribado de cancro colorrectal non chega ao 50%

—No que respecta á saúde mental, Lugo é a provincia que ten unha maior taxa de suicidios. Os últimos datos do INE, relativos a 2022, indican que hai 59,87 psicólogos en Galicia por cada 100.000 habitantes, por debaixo dos 80,36 do conxunto de España. A Consellería non valora a realización dun plan para a mellora da saúde mental? De feito, esta é unha das reivindicacións da manifestación que se celebrou o 4 de febreiro en Santiago.

—Non soamente hai unha idea, senón que xa se fixo. Había un plan de saúde mental no que se estaba a traballar dende a consellería cando chegou a covid e relanzouse xusto a continuación. É o plan de saúde mental 20-24 que contempla a incorporación de 240 profesionais en un orzamento de 83 millóns de euros. Aprobouno o Consello da Xunta, levouse ao Parlamento e, por certo, votaron en contra quen se estaba a manifestar o 4 de febreiro en Santiago.

Neste proxecto, xa desenvolvido, púxose unha unidade de suicidio en cada área sanitaria porque só tiñamos unha en Ourense, así que ese modelo estendeuse por toda Galicia. Tamén hai unidades infanto-xuvenís en todas as áreas sanitarias; só queda Pontevedra porque se vai implantar no novo hospital. E tamén hai unha unidade adicional de ingreso infanto-xuvenil en Vigo que dispón de 12 camas, que se suman ás seis que hai en Santiago. Tamén se ampliaron as unidades de saúde mental en cinco: pasamos de 47 a 52. E puxéronse psicólogos clínicos de enlace en todas as áreas sanitarias.

O plan de saúde mental 20-24 incorporou 240 novos profesionais

En definitiva, hai 240 profesionais máis que xa están incorporados. Así que que alguén veña a falar dun plan de saúde mental cando xa está en marcha e votaron en contra… Que podemos investir máis? Seguro. Ademais, nós xa anunciamos a continuidade do plan, sobre todo coa presenza de psicólogos clínicos en Atención Primaria. Onde hai unidades de saúde mental xa hai psicólogos pero non cremos que teñan que estar illados, senón conectados a unha unidade de saúde mental. O que queremos é que desas 52 unidades, compostas por un psicólogo, haxa máis profesionais que poidan contactar e recibir pacientes nos cetros de saúde.

Outro problema engadido é que para ser psicólogo clínico tes que facer o PIR e ter unidades docentes. Xa estamos en loita co Ministerio para formar médicos de familia e pelexaremos por máis psicólogos clínicos, que van facer falla. É certo que queda algún psicólogo por incorporar e, de feito, na lei de oferta de prazas de difícil cobertura de 2022 tamén incluímos a saúde mental. Nas vindeiras semanas ofertarase un proceso para obter praza a través dun concurso de méritos en saúde mental. Pero, por exemplo, non atopamos psiquiatras.

—Por que non atopan psiquiatras?

—As características de formación na especialidade de psiquiatría e de familia están acoutadas polo Ministerio e nós seguimos dicindo que hai que flexibilizar os criterios. Fronte a unha formación óptima a alternativa é que non o teñas formado, así que é mellor flexibilizar. O que pasou é que nós fixemos un gran esforzo en contratar psiquiatras e, de feito, trouxémolos da privada. Eu creo que o proxecto é o suficientemtne atractivo para moitos pero aínda non hai suficientes. Nós estamos tomando medidas para formar pero tamén para atraer os que están dispoñibles.

O 30% das prazas de médico de familia acaban en urxencias porque non hai unha especialidade

Que ocorre en Atención Primaria? Moitos médicos están sen substituír e moitos pacientes teñen que esperar ata 15 días para unha cita médica.

—En Atención Primaria en Galicia temos 7.000 profesionais máis que hai uns anos. Hai máis médicos de familia; o que non temos son substitutos. Cando un médico de familia colle unha baixa imos ás lista de contratación e o resultado é 0. Non hai médicos. Pero non os hai porque marchen, dado que o 90% dos que formamos quedan con nós. Pero temos unha fuga importante. Se ti es médico e queres traballar nas urxencias, onde as condicións son boas e é unha especialidade moi vocacional, a alternativa é facelo como médico de familia. O 30% das prazas de médico de familia acaban en Urxencias porque non hai especialidade. Por iso Galicia foi unha das comunidades autónomas que liderou a petición de que haxa unha especialidade.

Ao final conseguímolo e está autorizada dende o ano pasado. Estámoslle pedindo ao Ministerio que a poña a disposición canto antes. Na elección destes días, de feito, non hai Urxencias para escoller. Se fose así, iso incrementa nun 30% as prazas que hai para médicos de familia.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así espertamos o sistema inmunitario para que aniquile o cancro

O primeiro tratamento de inmunoterapia celular que usa linfocitos infiltrantes do tumor acaba de ser aprobado en Estados Unidos

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

▪️ Expertos en tecnoloxía, ciencias e humanidades asesoran a Xunta para o uso ético da IA

A comisión de especialistas elabora recomendacións para impulsar accións formativas e a sensibilización na administación e empresas

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue