Un equipo galego crea un novo modelo celular para investigar unha doenza ultrarrara

A heteroplasia ósea progresiva trátase dunha enfermidade de orixe xenética que provoca a formación gradual de óso en tecidos onde non debería existir, como a pel ou os músculos

A investigadora do IDIS, María José Currás Tuala, foi distinguida pola Cátedra de Enfermidades Pouco Frecuentes da Universidade de Almería polo seu labor no desenvolvemento da liña de investigación sobre Heteroplasia Ósea Progresiva (HOP), unha enfermidade ultrarrara de orixe xenética. O estudo está liderado por Currás dentro dos grupos de investigación GenPoB (Xenética de Poboacións en Biomedicina) e GenVIP (Xenética, Vacinas, Infeccións e Pediatría) do IDIS, dirixidos polos doutores Antonio Salas Ellacuriaga e Federico Martinón-Torres.

O proxecto premiado ten por obxectivo desenvolver un modelo celular innovador que permita estudar os mecanismos biolóxicos implicados na HOP, unha enfermidade dexenerativa que provoca a formación de óso en tecidos onde non debería existir, cunha progresión que pode chegar a afectar zonas profundas do organismo. 

Publicidade

Esta liña de investigación nace a partir do seguimento clínico dun caso excepcional en todo o mundo: dúas xemelgas galegas idénticas diagnosticadas con HOP, trátase de dous dos tres únicos casos reportados desta enfermidade en España. Ambas posúen a mesma mutación xenética no xene GNAS, pero manifestan unha evolución clínica moi distinta: mentres unha das nenas presenta unha progresión rápida e severa, a outra mantense case asintomática.

As xemelgas galegas, un caso excepcional en todo o mundo

Segundo o equipo investigador, este caso ofrece unha oportunidade única para identificar os factores xenéticos, celulares e moleculares que inflúen na progresión da enfermidade. “Ás veces basta un só caso para xustificar toda unha liña de investigación, esta é a mellor forma de acompañar e dar soporte ás persoas que viven con estas enfermidades” apunta a investigadora principal do proxecto, María José Currás.

Publicidade

Aínda que non existe unha evidencia suficiente que explique esta progresión tan distinta da enfermidade nin que detecte biomarcadores temperáns, o grupo investigador achou un resultado particularmente interesante. “Descubrimos que a xemelga máis afectada non só presenta o tipo de osificación descrito previamente, senón que en realidade desenvolve ambos os tipos coñecidos. Este achado abre novas liñas para entender como se manifesta e evoluciona a enfermidade”, explica María José Currás.

Unha alteración xenética complexa

A heteroplasia ósea progresiva é un exemplo extremo de como unha mínima alteración xenética pode desencadear un proceso biolóxico complexo e profundamente disruptivo. “Comprender os seus mecanismos pode axudarnos non só a tratar esta enfermidade, senón tamén a entender mellor outros trastornos do metabolismo óseo“, explica a doutora Currás.

Con todo, é importante sinalar que as cifras de afectados actuais probablemente non reflictan a realidade completa desta patoloxía. “O diagnóstico deste tipo de enfermidades adoita ser tardío e, en moitos casos, non chega a establecerse. A HOP é parte dun espectro máis amplo de enfermidades osificantes, o que tamén contribuíu á subestimación da súa prevalencia e á variabilidade no recoñecemento clínico”, sinala o equipo investigador. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UDC desenvolve unha nova estratexia para transportar material xenético ao interior das células

O grupo do CICA abre a porta ao deseño de plataformas para a entrega de xenes que sexan cada vez máis precisas e personalizadas

Unha tatuaxe para curar as uñas: a técnica galega para mellorar o tratamento das enfermidades ungueais

Un equipo da USC desenvolve un método minimamente invasivo que aumenta a eficacia terapéutica para patoloxías como a psoriase

Por que estudamos mutantes en bioloxía?

En bioloxía, usamos mutantes para entender como funcionan as células e que pasa cando algo falla

Un gran mapa xenético de Galicia localiza as mutacións máis frecuentes e asociadas a sete enfermidades

O catedrático da USC Antonio Salas esboza unha cartografía que pode servir como guía para a detección precoz, a prevención e a medicina personalizada