A empresa Alén Space finalizou a fabricación do satélite ETRISat, un CubeSat 6Ou desenvolvido integramente nas súas instalacións en Nigrán para o Electronics and Telecommunications Research Institute (ETRI), unha das principais institucións públicas de investigación tecnolóxica de Corea do Sur.
O satélite xa foi entregado a ETRI e atópase no país asiático á espera do seu lanzamento a bordo dun foguete Nuri (KSLV-II) do Korea Aerospace Research Institute (KARI). A partida está prevista para os próximos días desde o Centro Espacial Naro, situado na provincia de Jeolla do Sur.
Funcións do satélite
O satélite desenvolvido en Nigrán ten como principal obxectivo a demostración en órbita (IOD) de tecnoloxías de comunicacións, en liña coas iniciativas de ETRI enfocadas na evolución das redes satelitais e marítimas. Un dos retos aos que se expón o proxecto é a verificación do envío de sinais a través de boias oceánicas equipadas para recoller información como a temperatura da auga e a altura das ondas. Durante a misión, eses sinais serán transmitidos ao satélite e, posteriormente, a estacións en terra para probar a súa eficacia na monitorización en tempo real de fenómenos climáticos e das condicións do mar.
O satélite integra unha carga útil baseada en TREVO, a radio definida por software (SDR) de alto rendemento de Alén Space. Sobre este hardware executaranse dúas aplicacións independentes: unha creada por ETRI, centrada na validación de solucións avanzadas de comunicacións, e outra implementada por Alén Space para a transmisión de sinais AIS (Automatic Identification System) orientada á xestión do tráfico marítimo. Esta arquitectura flexible permítelle ao cliente despregar as súas propias solucións sobre unha plataforma robusta e validada en órbita.
Alén Space levou a cabo ETRISat como unha misión clave, que abarca desde as fases de deseño e AIV ata a campaña de tests, a implementación do software de control de misión (MCS) e as operacións iniciais en órbita (LEOP).
Colaboración internacional e proxección estratéxica
“Colaborar tan estreitamente cunha institución como ETRI reforza a posición internacional de Alén Space como socio tecnolóxico de confianza en proxectos altamente innovadores e desafiantes”, destaca Guillermo Lamelas, CEO de Alén Space. “Corea do Sur é un referente global no ámbito tecnolóxico e esperamos que ETRISat sexa o primeiro paso dunha relación duradeira”, apunta. A empresa con base en Nigrán defende que ETRISat supuxo “u novo fito” na súa traxectoria internacional e que axuda a consolidar a súa experiencia no desenvolvemento de misións completas e a súa posición como provedor de solucións espaciais de alto valor engadido.
O cuarto lanzamento do foguete Nuri (KSLV-II), no que ETRISat compartirá voo con outros 12 satélites, é o primeiro desde a creación en 2024 da Administración Aeroespacial de Corea do Sur (KASA), que reforza a aposta do país asiático por converterse nunha das principais potencias espaciais do mundo.














