O químico José Luis Mascareñas recolle o Premio Rei Jaume I de Investigación Básica

O investigador do CiQUS foi distinguido polos seus pioneiros traballos que introducen reaccións catalizadas por metais en células vivas

O profesor José Luis Mascareñas Cid, investigador do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago (USC), recibiu este martes 25 de novembro de mans de Felipe VI o Premio Rei Jaume I 2025 na categoría de Investigación Básica. A cerimonia, na que estivo presente o reitor Antonio López Díaz, celebrouse no emblemático marco da Lonxa dos Mercadores de Valencia, como acto central duns días de intensa actividade para os galardoados.

O xurado internacional, no que participaron cinco premios Nobel, distinguiu o profesor Mascareñas polos seus “traballos pioneiros en química organometálica”, especialmente por introducir reaccións catalizadas por metais no interior de células vivas. Esta liña de investigación, desenvolta no CiQUS, abre novas vías para a creación de ferramentas químicas con aplicacións en biomedicina e biotecnoloxía, e supón un recoñecemento ao valor da ciencia fundamental como xerme dos grandes avances.

Publicidade

Ao longo desta semana, o profesor Mascareñas participou no completo programa de actos paralelos organizado pola Fundación Premios Rei Jaume I. O luns interveu nun coloquio multidisciplinar aberto ao público, onde presentou o seu innovador traballo e mantivo un frutífero diálogo coas persoas asistentes. Así mesmo, e como parte das actividades postentrega, este mesmo martes está previsto que imparta unha conferencia na Comunitat Valenciana para compartir o seu coñecemento coa sociedade e a comunidade científica.

Científicos de excelencia

Os Premios Rei Jaume I, considerados un dos máximos recoñecementos científicos en España, destacan anualmente a personalidades de excelencia en sete categorías. Nesta 37ª edición, o acto de entrega serviu tamén como plataforma para reforzar a mensaxe de apoio á ciencia e a investigación, en liña coa iniciativa “España Insert Coin”, impulsada para fomentar o investimento privado en I+D+i como motor de progreso.

Publicidade

A concesión deste galardón ao profesor Mascareñas é recibida con enorme orgullo polo CiQUS, xa que “non só recoñece a excelencia científica individual, senón que tamén reforza a visibilidade e o compromiso do centro coa investigación de fronteira de impacto internacional”, destacan dende este centro da USC. “Este premio consolida unha traxectoria brillante, avalada por máis de 250 publicacións e distincións como unha ERC Advanced Grant do Consello Europeo de Investigación”, conclúen.
 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do formigón de Ourense aos parques de Santiago: un estudo contrasta os dous modelos de zonas verdes

A cidade do sur galego é unha das tres con peor cobertura, con 4,6 metros cadrados por habitante, moi por debaixo da media de 14,15

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento

Gumersindo Feijoo: “Os nosos fillos e netos vivirán menos se abandonan a dieta atlántica”

O catedrático de Química da USC e director científico do CRETUS ingresa na Real Academia Galega de Ciencias

GCiencia lanza a décima edición dos premios Galicia Spin-Off

Os galardóns recoñerán un ano máis a empresas innovadoras xurdidas das universidades e a un grupo de investigación