Xoves 5 Decembro 2024

Mascareñas: “Precisamos que a industria galega contrate máis científicos”

O director do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) fai balance dos 10 anos de traxectoria do organismo

Dez anos dedicados exclusivamente á investigación. Toda unha década chea de avances científicos e contribución ao coñecemento. O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) está de aniversario e o seu director científico, José Luis Mascareñas, fai balance de todo este tempo dedicado á ciencia de alto nivel. O organismo consta de 180 investigadores repartidos en 18 grupos, un equipo que xa converteu ao CiQUS nunha referencia científica a nivel nacional e internacional. Aínda que a pandemia asestou un duro golpe á investigación, as ganas de seguir mellorando están aí. E, por suposto, as de celebrar 10 anos de investigación.

—Leva dende o 2014 á fronte do CIQUS. Que balance fai destes anos de traxectoria?

Publicidade

—Empecei como director científico en febreiro de 2014 e si, xa levo 8 anos xunto coa directora adxunta Dolores Pérez Meirás. A valoración é moi boa porque conseguimos implantar e consolidar un novo modelo de xestión da investigación dentro da universidade. Un modelo que se basea na autoesixencia e na avaliación continua, e que sen dúbida ten propociado que teñamos progresado moito en todos os indicadores científicos. Por exemplo, no impacto científico das nosas publicacións, na captación de recursos externos competitivos ou nos proxectos do European Research Council (ERC), nos que temos tido moito éxito.

—De feito, vostede recibiu un proxecto ERC Advanced Grant en 2014.

Publicidade

—Si, cando eu empecei en 2014 xa tiñamos un proxecto ERC (Fran Rivadulla, ERC Starting Grant) no CiQUS. Pero dende aquela xa temos sete investigadores premiados e 11 proxectos en total. En Galicia somos o centro que máis ten, e incluso se o miramos a nivel nacional, somos un dos centros que, en relación coa masa crítica, maior éxito ten na captación de proxectos ERC.

“A universidade é unha institución pública, financiada con cartos público, e polo tanto ten una enorme responsabilidade coa sociedade, moito antes que cos membros da universidade”

—Polo tanto, o CIQUS xa é un centro de referencia no panorama nacional e internacional. 

—Si, aínda que somos un centro universitario e é difícil compararnos con centros vascos e cataláns, que teñen autonomía total como, por exemplo, para fichar investigadores. Aínda así, penso que dentro do noso ámbito temos alcanzado xa un gran prestixio. O CiQUS é o primeiro que se abriu en Galicia con estas características de centro singular. Polo tanto, temos sido una referencia na implantación do modelo e na sua aplicación rigorosa ao longo dos anos.

—Cales foron os maiores logros nesta década de traxectoria?

—Tivemos resultados de gran impacto en varias áreas. O centro é multidisciplinar e, en concreto, traballamos en tres áreas distintas: Química sintética, Química biolóxica e biomédica e Materiais moleculares. O máis interesante é que estas áreas non están illadas, senón todo o contrario, están interrelacionadas. De feito, hai moita xente que fai investigación na fronteira dalgunha destas áreas. E iso é, xustamente, unha das vantaxes de pertencer a un centro como este, porque non estás illado no teu campo, senón aberto á colaboración con outros grupos e a un continuo enriquecemento pola interacción con expertos en outras áreas.

“Necesitamos que a industria galega contrate a máis xente da ciencia, é unha boa combinación de ciencia, academia e industria é a garantía de futuro”

En canto aos logros acadados, na área de Materiais tivemos moito éxito na preparación de derivados de grafeno por parte do grupo de Diego Peña e Dolores Pérez. Diego acadou recentemente unha ERC Synergy Grant. Tamén na Química sintética sobre superficies, na que é un grupo pioneiro. A investigadora starting grant María Giménez tamén está comezando a lograr avances notables na preparación de novos materiais derivados do grafeno.

Nas áreas de Química biolóxica e médica, nas que se inscribe o meu grupo, demostramos que é posible facer química artificial en sistemas vivos. Tamén hai un grupo novo, como o de Javier Montenegro (ERC Starting Grant), que está a desenvolver novos métodos para o transporte de fármacos e de proteínas. De feito, está aplicando esta tecnoloxía no ámbito da covid para o transporte de ARN mensaxeiro, dun xeito parecido ás vacinas de Moderna e Pfizer. Tamén relacionados con esta temática están os avances do grupo de Nanobioloxía de Beatriz Pelaz (ERC Starting Grant) e Pablo del Pino.

“O que facemos no Ciqus é contribuír a aumentar o prestixio científico da Universidade e de Galicia, xerar emprego de calidade e o propio progreso”

Despois temos un proxecto baseado en tecnoloxía propia que dirixe Jose Martínez Costas para facer as nosas propias vacinas cunha tecnoloxía que non hai en ningún outro sitio. Están optimizando o sistema. Por outra banda, o centro tamén é potente na área de novos catalizadores. Ou o que é o mesmo, substancias que facilitan as reaccións químicas. Aquí estariamos a falar da Química sintética e dalgúns grupos como o de Martín Fañanás (ERC Consolidator), que trata de desenvolver catalizadores no ámbito da química sostible. Por exemplo, para valorizar metano, que é un gas moi barato e abundante. Trátase de ver se podemos transformalo nun produto moito máis valioso.

En xeral, todos os grupos son moi competitivos, e teñen feito contribucións moi notables ao avance do coñecemento. Este éxito tamén está en parte asociado á renovación dos investigadores líderes que temos feito nestes anos (ata 10), proceso que está guiado pola comisión externa de avaliación do centro.

—Xa podemos dicir, polo tanto, que o CIQUS é un centro punteiro. 

—Si, e moi dinámico. Temos unha atmosfera estimulante para tratar de ser colaborativos e ao mesmo tempo competitivos. Queremos que nos visite xente de primeiro nivel. De feito xa nos visitaron varios Premios Nobel, e agora, nos últimos días de marzo, vén outro. O Nobel de Química de 2021, David MacMillan.

 “Conseguimos implantar e consolidar un novo modelo de xestión da investigación dentro da universidade”

—De feito, a súa visita englóbase dentro dun programa de excelencia que ten por obxectivo, precisamente, celebrar os 10 anos de traxectoria do centro. 

—Si, queriamos celebrar os 10 anos o ano pasado, que foi realmente cando se cumpriron, pero debido á pandemia non puido ser. Precisamente, podemos ter o Nobel David MacMillan, pois xa o tiñamos fichado para o noso simposio antes de que gañara o Premio Nobel.

—Unha boa aposta, entón. 

—Si, foi una sorte que gañara o Premio Nobel. En dúas semanas estará aquí. Participará no noso simposio e noutras actividades, como a visita a un instituto de secundaria. E participará no programa Conciencia, coordinado por Jorge Mira.

—MacMillan, xunto a Benjamin List, gañou o Nobel por un proceso bastante complexo de entender como é a organocatálise asimétrica. Como a podemos explicar?

—É difícil de entender pero baséase en que os fármacos que utilizamos e moitos outros produtos que nos fan a vida máis fácil non son máis que moléculas. E moitas son sintéticas. O que fixeron eles foi descubrir un método mellor para facer estas moléculas. É dicir, métodos máis baratos, máis asequibles e menos contaminantes. Iso é no que se basea a organocatálise. E chámase asimétrica porque moitas veces estas moléculas existen en dúas formas, do mesmo xeito que a nosa man. Son imaxes especulares. Ás moléculas pásalles o mesmo. Hai dúas formas e este método o que permite é facer a unha sobre a outra. Fabricar unha: a man esquerda pero non a dereita, non facer a mesma. Isto é importante porque a veces só unha das mans é a que serve.

“Temos sido una referencia na implantación do modelo e na sua aplicación rigorosa ao longo dos anos”

—E a partir de agora, cales serán os pasos que dea o CIQUS de cara ao futuro?

—Os obxectivos principais, en certa forma, xa están conseguidos. Consolidamos o modelo e temos unha base de investigadores principais xa moi potente. O que si queremos é mellorar as nosas estratexias de captación de talento internacional. Facer que o centro sexa aínda máis internacional, fomentando un aumento do persoal de fóra. A cultura de ter xente de diferentes países pode ser moi positiva para os estudantes.

Tamén queremos seguir aumentando as nosas colaboracións internacionais porque na ciencia é fundamental. En sitios como Barcelona, Madrid ou País Vasco sempre é máis sinxelo atraer xente de Europa, por exemplo. E tamén atraer máis recursos. E por outra banda, tamén queremos mellorar a nosa relación coa industria. Temos avanzado moito, temos moitas patentes e creamos catro spin offs, pero aínda hai sitio para mellorar a nosa relación coa industria e a contorna. E tamén, que os nosos egresados se animen a emprender, a lanzar proxectos empresariais. Teñen a formación axeitada para facelo. E, por suposto, queremos aspirar a xerar ciencia de máximo impacto, que podamos abordar problemas científicos de primeira orde. Seguir aumentando o impacto científico.

“Queremos mellorar as nosas estratexias de captación de talento internacional. A cultura de ter xente de diferentes países pode ser moi positiva para os estudantes”

Globalmente, o que facemos é contribuír a aumentar o prestixio científico da Universidade e de Galicia, a xerar emprego de calidade e o propio progreso socioeconómico da contorna, entre outras cousas, formando xente que debe liderar o futuro.

—Porque xa é incuestionable que en Galicia hai boa ciencia. 

—Si, sen dúbida. Hai boa ciencia. Pero a boa ciencia precisa de bos científcos. É fundamental que teñamos liberdade para creala, que non se nos impoñan as temáticas. Necesitamos moitos e bos científicos, eles mesmos saberán identificar as áreas nas que poden ter un maior impacto. En Galicia hai xente moi brillante que consegue proxectos competitivos a nivel nacional e internacional. Hai boa ciencia en Galicia, pero fai falla máis. A proporción de científicos con respecto á poboación que temos é pequena. É fundamental que os novos profesores de universidade sexan persoas con actividade científica potente.

O que non pode ser é que a ciencia se limite aos centros de investigación. A universidade é unha institución esencial para crear ciencia, so fai falta ollar o que hai por aí fóra, noutros países. Un dos grandes defectos das nosas universidades e que só miramos para dentro, para contentar maíorias e non enfadar os sindicatos. A universidade é una institución publica, financiada con cartos públicos, e polo tanto ten una enorme responsabilidade coa sociedade, moito antes que cos membros da universidade.

“O centro aspira a xerar ciencia de máximo impacto, que poidamos abordar problemas científicos de primeira orde”

—E a fuga de cerebros? Tamén é preciso freala. 

—É importante que os que queiran facer unha carreira científica se vaian por aí ao estranxeiro. E unha vez que está feito o posdoutoramento, o que ten que facer o país é darlle as oportunidades para que demostren o bos que son. Xustamente esa xente é a que non ten ningún problema en competir por posición, están acostumados. O que non pode ser é automático. Ten que haber procesos de selección que permitan que a xente que máis o merece teña as mellores opcións para poder desenvolver unha carreira. Tamén precisamos que a industria galega e as empresas se animen a contratar a máis xente que vén do ámbito da ciencia, máis doutores, posdoutoramentos… É así como se crea o tecido acádemico-produtivo, que á larga é o esencial para o progreso. Unha boa combinación de ciencia, academia e industria é a garantía de futuro.

—Agora que estamos a celebrar os dous anos de covid, como impactou a pandemia na investigación do CIQUS?

—Fixo bastante dano porque tivemos pechado o centro dous meses. Logo comezaron a traballar soamente os que tiñan proxectos relacionados coa covid e despois traballando por quendas durante case un ano ou máis e determinadas horas cos laboratorios ocupados á metade… O traballo experimental viuse moi afectado e estámolo notando agora. Houbo retrasos na obtención de resultados que se ven agora en termos de publicacións e de proxectos. Temos que recuperar o que se perdeu. Aínda que é certo que puidemos manter unha parte da actividade de maneira telemática. En todo caso, estamos seguros de que sairemos adiante e volveremos a estar pronto a tope.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego revela o papel clave dos adultos na repoboación do percebe

O 90% dos ocos deixados nas rochas polos mariscadores inician a súa recuperación en menos de seis meses cando se deixan grandes exemplares

A USC participa no deseño dun sistema de alerta temperá de toxinas na auga

O obxectivo é predicir a aparición e a propagación dos tóxicos usando intelixencia artificial, modelización matemática, nanosensores e teledetección

Cal é o mellor fármaco para o TOC? O algoritmo galego que personaliza o tratamento

Un equipo da USC proba un sistema de recomendación de medicamentos segundo as características de cada paciente

Unha viaxe virtual polas grandes voces da lírica galega grazas á realidade aumentada

A USC e o CESGA crean unha exposición en homenaxea a destacadas cantantes galegas do século XIX e XX que se pode visitar dende a casa