En abril de 1976, José María Vicente Somoza puxo no mapa arqueolóxico a parroquia rianxeira de Leiro. El, como moitas veces acontece cos grandes fitos, non sabía o que lle agardaba aquel 7 de abril de hai agora 50 anos. Ese mércores atopábase preparando un terreo para darlle uso como almacén no que protexer o motor da súa embarcación da acción de ladróns de gasoil. E, por casualidade ou destino, no seu labor deu cun obxecto que levaba milenios oculto. Aquel día, o mariñeiro, coñecido como “O Peruco”, non só atopou 270 gramos de ouro; desenterrou algo que, sen poder prevelo, revolucionaría a comprensión da prehistoria en Galicia.
Un mariñeiro tornado arqueólogo por casualidade
As circunstancias que levaron ao descubrimiento foron tan cotiás como poden selo. Non había máquinas de escavación, nin mapas que delimitaran o posible punto do tesouro, nin un despregue de deceas de arqueólogos. Non, a realidade foi moito máis sinxela. Farto de que lle roubaran o combustible dos bidóns —e, para máis inri, llo encheran con auga—, Vicente Somoza decidiu construír unha pequena caseta para gardar o seu material. O lugar escollido para erixir a súa fortaleza foi un espazo en O Curruncho dos Porcos, unha zona situada fronte á desembocadura do Ulla.
Durante as tarefas de preparación do terreo, aconteceu o imprevisible: de entre a terra percibiu un brillo. O que atopou foi un artefacto semiesférico protexido dentro dunha vaixela de cerámica que, no proceso de extracción, rompeu. Nese momento non podía sabelo, pero o home atopara unha peza de ouro datada na fin da Idade de Bronce, de entre o 1000 e o 800 a.C.
Unha función incerta
Beatriz Comendador, arqueóloga e investigadora da Universidade de Vigo, explica que o momento de aparición do Casco de Leiro estaba marcado por unha visión predominante do pasado como un mundo castrexo. “A idea do guerreiro castrexo propiciou que se lle dera a lectura de que o artefacto era un casco, un capacete de ouro”, apunta. Con todo, esta función resúltalle improbable. “O ouro é moi brando, moi dúctil, non posúe a calidade de ter unha función defensiva ou protectora da cabeza”, argumenta.
O mundo académico baralla diferentes posibilidades en canto á función deste artefacto áureo. A existencia de marcados paralelismos con outras pezas das que si se coñece a función leva cara a dúas grandes teorías: a de que se trate dun sombreiro ritual ou unha cunca.
Elena Cabrejas, arqueóloga do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), apunta: “Ten un peruco, é dicir, algo como un pico, polo que é menos probable que se trate dunha cunca, xa que non podería apoiarse a non ser que tivera un soporte adicional”. As dúas investigadoras concordan en que a interpretación máis extensa é que se trate dun obxecto ritual relacionado cos ciclos do sol e da lúa. Comendador alude a paralelismos con outros achados europeos para apoiar esta posibilidade: “Pode tratarse de conteos dos ciclos dos astros, como elementos calendáricos”.
Un depósito intencional de inspiración internacional
As circunstancias que rodean o descubrimento do casco levan a pensar que se tratou dun depósito intencional. “É un contexto moi específico: non estaba nunha tumba, nin nunha vivenda. A peza non se perdeu; depositouse aí”, conta Beatriz Comendador. Elena Cabrejas coincide con esta visión e sinala outros puntos para sospeitar a súa intencionalidade: “Por dentro estaba cheo de terra compactada, atopábase nunha vaixela cerámica e todo isto estaba oculto dentro da greta dunha rocha. Había unha intención de preservación”.
Comendador fala de que este fenómeno non é exclusivo a Galicia, senón que se ve en diferentes puntos do panorama internacional. “Hai un comportamento social que fai que, por diferentes razóns, se oculten pezas en terra, ribeiras e auga”, engade.
O misterio da procedencia
A orixe do Casco de Leiro é incerta. Analizar o seu material permitiría comparar os resultados con datos de diferentes depósitos áureos e, así, descartar xacementos ata concretar posibles áreas de procedencia. Ata agora, porén, non se realizaron as probas pertinentes.
Outras observacións levan as arqueólogas a ver probable a orixe foránea do material. “Temos evidencias claras da circulación de bens, obxectos, animais e ideas en longas distancias na prehistoria. Non debe estrañarnos que as cousas circulen nese período”, explica Beatriz Comendador.
A investigadora apunta á iconografía e á forma, ao lugar do achado e á complexidade da técnica metalúrxica como posibles indicadores dunha procedencia centroeuropea. “As decoracións teñen semellanzas con outras pezas que se atopan moi espalladas pola xeografía”, comenta. Que se localizara na costa tamén pode indicar unha vía de chegada á península.
“A peza exhibe un coñecemento do funcionamento metalúrxico do ouro impresionante. Implica unha mestría que dubido que moitas zonas puideran practicar”, explica a arqueóloga. Mantense aberta a posibilidade de que houbera un “obradoiro” ou taller nalgún punto de Europa onde un mestre ou mestra fabricara estas obras da artesanía prehistórica.
Unha propiedade colectiva
As filigranas do seu deseño e o propio material do casco poden levarnos a pensar no seu propietario como un membro adiñeirado da elite social. Porén, a resposta a Quen foi o dono deste obxecto? é algo que talvez poida causar sorpresa.
“Nós temos unha idea moi cartesiana do que é a propiedade privada. Que unha persoa use unha peza non significa que iso a faga propiedade da persoa” matiza Comendador. A investigadora explica que estes artefactos suntuarios están relacionados co carácter identitario da comunidade. Cabrejas coincide en apuntar que o Casco de Leiro podería asociarse cunha entidade grupal; aínda que fora manipulada polo representante dunha comunidade, mantén o seu afán colectivo.
A colaboración da cidadanía
O achado de Vicente Somoza propiciou diferentes tipos de propostas que instaban o home a desfacerse do tesouro. El, dende a xenerosidade ética, decidiu que o casco áureo debía poder ser observado polo mundo. En vez de mantelo nos seus estantes ou fundilo e vender a materia prima, entregoullo ao Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón, onde hoxe segue exposto o artefacto de Leiro.
Beatriz Comendador resalta o imprescindible labor da cidadanía no que a achados se refire. “O casco leva 50 anos contando un relato porque José María Vicente Somoza entregou esa peza”, declara con rotundidade.
Este fito puxo a parroquia rianxeira no mapa arqueolóxico internacional. Hoxe, os seus habitantes seguen falando deste tesouro cun orgullo que non coñece o paso do tempo: este evento da arqueoloxía continúa a ser celebrado e lembrado co entusiasmo que lle require. Tanto é así que o pasado 19 de marzo tivo lugar un evento de iniciativa cidadá que recoñecía a historia de O Curruncho dos Porcos. “É a primeira vez que un depósito da Idade do Bronce se dignifica así en Galicia”, nota a arqueóloga.
O evento conmemorativo máis recente celebrouse este venres 17. Foi no Pazo de Martelo, en Rianxo, ás 19:00 horas. O acto, organizado pola Asociación Etnolóxica ADMR de Castelao, ofreceu unha homenaxe a José María Vicente Somoza en celebración do 50.º aniversario do achado do Casco de Leiro.





















