Publicidade

Houbo presenza prerromana na Cidade Vella da Coruña? Un novo estudo reabre o debate

A análise da cerámica atopada nun soar da rúa Príncipe que foi escavado en 2007 sitúaa entre os séculos II e I a.C., tempo anterior á fundación de Brigantium

No ano 61 a.C, sendo responsable (propretor) de Roma na Hispania Ulterior, Xulio César navegou na procura de novas riquezas para o imperio desde o sur da península ibérica ata Brigantium, o asentamento da costa ártabra onde a visión das embarcacións romanas atemorizaron aos nativos, segundo escribiu 200 anos despois o historiador Dión Casio. Aquela expedición do que logo sería todopoderoso ditador supón a primeira referencia á posible existencia deste enclave, que foi situado na Coruña e Betanzos no medio dun debate que hoxe parece decantarse cara á capital provincial. E, en todo caso, a primeira mención á presenza dunha poboación no que hoxe sería a cidade da Coruña.

Mirando máis cara atrás no tempo, case todo son brumas, entre a lenda, as suposicións e a falta de probas concluíntes respecto das raíces máis antigas do casco urbano que medrou arredor da península e o istmo coruñés. Unha investigación que publica a revista Spal de Prehistoria e Arqueoloxía, editada pola Universidad de Sevilla, pretende botar luz e describe o que é “o primeiro contexto arqueolóxico publicado que parece determinar a existencia dunha fase de ocupación anterior á conquista de Roma dentro do ámbito da Cidade Vella coruñesa”, ao datar restos de cerámica nun marco cronolóxico situado entre finais do século II e comezos do I a.C. O estudo conta como autor principal con Samuel Nión Álvarez, investigador da USC, e está asinado tamén por María Guadalupe Castro González, do grupo Ecopast da USC, e o arqueólogo municipal do Concello da Coruña Marco Antonio Rivas Nódar.

Publicidade

As conclusións tíranse da análise e interpretación de restos de cerámica atopados durante a excavación do soar situado no número 17 da rúa do Príncipe, na confluencia coa rúa de Santo Domingo. Neste enclave, considerado como un vertedoiro con máis de 2000 anos de historia, o resultado das análises “permite abrir a porta á presenza de actividades da Idade de Ferro en pleno corazón da Cidade Vella coruñesa, unha posibilidade que durante moitos anos foi rexeitada, deostada ou simplemente ignorada”, explican os autores do traballo. “Historiadores como Francisco Tettamancy xa postularan, no seu tempo, a existencia de asentamentos prerromanos. Pero non ían máis alá de meras suposicións, sen probas documentais”, apunta o investigador Samuel Nión.

Un vertedoiro de cerámica no corazón da Cidade Vella

Nun primeiro momento, o estudo realizado en 2007 no soar “pasou desapercibido” ao “non contar cunha estratigrafía particularmente esclarecedora”. Segundo conta Nión, “interpretouse este conxunto material como parte dun nivel de recheo”, cunha terra que sería trasladada dun promontorio cercano para asentar construcións máis recentes, tanto medievais como modernas.

Porén, coas revisións posteriores concluíuse que os materiais de cerámica atopados no lugar “parecen formar parte dun depósito homoxéneo in situ, con cronoloxías claramente anteriores ao cambio de era, atendendo principalmente á morfoloxía, técnicas de produción e patróns decorativos do conxunto”, expoñen os autores do artigo. Trátase, probablemente, dun vertedoiro da Idade de Ferro, debido á ausencia de estruturas, a “inxente” cantidade de cerámica por metro cúbico e a homoxeneidade cronolóxica do conxunto cerámico e o seu escaso rodamento.

Restos de cerámica campaniense (esquerda) e unha ánfora (dereita) recuperados no xacemento da rúa Príncipe, na Cidade Vella da Coruña. Imaxes cedidas por Samuel Nión.
Restos de cerámica campaniense (esquerda) e unha ánfora (dereita) recuperados no xacemento da rúa Príncipe, na Cidade Vella da Coruña. Imaxes cedidas por Samuel Nión.

A análise detallada das pezas, que suman un total de 957 fragmentos, detallou que o 91% destas mostras “correspóndese inequívocamente con producións da Idade de Ferro” cuestión que se ve refrendada pola presenza de materiais de importación mediterráneos con cronoloxías que sitúan este contexto entre o s. II a.C. e mediados do I a.C. Isto supón un dato de “gran relevancia” xa que “racha co actual paradigma da investigación e que require unha contextualización urxente”.

Segundo o observado nos materiais, todo parece indicar que pertencen a “un tipo de importacións que forman parte dun intercambio transcultural en contextos claramente indíxenas”. Atribúese a súa presenza á “existencia dun enclave portuario, no que o intercambio cultural entre galaicos e mediterráneos parece unha actividade relevante, aínda que non exclusiva, pois o consumo dalgúns destes bens tamén parece que foi unha parte activa dentro das súas atribucións”.

As dúbidas sobre o nacemento de Brigantium

Alén das suposicións citadas, e dalgúns autores que xa postularan a posibilidade de que algúns materiais atopados en escavacións previas puideran deberse tanto a unha fundación romana como a un castro ou á presencia de navegantes non romanos, os materiais atopados ata o momento como os textos escritos apuntan a que o asentamento na península da Coruña xorde, como moi cedo, a partir da visita de César no 61 a.C. Ou incluso máis tarde, xa nesta era, durante a dinastía Flavia ou vinculándoo á construción do faro romano onde hoxe se sitúa a Torre de Hércules, entre finais do século I e comezos do II d.C., quizais a postura máis aceptada na actualidade.

O estudo postula un posible vínculo entre o castro de Elviña (na imaxe) e a cerámica atopada no vertedoiro da Cidade Vella. Imaxe: Samuel Nión Álvarez.
O estudo postula un posible vínculo entre o castro de Elviña (na imaxe) e a cerámica atopada no vertedoiro da Cidade Vella. Imaxe: Samuel Nión Álvarez.

As dúbidas permaneceron no tempo porque é difícil atopar unha cronoloxía concreta por mor das características xeográficas e históricas da Cidade Vella: un istmo rodeado polo mar, cunha acidez dos solos que dificulta a conservación de restos e unha intensa actividade humana, coa conseguinte destrución de xacementos, que alterou ou directamente eliminou a posible presenza de vestixios anteriores á romanización.

Ademais, tal e como engaden os autores, as conclusións tiradas da análise dos restos atopados na rúa Príncipe consolídanse coa aparición de restos “noutros soares con evidencias materiais coetáneas”, localizados no número 6 da rúa Santo Domingo e Tinajas 24.

Un baleiro de 100 anos que pode encherse

Por tanto, os achados agora publicados provocarían, por tanto, unha reformulación das “interpretacións realizadas ata o momento, e permite explorar novas hipóteses acerca da evolución histórica da cidade herculina”, dise no artigo publicado en Spal. 

Tal e como explica Samuel Nión, “existe un hiato de máis de 100 anos entre a ocupación da Idade de Ferro da que falamos no artigo (entre o 150 e o 70 a.C.) e a estruturación de Brigantium como asentamento (do 50 d.C. en diante), cando xa é plenamente romana sen lugar a dúbidas. É dicir, ambos se localizan no mesmo sitio, pero non existe, aparentemente, continuidade entre eles”.

Alén disto, o artigo alude á posibilidade de estudar os vínculos do xacemento da Cidade Vella co castro de Elviña, localizado moi preto da cidade, e con trazos atribuíbles a “un asentamento de certa complexidade social”. Engaden os investigadores que “quizais sexa posible suxerir unha relación entre ambos espazos que trascenda o cronolóxico e evidencia unha certa interdependencia (ou simplemente dependencia) mutua”.

Todas estas claves, observadas en conxunto, fan do baleiro de máis de 100 anos unha etapa “moi interesante”, que “permite entrelazar estas ocupacións con outras dinámicas”. Entre outras hipóteses, considérase a posibilidade, segundo Nión, de que “a ‘chegada’ de Xulio César a Brigantium poida ter, precisamente relación con este abandono do enclave (e con certo decaemento de Elviña)”. Con todo, conclúe o autor principal, “non se trata máis que dunha hipótese, eso si, pero é unha posibilidade que temos en conta”.


Referencia: Una puerta a la ocupación prerromana de A Coruña: el yacimiento de Príncipe 17 (Publicado en Spal).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un novo estudo cuestiona o baño xudeu da Coruña: “Moi dubidoso, senón abertamente incorrecto”

Un traballo de José María Bello Diéguez cuestiona de forma crítica o proceso feito para afirmar que se trata dunha mikvé

Aquis Querquennis: 50 anos do achado da gran xoia oculta de Galicia

'A Cidá' é unha das infraestruturas romanas máis importantes de Europa e ten case dous milenios de historia

Tradición, comparsas e disfraces: así celebraba Galicia o Entroido no século pasado

O arquivo fotográfico das institucións galegas permite unha volta ao pasado para desfrutar destes históricos festexos

Primavera anticipada? Galicia roldará esta semana os 20 graos en pleno febreiro

Unha profunda borrasca no Atlántico afectará ao litoral galego creando unha alerta amarela por ondas de entre catro e cinco metros de altura para este martes e mércores