Varón, de entre 16 e 18 anos e con estudos de Bacharelato ou Formación Profesional Básica ou Media; cunha familia con poucas mostras de afecto e supervisión, que se atopa nunha posición económica máis ben alta. Ese é o perfil do adolescente galego con maior prevalencia no consumo de cánnabis, tal e como indica o estudo Perfil dos estudantes galegos consumidores de cánnabis. A investigación nace do traballo de Fin de Máster de Susana Fernández-Nocelo e foi codirixido por María Isolina Santiago-Pérez e Mónica Pérez Ríos, coa participación de Inés Mato-Naveiraa e Ana Teijeiro. Realizouse en colaboración coa Dirección Xeral de Saúde Publica co obxectivo de determinar os riscos que se asocian ao consumidor menor de idade desta droga en Galicia, que, segundo a enquisa ESTUDES, ten unha importante prevalencia en estudantes de 14 a 18 anos.
A investigación centrouse especificamente na realidade da mocidade galega, tomando como base unha mostra representativa de 2.185 alumnos procedentes de 52 centros educativos da comunidade autónoma. Mónica Pérez Ríos, profesora titular na área de Medicina Preventiva e Saúde Pública e codirectora do traballo, explica que os datos máis recentes apuntan unha tendencia de consumo decrecente dende o 2024: “A enquisa preguntoulles a rapaces novos se tomaran cánnabis no mes anterior e 12 de cada 100 declararon facelo. Aínda que existe unha tendencia decrecente, non é unha cifra baixa“.
Os resultados da investigación sinalan que os factores sociodemográficos (o sexo, a idade, a posición económica, etc.), a relación coa familia, o consumo doutras substancias —en especial o tabaco— e o desenvolvemento no contexto académico son factores que impactan de xeito máis ou menos directo nas tendencias de toma de cánnabis.
O perfil do adolescente que consume cánnabis
Os resultados do estudo da USC amosan diferenzas significativas segundo o sexo e a franxa de idade. O consumo de cánnabis na última mensualidade é máis frecuente nos homes (un 20,8%) que nas mulleres (un 16,1%), e a probabilidade de consumo incrementa de forma progresiva a medida que os mozos avanzan cara á adolescencia tardía, especialmente entre os 16 e os 18 anos. Os datos tamén indican unha maior probabilidade de consumo entre aqueles estudantes que naceron fóra de España: un 24,8%, fronte ao 18,1% daqueles nados dentro das fronteiras. Dentro de Galicia, as provincias de Ourense (23,2%) e A Coruña (20,8%) lideran as cifras de consumo, moi por diante de Pontevedra (17,2%) e Lugo (9%).
Por outra banda, o estudo determinou que os mozos cuxas familias dispoñen dunha situación económica por enriba da media amosaron unha probabilidade lixeiramente maior de tomar cánnabis. Non obstante, ao realizar un análise global e conxunta de todos os factores, determinouse que o perfil definitivo do consumidor habitual non ten tanta relación co nivel económico, senón que se corresponde maioritariamente con factores familiares, académicos e de hábitos de toma doutras substancias.
Pais e amigos, a clave social
Un dos achados máis relevantes da investigación realizada pola USC apunta directamente ao corazón das relacións domésticas. “A contorna social condiciona de forma moi importante todo o que está relacionado coas conductas de risco para a saúde. Non só inflúen no cánnabis, senón noutras drogas legais e ilegais”, explica Mónica Pérez. A investigadora resalta que a percepción do “cariño” e a supervisión que recibiron os enquisados no marco familiar se configurou como un forte modulador do consumo das drogas ilegais. A falta de calidez emocional por parte dos pais incrementa as posibilidades de que os menores interactúen con estas substancias.
Ademais do afecto, o control e os límites que se establecen no fogar tamén xogan un rol nesta ecuación. O informe sinala que as actitudes permisivas dos proxenitores cara ao consumo de tabaco, alcohol e o propio cánnabis actúan como un factor de risco. “Os rapaces con pais que ven ben o consumo de tabaco ou o alcohol teñen máis probabilidades de consumo: de 3,1 veces máis fronte aos que perciben que non llo permitirían“, explica a investigadora, e engade: “Isto é especialmente notable co tabaco, pola semellanza coa forma de consumo do cánnabis”. Pola contra, aquelas familias que combinan un trato afectuoso co establecemento de normas claras logran xerar un efecto protector eficaz.
O desenvolvemento académico e o seu peso no perfil de consumo
Os datos obtidos amosan unha relación inversa entre o éxito nos estudos e o consumo de cánnabis: un baixo rendemento académico, reflectido en notas deficientes, suspensos ou a repetición de cursos, asóciase significativamente cun aumento na probabilidade de consumir esta substancia. “Vemos que a medida que declaran peor rendemento aumenta a probabilidade de consumo de cánnabis”, confirma Pérez.
A análise global caracteriza ao consumidor habitual como un alumno de Bacharelato ou Formación Profesional Básica ou Media, cun desempeño académico baixo, que ademais adoita presentar un patrón de policonsumo con tabaco e bebidas enerxéticas.
O policonsumo de cánnabis e outras drogas
O estudo da USC pon tamén o foco na estreita vinculación que existe entre o cánnabis e o consumo simultáneo doutras substancias, tanto legais como ilegais. Os resultados son claros: fumar tabaco a diario é a conduta que máis eleva o risco de iniciar o consumo de cánnabis, cunha razón de posibilidade (Odds Ratio) de 9,6 veces superior a quen non toma parte dese hábito.
Ademais do tabaco tradicional, a aparición de novas formas de consumo agrava o escenario. Os adolescentes que consomen cánnabis adoitan utilizar tamén cigarrillos electrónicos (vapeadores) e bebidas enerxéticas combinadas con alcohol, o que se suma a unha baixa percepción do risco e á facilidade autodeclarada para conseguir substancias ilegais. “A baixa percepción de risco relaciónase co consumo. A isto axudan as correntes que piden a legalización da droga; talvez a comunicación desa parte non se está facendo da forma máis axeitada, porque os adolescentes necesitan comprender que non se debe mesturar o uso recreativo co medicinal. É necesario que a poboación estea ben informada sobre o que supón cada tipo de consumo”, explica Mónica Pérez.
A importancia da divulgación
Ante este panorama, o estudo conclúe cunha chamada de atención ás autoridades sanitarias sobre a necesidade urxente de deseñar intervencións de saúde pública transversais, que non aborden as substancias de xeito illado, senón que integren a realidade social, académica e de ocio da mocidade galega. A co-directora do estudo completa a mensaxe petición a todos os organismos encargados da difusión de información médica: “Debe haber campañas de divulgación tanto dende as administracións sanitarias, como educativas, como nos medios de comunicación. Sobre todo porque estamos a falar de menores de idade. Hai que facerlles ver que unha droga non é inocua para a saúde, conleva riscos“.
A investigadora conclúe subliñando o papel da información sobre adiccións no marco familiar e de amizades dos adolescentes, e lanza unha reflexión social: “A facilidade coa que perciben que conseguen as drogas ten que facernos pensar como sociedade“.














