A receita da felicidade ten moitos ingredientes. E nesa pota, o compoñente social, a forma que ten o ser humano de vivir en comunidade, de compartir cos que temos ao noso carón; semella ser unha sustancia fundamental. En Galicia, familia e amizades adoitan ser un dos piares sobre os que se asentan as nosas vidas, aínda que os cambios nos hábitos de vida poñan costa arriba, cada vez máis, pasar tempo cos que nos arrodean.
O Informe Mundial da Felicidade que desde 2012 elabora Nacións Unidas en colaboración cas universidades de Oxford e British Columbia detense este 2025 en analizar canto pesan as relacións sociais no noso grado de satisfacción ca vida que levamos. Desde o tempo que compartimos co noso núcleo, á percepción que temos de nós mesmos ou da sociedade na que vivimos ou como nos implicamos cos problemas dos demais, sexan ou non coñecidos. Todo isto ten un impacto na nosa saúde mental, polo que a psicoloxía subliña a necesidade de non perder de vista que compartir tempo, axuda ou recursos mellora notablemente o benestar persoal porque reforza os lazos sociais, dá sentido á vida e activa emocións positivas.
A última enquisa do Instituto Nacional de Estatística (INE) situou a Galicia á cola do Estado en calidade de vida, só por diante de Canarias e Ceuta. Os datos publicados no outono de 2024 explícanse, en parte, polo descenso na percepción dos galegos sobre o seu tempo de ocio e as relacións sociais, que mide cuestións como a frecuencia de reunións con amigos, a satisfacción cas relacións persoais, ter a alguén a quen recorrer en caso de necesidade ou á hora de abordar temas persoais ou a confianza nos demais. Respecto ao ano 2018, a valoración dos galegos sobre estes asuntos caeu 8 puntos ata acadar o peor dato en máis de 15 anos.
“A compañía, o afecto, o tempo compartido e o apoio mutuo son fundamentais, e teñen un gran peso no noso benestar. En Galicia, esas ideas non son alleas: medramos nunha cultura que valora os lazos próximos, o coidado do outro e os xestos que non sempre se din, pero que se sinten”, resalta o Fernando L. Vázquez, Catedrático de Psicoloxía Clínica da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Pero os tempos cambian e, como subliña o profesor, tamén o fan os nosos costumes. Por iso, cre que o ritmo acelerado, a soidade crecente entre a mocidade e a desconexión emocional sitúa aos galegos ante o reto de “non perder o que nos fai fortes”.
Un dos datos que chama a atención do último Informe Mundial da Felicidade é a tendencia nas sociedades modernas a non compartir con ninguén as nosas comidas. Nos Estados Unidos, unha de cada catro persoas novas confesa almorzar, xantar e cear en soidade todos os días. O dato incrementouse máis dun 50% nos últimos 20 anos e concéntrase especialmente entre os máis novos.
“Comer acompañado non só alimenta o corpo, tamén nutre as emocións. Desde a psicoloxía recoñécese o valor de compartir a mesa como un momento de conexión, descanso e afecto, algo que mellora notablemente a nosa saúde mental. O ritmo de vida actual, porén, está facendo que cada vez máis persoas coman soas e sen pausas”, sinala o profesor Vázquez.
A psicoloxía destaca o reforzo positivo que exerce no noso benestar mental o feito de comer en compañía, un costume que se mantén nas familias e zonas rurais de Galicia pero que se perde paulatinamente nas cidades, especialmente entre os máis novos. “É importante non perder de vista o valor destes momentos compartidos, porque son moito máis que unha rutina: son espazos que nos conectan cos demais e connosco mesmos”, resalta o profesor da USC.

O experimento das carteiras
Un dos tópicos que sempre se atribúen aos galegos ten que ver ca súa aparente desconfianza. O Informe Mundial da Felicidade inclúe este ano un experimento social para medir a idea de que o ser humano, por natureza, non se comporta de forma xusta cos descoñecidos. Decenas de carteiras foron abandonadas deliberadamente na rúa. E un grupo de xente foi cuestionada sobre cantas serían devoltas. O número de billeteiras devolta foi o dobre do que os enquisados vaticinaran que serían.
A principal conclusión é obvia: o ser humano é moito máis benévolo cos demais do que aparentemente pensamos. A segunda ten que ver cas nosas percepcións. Somos máis felices cando pensamos que vivimos nun contexto que nos protexe, cando cremos que o mundo que nos arrodea vai ser xustos con nós. Os encargados do Informe Mundial da Felicidade aseguran que a benevolencia incrementou un 10% a raíz da pandemia en todos os lugares do mundo como consecuencia da necesidade de recibir máis respostas dos demais.
Para o profesor Fernando L. Vázquez, o galego desconfiado “é máis un cliché que unha realidade psicolóxica”. Resalta que no campo da psicoloxía moitas das actitudes que se identifican como desconfianza corresponden, en realidade, a “expresións de prudencia, reflexión ou simplemente forma de comunicarse”.
“Galicia é unha terra de xente observadora, cun estilo de relacionarse máis pausado e con vínculos que se constrúen aos poucos. Non se trata de falta de confianza, senón dunha forma distinta de outorgala: máis lenta, baseada nos feitos e menos nas aparencias. Ás veces confúndese cautela con desconfianza, cando en realidade pode ser unha maneira profunda e sincera de relacionarse”, reflexiona o catedrático da USC.
Vivir acompañados
Vivir en familia é outra das claves para ser feliz. Ou cando menos así o destaca o Informe Mundial da Felicidade de 2025. En países de Europa e de México, unha casa integrada por catro ou cinco membros incrementa o nivel de felicidade. Así, as parellas que viven con, cando menos, un fillo ou que residen con fillos e máis membros da familia teñen unha porcentaxe “especialmente alta” de satisfacción.

En Galicia, o modelo tradicional de convivir na casa familiar foise perdendo co pasos dos anos. Na actualidade, case 240.000 persoas viven soas e máis da metade delas teñen 65 anos ou máis. E a tendencia a vivir sós irá en aumento. Estímase que para o ano 2037 o 31% dos fogares galegos estarán habitados por unha única persoa, dous puntos por riba da media estatal, segundo as últimas proxeccións do INE.
O barómetro da felicidade determina que as persoas que viven soas son menos felices, aínda que tamén advirten que as casas con moitos integrantes adoitan ter problemas, moitas veces, asociados ao eido económico.
As reflexións do informe sobre a vida en familia son compartidas polo profesor Fernando L. Vázquez, que incide no respaldo emocional, a seguridade e o sentido de pertenza, cuestións “tradicionalmente moi valoradas en Galicia”. Con todo, pon o acento en que todo depende dos equilibrios asentados no respecto e na comunicación porque “unha proximidade excesiva pode limitar a autonomía persoa ou xerar tensións cando as expectativas familiares chocan cos desexos individuais”. Redefinir o modelo clásico para convertelo nunha oportunidade de desenvolvemento persoal baseado na liberdade e o afecto e non só na obriga sitúase no cerne da transformación das familias modernas.
A solidariedade
A solidariedade tamén é outro dos factores que inflúe na percepción do satisfeitos que estamos ca vida que levamos. Considérase que doar a entidades de caridade ou participar en actividades de voluntariado diminúe a desconexión social que leva a moitos individuos a illarse e caer en problemas ligados ao seu encaixe no mundo e que adoitan a derivar en adiccións a sustancias como o alcol ou as drogas.
En inglés recibe o nome de disease of despair, que traducido ao galego sería enfermidades de desesperación, e afectan principalmente aos homes. Malia que a tendencia global é á baixa, países como Estados Unidos ou Corea do Sur amosan un crecemento das mortes ligadas a este tipo de problemas, que teñen en Eslovenia a súa taxa de mortaldade máis alta do mundo con 50 falecementos por cada 100.000 habitantes.
Galicia conta con máis de 50.000 persoas que participan en actividades voluntarias. Unha solidariedade que se expresa con forza ante catástrofes como aconteceu co afundimento do Prestige, a limpeza das praias ca vertedura de pélets de finais de 2023 ou a recente traxedia da Dina, que mobilizou a centenares de galego que se desprazaron a Valencia para axudar nas zonas afectadas.
Pero a solidariedade dos galegos vai máis alá da resposta ante emerxencias ou catástrofes e entronca ca súa historia e a cultura. Así o cre o profesor Vázquez, que resalta que axudar aos demais “sempre formou parte da vida cotiá dos galegos” á hora de apoiarse mutuamente entre veciños ou en asociacións e iniciativas comunitarias. Por iso, a psicoloxía ve á galega como unha “sociedade cun forte sentido de comunidade, empatía e responsabilidade compartida”. “Quizais non famos moito ruído, pero cando alguén o precisa, a resposta adoita ser xenerosa, próxima e sincera”, engade.
“Galicia leva na súa forma de ser a semente do benestar colectivo. Coidar eses vínculos, adaptalos ao presente sen esquecelos, pode ser a clave para seguir sendo unha sociedade que acompaña, que acolle e que non deixa a ninguén só”, conclúe o catedrático da USC, que subliña a necesidade de non perder a perspectiva dunha terra na que a compañía sempre foi un valor a coidar.