Dopamina: o neurotransmisor que nos dá a felicidade, pero tamén nola quita

*Un artigo de 

A dopamina é un neurotransmisor, é dicir, unha molécula que se encarga de levar unha mensaxe desde as neuronas que o producen cara a outras células. Por iso intervén nunha gran cantidade de procesos como o control do movemento, a memoria, a recompensa cerebral —ese mecanismo do noso cerebro que nos reforza a repetir unha conduta— ou a aprendizaxe.

Publicidade

Tamén inflúe en numerosas funcións fóra do cerebro como a motilidade gastrointestinal, a liberación de hormonas, a presión arterial e mesmo na actividade das células do sistema inmune.

“O que canta o seu mal espanta”, di o refrán. Pero non é o mesmo que Rosalía lle cante “Si me das a elegir”, a que o seu fillo de tres anos vocifere ao son de “Baby shark”. Tampouco é o mesmo cantar “Paquito el chocolateiro” nas festas patronais da vila, que facelo no medio dun enterro, un exame ou dentro dun avión. Isto precisamente explica a disparidade de funcións que ten a dopamina. E é que a súa acción depende de onde, cando, como e en que cantidade se produza.

Publicidade

Almacenar recordos a través das emocións

A dopamina é coñecida mundialmente por ser unha das moléculas da felicidade. Non en balde, é unha das ferramentas que Cupido usa para namorar.

Tamén proporciona pracer e relaxación. Intervén en procesos de memoria e aprendizaxe porque regula a duración dos recordos. É dicir, decide se unha determinada información se pode almacenar durante un tempo ou se elimina inmediatamente.

A dopamina é coñecida por ser unha das moléculas da felicidade

E isto conségueo fomentando que a memoria e a aprendizaxe vaian asociadas ás emocións. Neste proceso intervén a dopamina no accumbens —unha parte do cerebro moi implicada no control das emocións, que comunica con zonas encargadas da memoria, como o hipocampo—.

Por iso, a aprendizaxe que contén unha carga emocional dura máis, porque aprender provoca pracer e a información retense durante mais tempo. Así que de nada serve aquilo de “a letra, con sangue entra”.

A cantidade de dopamina no cerebro dá información sobre a súa personalidade

O noso horóscopo non inflúe nin determina para nada a nosa personalidade. A dopamina, con todo, si. E é que numerosos estudos científicos sosteñen que a dopamina podería estar relacionada con trazos da personalidade como a inseguridade, a covardía ou mesmo o grao de extroversión.

Tanto é así que a cantidade de dopamina na amígdala cerebralrexión do cerebro relacionada con emocións como a ira, o pracer ou o medo— permitiríanos saber se unha persoa é tranquila ou insegura ou se se estresa con facilidade.

Podería estar relacioanda con trazos da personalidade como a inseguridade ou o grao de extroversión

É o que ocorre coas persoas con predilección polas “emocións fortes”. Certas rexións do seu cerebro teñen unha maior cantidade de dopamina, polo que son mais “inconscientes” nos seus actos. Ao contrario, baixos niveis de dopamina relacionáronse con fobia social.

Dopamina, adiccións e motivación

A dopamina é a culpable das nosas adiccións, das malas e das menos malas. Entre as malas, as drogas aumentan a cantidade de dopamina no sistema de recompensa do cerebro, o que produce un estado de pracer que reforza que sigamos consumíndoas. Algo parecido pasa coas menos malas, como o doce ou a comida basura.

Ademais, cada persoa non responde da mesma maneira ante estas adiccións. A razón é que non todos sentimos o mesmo pracer ao comer unha torta, por exemplo. Un estudo científico asegura que é debido ao número de receptores aos cales se une a dopamina.

Desta maneira, as persoas con tendencia á obesidade terían menos destes receptores e por tanto necesitarían comer máis para notar a mesma satisfacción que produce o acto para comer. Son, por tanto, “máis adictos” á comida. E esta é outra característica da dopamina: a súa liberación pódenos converter en adictos xa que nos impulsa a unha procura continua do pracer.

A baixa produción de dopamina ocasiona anhedonia, un dos síntomas máis característicos da depresión

A dopamina tamén ten función motivacional. Non só nos recompensa cando realizamos unha actividade pracenteira, senón que tamén se libera moito antes de realizar unha acción. Desta maneira, consegue motivarnos a buscar situacións ou actividades agradables, evitando as negativas.

Proba disto é que a baixa produción de dopamina ocasiona anhedonia, un dos síntomas mais característicos da depresión. Ao contrario, altos niveis de dopamina na cortiza prefrontal fan que as persoas estean máis motivadas a cumprir con obxectivos máis esixentes.

A cara oculta da dopamina

Pero non todo son alegrías. A dopamina tamén está relacionada con moitas enfermidades psiquiátricas e neurolóxicas.

Cando temos un exceso de dopamina poden aparecer trastornos como a esquizofrenia ou o trastorno bipolar.

No caso de que a cantidade de dopamina diminúa, aparecen o trastorno depresivo maior, o trastorno por déficit de atención e hiperactividade, a enfermidade de Huntington e a neurodegeneración asociada ao VIH-1.

Hai unha enfermidade que nos vén á cabeza cando falamos dun déficit de dopamina: o párkinson

Aínda que se hai unha enfermidade que irremediablemente nos vén á cabeza cando falamos dun déficit en dopamina é a enfermidade de párkinson, cuxo Día Mundial se celebrou o 11 de abril. Neste caso, a causa deste trastorno é a morte das neuronas que producen dopamina nunha rexión do cerebro que se chama substancia negra. Esta dopamina está implicada no control da actividade motora, de aí os síntomas que presentan os pacientes que a sofren.

A pesar de que na actualidade non hai unha cura contra o párkinson, algúns tratamentos permiten mellorar os síntomas e, por tanto, a calidade de vida dos pacientes.

Neste sentido, o fármaco estrela desde hai décadas é a levodopa, precursor metabólico da dopamina. É dicir, cando se consome por vía oral, absórbese rapidamente no intestino e rapidamente chega ao cerebro, onde se transforma en dopamina, mellorando o control do movemento.

En resumo, a dopamina é a Mary Poppins do noso organismo, “practicamente perfecta en todos os sentidos”. En canto ás súas accións, do mesmo xeito que a aia inglesa, pode ser severa pero tamén amable e educada.


*José A. Morales García é profesor e investigador científico en Neurociencia da Universidad Complutense de Madrid.

Cláusula de divulgación: José A. Morales García non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes máis alá do cargo académico citado.

José A. Morales García
José A. Morales García
José A. Morales García é investigador en enfermidades neurodexenerativas e profesor titular na facultade de Medicina da Universidade Complutense de Madrid

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Onde nace a atención? A neurociencia ten a resposta

O cerebro organiza estímulos e dirixe o foco cara ao relevante mediante circuítos dopaminérxicos. Por Juan Pérez Fernández e Carmen Núñez González / UVigo

A USC e Cambridge descobren un mecanismo clave na neurodexeneración e na neuroreparación

O traballo publicado en 'Nature' suxire un cambio de paradigma na comprensión de enfermidades como a esclerose múltiple, o alzhéimer e o párkinson
00:06:10

Dopamina e lampreas: así descifra o CINBIO o sistema que inflúe nas nosas decisións e que nos fai sentir pracer

O grupo Neurocircuits investiga como o cerebro procesa datos novos e calcula o valor das nosas accións cun modelo animal de máis de 500 millóns de anos

Que sentían realmente ao escribir cartas hai 500 anos? Así o descifra a IA

Un proxecto do CSIC Galicia desenvolve modelos computacionais capaces de identificar e clasificar emocións en correspondencia histórica entre os séculos XVI e XVIII