Como son os planos 3D da túa cidade? Descúbreo neste novo visor

Unha ferramenta de código aberto permite xerar maquetas urbanas descargables directamente dende o navegador

Imaxinas poder descargar un plano da túa cidade cun só clic? Agora xa é posible grazas a unha nova ferramenta de código aberto que permite seleccionar unha zona concreta dunha urbe e convertela en planos tridimensionais. O funcionamento é sinxelo: en primeiro lugar, a aplicación amosa un mapa interactivo baseado en OpenStreetMap no que se pode escoller a área da cidade que se desexa transformar en 3D. A continuación, a ferramenta extrae automaticamente a información xeométrica, as alturas e os perímetros dos edificios, así como o trazado das rúas. Con estes datos, xera unha contorna tridimensional directamente no navegador, que posteriormente pode exportarse en formato GLB, ideal para visores e aplicacións 3D.

Esta ferramenta supón unha auténtica revolución para o sector industrial, ao permitir pasar de softwares de pago con custos elevados para obter maquetas urbanas en 3D a unha alternativa aberta e accesible. Non require iniciar sesión, conta cunha licenza de código aberto completa, ofrece a posibilidade de modificar e mellorar os modelos xerados e permite exportalos en formatos listos para o seu uso inmediato.

Publicidade

Como se ven as cidades galegas?

A ferramenta permite analizar en detalle os edificios e o trazado urbano de distintas cidades galegas. No caso de Vigo, poden identificarse tanto edificios residenciais de ata 14 plantas como espazos emblemáticos da cidade. Entre eles destacan a estación de Vigo-Urzáiz, a nave da empresa de produtos do mar Pereira na avenida de Beiramar, o histórico edificio Simeón, a sede social do Real Club Celta —de seis pisos— e o Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), que aparece representado con tres alturas.

Na Coruña, o skyline tridimensional amosa con claridade varios edificios recoñecibles, como o Edificio O Mar e o Lagoa, ambos con nove plantas. Tamén sobresae a característica forma circular do Pazo dos Deportes de Riazor. No parque próximo pode distinguirse ademais a Casa das Ciencias, representada con catro pisos. O resultado ofrece a imaxe dunha cidade con gran concentración de edificios, mais tamén con numerosas zonas abertas e espazos verdes.

Publicidade

Plano en 3D da Coruña. Imaxe extraída da ferramenta de acceso aberto.
Plano en 3D da Coruña. Imaxe extraída da ferramenta de acceso aberto.

A Cidade Vella de Santiago de Compostela tamén pode visualizarse en tres dimensións. No modelo aparecen elementos como o Pazo de Xelmírez, a Marquesiña de Xoán XXIII ou o Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela. Porén, a Catedral non chega a representarse, o que evidencia que esta tecnoloxía aínda se atopa nunha fase inicial e non incorpora a totalidade dos edificios e detalles urbanos.

Plano en 3D de Santiago de Compostela. Imaxe extraída da ferramenta de acceso aberto.
Plano en 3D de Santiago de Compostela. Imaxe extraída da ferramenta de acceso aberto.

Algo semellante sucede en vilas máis pequenas, como Sarria. Neste caso, os planos presentan un nivel de detalle máis limitado e unha renderización máis sinxela. Aínda así, poden identificarse espazos destacados como a Igrexa de San Salvador, a Torre do Batallón, o edificio do concello, algúns supermercados e a estación de autobuses. O resto do mapa corresponde principalmente a vivendas e edificios residenciais.

Plano en 3D de Sarria. Imaxe extraída da ferramenta de acceso aberto.
Plano en 3D de Sarria. Imaxe extraída da ferramenta de acceso aberto.

Podes consultar a ferramenta de planos en 3D na seguinte ligazón.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro