“O eucalipto nunca substituirá a vexetación autóctona”

Un estudo con participación galega nega que os eucaliptais sexan "desertos verdes" pero recoñece o seu impacto na biodiversidade

O cultivo de eucaliptos en áreas non autóctonas ten un impacto directo na biodiversidade das comunidades locais. Porén, un estudo publicado na revista Biological Reviews afirma que non se poden considerar “desertos verdes”, dado que hai especies que poden coexistir e prosperar nestes hábitats. O artigo recolle os resultados dun traballo levado a cabo por un equipo internacional formado por profesionais de Brasil, Australia, Finlandia e Honduras. Entre eles, o científico da Universidade de Vigo, Guillermo Velo Antón, membro do grupo de investigación en Ecoloxía Evolutiva e da Conservación (EcoEvo).

As plantacións de eucalipto en áreas non autóctonas adoitan asociarse cunha redución da biodiversidade das comunidades locais. Ademais, o seu cultivo masivo tamén implica novos desafíos para a fauna autóctona. Por iso, este equipo científico decidiu pór en marcha este traballo. “Realizamos unha revisión sobre as respostas ecolóxicas e evolutivas da vida salvaxe fronte a este tipo de plantación”, salienta o investigador Guillermo Velo. Todo iso, explica, tras revisar os estudos sobre o tema: “Máis dun cento de traballos cos que se xeraron as imaxes e resumimos os datos, aínda que foron moitos máis os revisados”.

Publicidade

Liderado pola investigadora española Maider Iglesias Carrasco, agora na Universidade de Copenhague, o traballo determina que “o eucalipto nunca substituirá completamente a vexetación autóctona”. Isto supón que o mantemento de grandes masas de vexetación nativa é vital para a conservación e saúde das comunidades de fauna.

Unha ameaza para as especies endémicas máis sensibles 

Segundo sinalan os autores do artigo, as plantacións de eucalipto poden impulsar a homoxeneización funcional. É dicir, estes cultivos contribúen á perda de especies ameazadas e endémicas. “Os ambientes antrópicos tenden a homoxeneizar os sistemas, e no caso das plantacións de eucaliptos isto é moi claro”, explica o investigador do grupo EcoEvo. Segundo o experto, isto provoca que moitas especies non consigan adaptarse, pero as que si o fan tenden a ser as mesmas independentemente do lugar da plantación.

Publicidade

O artigo tamén pon de manifesto que as plantacións de eucalipto poden provocar un rendemento subóptimo dos individuos das especies máis sensibles nestes ambientes. A consecuencia máis directa podería ser un rápido descenso destas poboacións nun curto período de tempo. “Polo tanto, non garanten o seu éxito nestes hábitats”, aclara o investigador, ao que engade que pode haber afectación a nivel reprodutivo, de tamaño corporal, etc. 

Entre as principais consecuencias para a vida salvaxe destas plantacións, os autores do estudo inclúen cambios a nivel individual e comunitario debido á comunicación perturbada e cambios na dispoñibilidade de nichos. Por exemplo, polas mudanzas na alimentación, nos niños e uso do hábitat, no comportamento e fisioloxía, na conduta alimentaria e no aumento do estrés e alteración da fisioloxía.

O impacto na fauna non só é directo. Por exemplo, as alteracións en comunidades microbianas poden producir modificacións nas interaccións das especies. Mesmo os cambios hidrolóxicos na zona poden facer que certos hábitats sexan menos adecuados para algunhas especies sensibles ao desecamento.

Unha especie presente en máis dun cento de países

Na revisión amósase que as plantacións de eucalipto están presentes en 107 países fóra da súa área de distribución nativa. Brasil, que tamén conta con cultivos masivos desta árbore, é o país onde atoparon máis traballos científicos sobre o tema. Na maioría dos países, non hai ningún ou case ningún estudo, o que constata a falta de traballos sobre o impacto dos eucaliptos a nivel global. “Este traballo resume as principais respostas da fauna salvaxe a nivel individual, comunitario e do ecosistema, destacando tamén lagoas críticas de investigación”, explica Velo.

Os resultados do artigo deixan constancia que existe un maior esforzo na investigación dos efectos das plantacións de eucaliptos sobre os vertebrados en comparación coas comunidades de invertebrados, especialmente para os mamíferos e paxaros. Do mesmo xeito tamén se fai fincapé en que a perda de diversidade e riqueza de comunidades neste tipo de plantacións é a esperada cando se elimina ou se transforma a vexetación autóctona, pero non cando son realizadas en terreo xa degradado.  


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo da UVigo explora o uso da IA para verificar información con perspectiva de xénero

Un estudo comparativo conclúe que ChatGPT ofrece as respostas máis fiables entre catro modelos analizados e detecta alucinacións en DeepSeek

Só un 1,6% de denuncias: os datos detrás das agresións sexuais a universitarias galegas en presenza de drogas

Un estudo da USC revela que o 87,3% dos agresores eran homes e case o 63% eran coñecidos das vítimas, principalmente en contextos de ocio

Radiografía das enfermidades raras: ciencia de fronteira, colaborativa e con pouco financiamento 

O grupo de Diana Valverde investiga dende o CINBIO a base molecular das ciliopatías, enfermidades de moi baixa prevalencia que afectan varios órganos causando cegueira, xordeira e malformacións

Un equipo de atlanTTic desenvolve un simulador virtual para mellorar a formación en colonoscopia

LoGiViT é unha ferramenta pensada para reducir custos e facilitar a aprendizaxe inicial dos residentes