Non tiña que estar. E está. Non pediu permiso. E chegou para quedar. A Egeria densa ou Elodea densa é unha especie invasora natural de áreas tépedas de América do Sur —sueste de Brasil, Arxentina e Uruguai— está colonizando o río Miño, após de asentarse no leito do Umia hai dúas décadas e máis recentemente no Sar.
Coñecida como elódea do Brasil, foi incluída no Catálogo español de especies exóticas invasoras en 2013, pois o seu potencial colonizador é unha ameaza acreditada para as especies autóctonas, hábitats e ecosistemas locais.
É unha planta acuática, unha herbácea que vive medio mergullada, enraizada no fondo e con flores brancas que flotan na superficie. Desenvolve uns talos condutores que poden chegar a medir dous metros de longo ou máis e ten follas en grupos de entre catro e oito.
Cando chegou a Galicia?
Non existe unha certeza sobre o camiño de chegada da elódea do Brasil ao Miño e ao Sar. “O máis probable é que a especie se introducira de forma non intencionada por vía da acuarioloxía, porque esta é unha das especies que se emprega con frecuencia nos acuarios, e ten unha capacidade de rexenerar acelerada a partir do enraizado dos nós. Un fragmento moi pequeno pode ser suficiente para crear unha nova poboación”, explica Jaime Fagúndez, doutor en Bioloxía e profesor de Botánica na Universidade da Coruña (UDC).
Unha hipótese que concorda coa realidade que explica a chegada deste macrófito ás augas do Umia: “Foi durante a recuperación dun estanque nun xardín de Caldas, que tiña plantas de acuario e foi baleirado no río”, explica o profesor e investigador responsable do grupo Hidrobiol da Universidade de Santiago (USC), Fernando Cobo.
Os danos ambientais
Hoxe en día é visible a presenza de elódea do Brasil no Baixo Miño, no tramo que descorre de Tui a Tomiño-O Rosal, cunha extensión e densidade que ameaza a biodiversidade autóctona. “As grandes masas da planta Egeria densa alteran os diferentes ciclos de nutrientes e a insolación no ecosistema fluvial”, subliña Fagúndez. Ata que punto chega a afectación? A resposta ten que agardar pois, como recoñece o profesor e investigador da UDC: “Aínda non temos un estudo concreto que nos indique o impacto real sobre o medio”.
Ademais dos danos ambientais por cuantificar tamén está lastrando a navegabilidade do río, como alertan desde a Comandancia do Miño, veciños e deportistas que teñen nel o seu campo de adestramento.
No caso do Umia, a planta invade o tramo final do río, ao seu paso polos concellos de Caldas de Reis, Ribadumia e Vilanova de Arousa. Polo que respecta ao río Sar a afectación é menor, téndose constatada a presenza de elódea do Brasil á altura de Bertamiráns, no Concello de Ames.
A erradicación da planta é unha quimera

O reto que queda por diante é controlar e tratar de minorar a extensión das masas de Egeria densa existentes, toda vez que a erradicación é unha quimera.
Actuacións puntuais de control mecánico —retirada manual e con mallas das plantas— realizados nos últimos anos no leito do Umia e máis recentemente no do Miño reduciron a cuberta da planta, pero con resultados efémeros. Un pequeno fragmento pode ser suficiente para crear unha nova poboación.
Cobo Grandín e Fagúndez Díaz subliñan a necesidade de deseñar unha planificación de traballos de limpeza e mantemento dos leitos a longo prazo, sostida no tempo co fin de poder minorar o impacto da elódea do Brasil, ao tempo que hai que facer un labor de vixilancia e prevención que evite a expansión a outros lugares.
Neste eido a Universidade de Santiago impulsa un proxecto sobre o control das macrófitas acuáticas no Baixo Miño, pendente de aprobación, no que participan, ademais da propia institución académica, a Xunta de Galicia e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e os seus correspondentes portugueses, ademais da Universidade de Porto.
Tamén o subdelegado do Goberno en Pontevedra, nunha recente inspección ao leito do Miño, ofreceu o apoio e colaboración institucional á Consellería de Medio Ambiente se o departamento autonómico impulsa un proxecto transfronteirizo para actuar contra as especies invasoras.
Gracias