Mobilizacións masivas, recollida de sinaturas e informes contrarios á instalación dunha celulosa que promete postos de traballo e expón o río a unha contaminación sen precedentes. Probablemente che soe esta historia e lembres as masivas manifestacións contra Altri que se convocaron en diferentes puntos de Galicia nos últimos meses. Mais o comezo desta reportaxe non fai alusión ao contexto actual, senón aos anos setenta, cando unha empresa vasca buscaba localización en Galicia para instalar unha celulosa. Unha das opcións foi a comarca pontevedresa do Condado, pero a forte oposición veciñal, apoiada con determinación polos concellos portugueses da outra beira do Miño, impediron a realización dun proxecto que suporía “a morte química do río”.
O apoio de Portugal
A prensa do momento, tanto a do país veciño como a galega, rexistrou o episodio con titulares tan tallantes como Alerta en el río Miño, publicado en Diario del Trabajo Nacional o 19 de febreiro de 1976; e Protestos na Galiza contra celulose de Puenteareas, da mesma data pero do xornal portugués A Capital. Estas noticias volven á luz grazas ao traballo de Damián Copena Rodríguez, profesor no departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago (USC), e Diego Amoedo Martínez, investigador na Universidade Federal do Oeste do Pará (Brasil). Acaban de presentar os resultados preliminares da súa investigación no XII Simpósio Ibérico sobre a bacía Hidrográfica do río Minho.
“O proceso adquiriu relevancia polo río. A súa contaminación poñía en xaque os recursos pesqueiros de Galicia e Portugal. Incluso se opuxeron varias cámaras municipais como a de Viana do Castelo, que chegou a enviar un telegrama ao presidente portugués mostrando o seu rexeitamento ao proxecto do Condado”, apunta Copena Rodríguez, que pon énfase nunha oposición veciñal que traspasou fronteiras. O investigador da USC, que revisou xunto ao seu compañeiro a prensa do momento, quedou sorprendido coa cantidade de información dispoñible na hemeroteca sobre un episodio que caeu no esquecemento. Ao afectar tamén a Portugal, tivo un impacto maior e déuselle máis amplitude en diversos medios de comunicación.
Un anuncio en prensa
Para entender un proceso tan complexo, hai que retrotraerse 50 anos. En novembro de 1975, a empresa vasca Celulosas de Guipúscoa lanzou un anuncio nos principais xornais galegos. O seu obxectivo era atraer os concellos e venderlles un proxecto de celulosa. Un dos interesados foi Ponteareas, que o 30 de decembro dese ano celebrou un acordo plenario favorable ao proxecto. A oposición á posible celulosa comezou a xestarse case no momento, e as mobilizacións máis intensas producíronse ata mediados de 1976. “O cume do proceso de oposición foi o gran movemento popular nas Neves, cando os veciños expulsan os técnicos de Celulosas de Guipúscoa, que visitaran o concello para unha mesa informativa”, sinala o profesor da USC.
Malia que os concellos do Condado que se mostraban máis favorables ao proxecto foron Ponteareas e Crecente, a instalación dunha celulosa tamén afectaría Salvaterra de Miño e As Neves. Foi neste último municipio onde a oposición veciñal foi unánime durante a celebración dunha mesa informativa en abril de 1976. Reunidos no ximnasio xunto con varios alcaldes da comarca, varios académicos e seis técnicos da empresa promotora, o espazo estaba abarrotado tanto no interior como no exterior.
Os representantes de Celulosa de Guipúscoa, segundo unha peza publicada en El Pueblo Gallego ao día seguinte, tiveron que saír escoltados pola Garda Civil pola forte oposición e os berros de “Celulosa, non”, “Fóra, fóra” e “O pobo vencerá”. O xornalista José Rey describiu un “clima tenso” e unha veciñanza que “atronou o local”. Aínda que este episodio foi un punto de inflexión, o proceso de oposición continuou ata 1977, cando aínda se recollen na prensa noticias das manifestacións contra o proxecto. “A mobilización veciñal tivo un papel clave para parar a celulosa e incluso varios alcaldes se comezaron a mostrar contrarios”, sinala Copena Rodríguez.

Similitudes coa actualidade
Malia que a historia quedou esquecida, o investigador da USC reclama a súa recuperación. Máis aínda nun contexto onde as mobilizacións sociais e ambientais están tan de actualidade para frear outra iniciativa semellante: a dunha macrocelulosa no corazón mesmo de Galicia. O proxecto de Altri en Palas de Rei tería innumerables consecuencias negativas para o Ulla e a biodiversidade da zona, así como para a saúde humana, tal e como denunciou un informe do Consello da Cultura Galega (CCG). “Debemos lembrarnos de casos como o do Condado para aprender do pasado, aínda que sexa afastado. E, tamén, para estudar o nacemento do movemento ecoloxista en Galicia”, sostén.
As similitudes entre as protestas contra Altri e as de Celulosas de Guipúscoa son evidentes. Informes como o do CCG tamén se publicaron a mediados dos setenta para rexeitar o proxecto do Condado. A diferenza esencial entre un e outro caso é a forte implicación de Portugal, que ante as ameazas aos recursos pesqueiros do Miño ofreceu a súa axuda aos veciños do outro lado do río. Entre as grandes semellanzas, as promesas de novos postos de traballo e máis investimento na zona. “No sentido popular, os contras son máis importantes que os posibles beneficios, como acontece agora co clamor de Galicia na Ulloa. Nos setenta había que sumar un contexto social e político complexo, dado que se expoñían a consecuencias negativas ao adoptar posicións sociais tan claras”, sinala Copena Rodríguez, en alusión aos últimos retallos da ditadura franquista.
O traballo da investigador da USC e do seu compañeiro Diego Amoedo aínda non rematou. Tras a análise da prensa e de diversa documentación escrita, agora están a recoller información oral daquelas persoas que tiveron algunha participación no proceso de oposición. “Queda moito traballo por facer para entender, con máis nivel de detalle, conflitos similares e vinculados a outro tipo de instalacións”, engade Copena Rodríguez. E tamén, para extraer aprendizaxes dun pobo galego en pé de guerra contra o proxecto dunha celulosa que prometía bonanza económica fronte á perda inestimable da biodiversidade e dos recursos naturais. Unha historia que se repite hoxe, pero sen esquecer os ecos da vitoria do Condado.













Un ano antes, 1974, a mesma empresa vasca tentara instalar unha Celulosa en Pantín, co beneplácito das forzas vivas do Concello de Valdoviño e Ferrol. En Cedeira orgaizáranse actos de rexeitamento por parte da cidadanía e as autoridades locais neste caso non querían a celulosa cerca da ría de Cedeira. PAra unha mellor e máis ampla información ver este discorrer do blogue de naturalismo Ao noroeste do Noroeste: https://costaartabra.blogspot.com/2025/12/1974-altri-non-1452-sinaturas.html.