Da Gallaecia á Galicia contemporánea: coñece a historia a través dun mapa interactivo

A aplicación Time Travel permite explorar personaxes, reinos, fronteiras e acontecementos dende a Antigüidade ata o século XXI mediante un percorrido visual e temporal

A Galicia que coñecemos na actualidade ten a súa orixe na Gallaecia romana, provincia do Imperio fundada arredor do ano 295 despois de Cristo. A partir deste período comeza o rexistro da historia de Galicia na aplicación Time Travel, un mapa interactivo da historia do mundo que permite localizar eventos, persoas, reinos e fronteiras históricas ao longo do tempo, dende o ano 1.000 a.C. ata o século XX.

A ferramenta conta cun cursor temporal que permite situar ao usuario na época que prefira —por anos, décadas ou séculos— e así explorar o pasado dun xeito intuitivo. Ademais, ao seleccionar calquera elementos do mapa, aparece un despregable coa información principal relacionada co tema escollido.

A través de fontes abertas e librerías cartográficas modernas constrúese o mapa con base en OpenStreetMap. A visualización apóiase na tecnoloxía de Mapbox e a capa de límites históricos provén de OpenHistoricalMap, un repositorio colaborativo que dixitaliza fronteiras, camiños e edificios de épocas pasadas. A información complementaria, como biografías, etiquetas e datas, baséase en Wikipedia e Wikidata.

Con todo, a aplicación tamén presenta algunhas limitacións. Por exemplo, ao explorar o século XIX poden aparecer no mapa nomes como Abraham Reif, Samuel Löb Goldenberg ou Samson Bloch, que a primeira vista non parecen moi galegos. Isto débese a un erro: estas persoas viviron na rexión histórica de Galicia, que naquela época formaba parte do Imperio austrohúngaro e hoxe dividida entre Polonia e Ucraína.

Publicidade

Os reinos do pasado

No mapa de Galicia destacan, sobre todo, personalidades históricas de distintas épocas. Entre elas atópase Paulus Orosius, sacerdote romano, historiador e teólogo nado arredor do ano 375 en Bracara Augusta (a actual Braga), que daquela era capital da provincia de Gallaecia. Orosius foi autor dunha das obras máis influentes da historiografía no tránsito entre a antigüidade e a Idade Media: Sete libros de historia contra os paganos (Historiarum Adversum Paganos Libri VII, en latín).

Outro personaxe presente en Time Travel é Hydacio, escritor e clérigo romano que exerceu como bispo de Aquae Flaviae (Chaves), tamén en Gallaecia. A súa crónica constitúe unha fonte fundamental para coñecer a historia da Hispania do século V.

Xa no século X fai a súa aparición o Reino de Galicia, representado no mapa mediante unha bandeira. Como é sabido, xurdiu tras a división do Reino de Asturias como unha entidade política propia, aínda que mantivo case sempre a súa estreita vinculación co Reino de León. Neste contexto aparecen dous personaxes que coinciden no tempo no mapa: Afonso III o Magno, rei de Asturias e tamén titulado como “Príncipe de toda Galicia”; e Ordoño II, fillo de Afonso III, que herdou Galicia no ano 910 e que posteriormente se convertería en rei de León, reforzando así ese vínculo histórico entre ambos os reinos.

Dende clérigos a cidades con fronteiras

A medida que o cursor polos anos, van aparecendo no mapa máis puntos que coñecer. No ano 1069 destaca a figura de Diego Xelmírez, primeiro arcebispo da Arquidiocese Católica de Santiago de Compostela e tamén un importante historiador.

Outro personaxe é Pedro Pardo de Cela Rodríguez de Aguiar e Ribadeneyra, popularmente coñecido como o Mariscal Pardo de Cela. Foi un dos principais representantes da nobreza galega que se opuxo ao fortalecemento do poder central dos Reis Católicos e á progresiva perda de autonomía do Reino de Galicia. A súa resistencia rematou en execución: en 1483 foi decapitado, xunto co seu fillo, fronte á catedral de Mondoñedo por orde de Isabel I e Fernando II.

A historia que recolle Time Travel non se limita ás grandes figuras. A aplicación tamén permite descubrir casos singulares, como o de Couto Mixto, un pequeno territorio independente situado entre Galicia e Portugal. Este enclave incluía as vilas de Santiago de Rubiás (actual concello de Calvos de Randín) e Meaus (actual concello de Baltar), ambas na provincia de Ourense. Durante séculos, Couto Mixto non estivo sometido nin a España nin a Portugal: os seus habitantes non pagaban impostos nin facían servizo militar. Porén, deixou de ser territorio independente en 1864.

Cheo de figuras rechamantes

A lista de personaxes que aparecen no territorio co paso do tempo é ampla e medra progresivamente: Pedro Sarmiento de Gamboa, nomeado gobernador do Estreito de Magallanes; Salvador José Zapata, farmacéutico e filántropo; ou Nicomedes Díaz Corbelle, natural de Viveiro, político, xornalista e autor do Rexurdimento galego.

Con todo, a presenza feminina é máis tardía. Unha das primeiras mulleres que aparece representada na historia de Galicia neste mapa interactivo faino no ano 1565: María Pita, “a heroína da defensa da Coruña contra os ataques da armada inglesa en 1589”, segundo a aplicación. Máis de dous séculos despois aparece Concepción Arenal, pensadora, xornalista, poeta e autora galega, pioneira do feminismo español e primeira muller en asistir á universidade en España.

O mapa tamén recolle unha ampla nómina de figuras da historia literaria galega, como a escritora María Mariño, o xornalista Wenceslao Fernández Flórez, a tradutora Fanny Garrido, a recoñecida Emilia Pardo Bazán ou Manuel Murguía, fundador da Real Academia Galega.

A representación da nosa era

Os datos do Time Travel chegan ata os anos 2000, o que permite achegarse a figuras contemporáneas que marcaron a historia recente de Galicia. Na Coruña destaca a figura de Rosalía Mera, que chegou ser considerada pola revista Forbes como a muller máis rica do mundo tras cofundar Zara xunto ao seu entón esposo, Amancio Ortega.

Volven aparecer tamén numerosas figuras das letras: Rafael Dieste, Luz Pozo Garza, Ramón Piñeiro López, Xosé Neira Vilas, Ramón Chao, Camilo José Cela e o xornalista e político Valentín Paz Andrade.

Neste período destacan, ademais, dúas mulleres especialmente relevantes e non sempre recoñecidas. Por unha banda, a coruñesa María Luz Morales Godoy, pioneira do xornalismo cultural e primeira muller en dirixir un xornal de ámbito nacional, La Vanguardia, nos inicios da Guerra Civil, cun papel fundamental na incorporación das mulleres ao xornalismo e á actividade literaria de España. Por outra, María Amelia López Soliño, natural de Corcubión, coñecida por ser a blogueira de maior idade do mundo, con 97 anos e 1,7 millóns de visitantes na súa páxina.

Por último, dentro da cultura galega, quen non coñece o caso de Ramón Sampedro? O mariñeiro tetrapléxico dende os 25 anos tras un accidente no mar, que loitou durante 29 anos polo recoñecemento do seu dereito á eutanasia. Así, a historia de Galicia vén marcada por grandes personaxes e momentos decisivos, que poden ser coñecidos e explorados grazas a ferramentas como este mapa interactivo de Time Travel.


Podes consultar o mapa de Time Travel na seguinte ligazón.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O carrusel de borrascas traerá ata 200 litros de auga a Galicia nunha semana

As precipitacións serán persistentes, con alertas amarelas marcadas por MeteoGalicia por chuvia intensa e vento forte en boa parte da comunidade

A Xunta exerce o dereito de tenteo para recuperar seis moedas históricas galegas

As pezas, que datan do século VI, foron declaradas Ben de Interese Cultural e inexportables para garantir a súa conservación en Galicia

Descubertas en Vigo as primeiras ouriceiras fósiles de Galicia

As marcas, gravadas en granito na praia da Calzoa, eran escavadas polos ourizos de mar para refuxiarse dos temporais e evitar aos depredadores

A imparable expansión da covid das plantas: así se propagou ‘Xylella’ no norte de Portugal

A perigosa bacteria detectouse por primeira vez en Vila Nova de Gaia nunha planta de lavanda francesa en 2019