Casas galaicas e edificios perdidos: así se reconstrúe en 3D o patrimonio histórico galego

O Centro Infográfico Avanzado de Galicia (CIAG) emprega a tecnoloxía 3D para recuperar espazos e edificios perdidos, combinando rigor histórico e innovación

Grazas ás novas tecnoloxías, os usuarios podemos acceder a unha visión máis ampla do patrimonio histórico de Galicia. Dende unha perspectiva arqueolóxica, arquitectónica, etnográfica e antropolóxica, o Centro Infográfico Avanzado de Galicia (CIAG) ofrece este servizo dende o ano 2012, co obxectivo de virtualizar e poñer en valor o patrimonio galego en formato 3D.

A través da reconstrución de espazos históricos, a creación de maquetas tridimensionais, o patrimonio 360 e mesmo a recreación de personaxes históricos, o CIAG recupera o pasado e proxecta o futuro. Cunha páxina web aínda en desenvolvemento, prevista para principios do próximo ano, o centro reunirá todos os seus traballos nun catálogo dixital coa totalidade das súas reconstrucións.

Publicidade

Entre unha ampla variedade de proxectos realizados, o CIAG conta xa con arredor de 40 reconstrucións do patrimonio galego pertencentes ás catro provincias. Esta é a historia dalgúns destes edificios perdidos no tempo, e de como a súa recreación virtual permite recuperar unha parte da súa memoria.

Século II a.C.: como se vivía nunha casa circular galaica?

O CIAG non só traballa con planos de edificios do século XX, senón tamén con restos arqueolóxicos. Un exemplo é a recreación dunha casa circular galaica do século II a.C., en plena Idade de Ferro. Situada entre os concellos de San Amaro e Punxín (Ourense), e pertencente ao que se coñece como castro ou citania, esta vivenda foi reconstruída a toda cor e con gran nivel de detalle.

Publicidade

Tratábase dunha construción tradicional de planta circular, cun diámetro que podía oscilar entre os 5 e os 15 metros. As paredes elaborábanse con cachotería de granito, lousa ou con madeira e barro, e a cuberta consistía nun teito cónico. A pesar da súa sinxeleza, estas formas arquitectónicas resultaban sorprendentemente eficientes: sen cheminea, o interior quentábase e permitía cociñar, mentres que o fume se evacuaba a través da palla do teito.

No interior, os muros adoitaban aparecer pintados e decorados con motivos xeométricos característicos da cultura galaica da Idade de Ferro. Este espazo funcionaba como o equivalente ao noso salón actual, un lugar de encontro familiar e de vida social.

  • Recreación do exterior dunha casa circular galaica do século II a.C. Foto: CIAG
  • Recreación do interior dunha casa circular galaica do século II a.C., decorada con motivos xeométricos. Foto: CIAG
  • Planos das portas das casas galaicas. Foto: CIAG

Dende o ano 2020, levouse a cabo a virtualización deste conxunto arqueolóxico da man dos profesionais Carlos Paz, Anxo Miján, Manuel García e Alexandre González no Centro Infográfico Avanzado. Xunto ao labor técnico, foi fundamental tamén a revisión histórica realizada por Paco Boluda, divulgador, ilustrador arqueolóxico e director do Proxecto Lanóbriga: unha cidade galaica.

1925: Art Decó en Ourense

Na rúa do Progreso de Ourense puido existir un Pavillón de Exposición de vehículos a motor. Isto proxectou o arquitecto Manuel Conde Fidalgo no ano 1925 por encargo de Manuel Sás e Sequeiros. O deseño, influenciado polo estilo modernista Art Decó, nunca chegou a materializarse, pero Carlos Paz de Lorenzo recreouno virtualmente no ano 2012 para mostrar como podería ter sido.

  • Recreación do Pavillón de Exposición de vehículos a motor de Ourense a partir dos seus planos por Carlos Paz de Lorenzo (2012). Foto: CIAG
  • Recreación do Edificio Sás de Ourense por Carlos Paz de Lorenzo (2013). Foto: CIAG
  • Planos orixinais do Edificio Sás de Ourense, ideado polo arquitecto Manuel Conde Fidalgo. Foto: CIAG
  • Fotografía orixinal do Edificio Sás. Foto: CIAG

A fachada do proxecto ocupaba 171,2 metros cadrados. Un ano despois, o mesmo arquitecto elaborou unha proposta alternativa que finalmente si se construíu: o Edificio Sás. Esta nova versión incorporaba un piso adicional, destinado a almacén ou vivenda, e presentaba modificacións nas carpinterías, nas estruturas de ferro fundido dos balcóns e ventás, así como na decoración da fachada.

A pesar da súa relevancia arquitectónica, o edificio foi derrubado en 1970. Porén, grazas á reconstrución en 3D realizada por Carlos Paz en 2013, hoxe é posible recuperar e contemplar a súa imaxe.

1940: un Gran Teatro con forma de radio

O Gran Teatro, situado no centro de Lugo, abriu as súas portas o 17 de maio de 1940. A súa inauguración produciuse seis anos despois do peche do Teatro Principal, obra do arquitecto Álvaro Mendoza. O novo edificio, deseñado polo arquitecto da Deputación Alfredo Vila López, destacaba pola súa modernidade e pola súa curiosa forma, que lembraba a dun grande aparello de radio.

Nos anos 90 xurdiu unha forte reivindicación en favor do seu derrubamento, xa que para parte dos gobernantes lucenses resultaba un edificio pouco estético. Finalmente, a súa demolición iniciouse en 1996 e o solar foi ocupado por unha urbanización de vivendas.

  • Recreación do Gran Teatro de Lugo por Andrés Armesto (2022). Foto: CIAG
  • Modelo 3D do Gran Teatro de Lugo. Foto: CIAG
  • Fotografía orixinal do Gran Teatro de Lugo. Foto: CIAG

Tres anos atrás, o especialista Andrés Armesto Cortiña recuperou a memoria do edificio mediante modelos 3D e coa revisión histórica realizada polo CIAG. Segundo explican dende o centro, “o Gran Teatro foi un modelo arquitectónico e de lecer de posguerra“. No seu escenario acolléronse obras de teatro, óperas, zarzuelas e mesmo espectáculos de circo.

1949: a praza imaxinaria de Galicia

Todo arquitectos garda unha fantasía creativa, e no caso de Manuel Gómez Román esta consistía nunha praza de Galicia situada en Santiago de Compostela. Os seus bosquexos, recreados no 2024 por Andrés Armesto, revelan unha arquitectura cargada de referencias historicistas e estéticas destinados a idealizar e exaltar a identidade galega.

  • Recreación virtual da praza imaxinaria de Galicia ideada polo arquitecto Manuel Gómez Román para Santiago de Compostela. Foto: CIAG
  • Debuxo orixinal da praza imaxinaria de Galicia de Manuel Gómez Román. Foto: CIAG

Concibida con vistas á Catedral de Santiago, esta praza combinaba elementos barrocos con influencias do Art Nouveau. O estilo de Gómez Román, que o CIAG define como rexionalismo ecléctico, está presente en numerosas zonas residencias das cidades galegas. “Realmente foi un dos grandes mestres da arquitectura de Galicia“, subliñan dende o Centro de Infografía Avanzada.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha recreación en 3D recupera a desaparecida casa de baños La Concha de Arosa

O CIAG crea unha visualización dixital dun edificio de finais do XIX que funcionou como polo turístico e centro do lecer aristocrático da época ata o seu peche tras a Guerra Civil

Cando a luz é máis que arte: iluminar para conservar o patrimonio de Santiago

Un estudo da USC confirma a eficacia dun novo sistema de iluminación ornamental, en cores ámbar e verde, para a conservación da arquitectura en pedra

A esquecida historia da torre de Torés, derrubada polo temporal tras anos de advertencias

A fortaleza medieval dos Ancares, declarada Ben de Interese Cultural, levantouse no século XVI e é propiedade da Casa de Medinaceli

Como era Tui en 1225? Así se reconstrúe en 3D o pasado da vila dende Silicon Valley

Un proxecto impulsado polo Concello recrea a catedral e a contorna urbana medieval con motivo do 800 aniversario da súa consagración