Como era Tui en 1225? Así se reconstrúe en 3D o pasado da vila dende Silicon Valley

Un proxecto impulsado polo Concello recrea a catedral e a contorna urbana medieval con motivo do 800 aniversario da súa consagración

O 30 de novembro de 1225, a catedral de Santa María de Tui foi consagrada polo bispo Esteban Egea. Con motivo do 800 aniversario da súa bendición, o Concello de Tui quería responder unha pregunta: Como era este monumento relixioso no século XII? Para facilitar a divulgación, crearon Imaxinando o pasado: Tui 1225, un libro completo dedicado á historia da vila. E precisamente leva o discurso á imaxinación grazas ás detalladas reconstrucións 3D da cidade durante a Idade Media, elaboradas por Pablo Álvarez Yáñez, tudense e ligado á súa cidade natal dende o seu posto de traballo en Silicon Valley.

En 2023 comezou a inquietude do autor polo desenvolvemento en tres dimensións. Proxectos como a reconstrución completa da cidade de Roma na era bizantina ou a da cidade de México antes da chegada dos españois levouno a interesarse máis por esta tecnoloxía, dado o seu interese pola historia. Así, dende San Francisco, decidiu marcarse un obxectivo para afondar no deseño 3D: “Pensei en recrear a catedral de Tui na época medieval como novo proxecto final”, sinala Pablo Álvarez.

Publicidade

Neste momento tocou á porta de Marta Cendón, profesora na Facultade de Historia da Universidade de Santiago, tudense e autora dun libro sobre Santa María de Tui. Dado que foi unha das fontes que consultou o autor para a reconstrución, decidiu contactar con ela. Pablo explicoulle o seu proxecto, e Cendón propúxolle lanzar a súa práctica ao grande: unha representación visual de como era a catedral no pasado, plasmada nunha publicación.

Historiadores e libros tudenses

Non parece tarefa sinxela recrear virtualmente unha cidade medieval da que se conservan poucas imaxes. Cando non é posible consultar representacións visuais, é necesario recorrer aos arquivos. No caso de Pablo, contou con dúas fontes principais: Marta Cendón e Rafael Bargiela, responsable do arquivo municipal do Concello de Tui.

Publicidade

“Ao tratarse dunha cidade con tanta historia, a verdade é que hai moita literatura”, sinala. Xa no século XVII, historiadores locais repasaban a historia da catedral, e a hemeroteca dos xornais dedicados á historia de Galicia resultou ser outra fonte relevante. Ademais, ao afondar na investigación, tamén consultou información a arqueólogos municipais.

Como reconstruír unha cidade medieval?

“Cando comezas a facer unha reconstrución, sempre hai un pouco de parte que hai que inventar“. Así, Álvarez Yáñez explica que aínda que se busque unha recreación fidedigna, moitas veces os historiadores —principal fonte de información— tampouco chegan a saber con detalle como era a fachada dun edificio no ano 1225. “Non é o mesmo escribir que plasmar en tres dimensións”, apunta.

Bosquexo da cidade medieval de Tui. Imaxe extraída do libro 'Imaxinando o pasado: Tui 1225'.Recreación 3D da cidade medieval de Tui. Imaxe extraída do libro 'Imaxinando o pasado: Tui 1225'.
Bosquexo previo e reconstrución final en 3D da cidade medieval de Tui. Imaxes extraídas do libro ‘Imaxinando o pasado: Tui 1225’.

Deste xeito, os baleiros énchense con referencias doutros lugares: edificios do século XIII en Galicia ou no norte de España que coincidan coa tipoloxía arquitectónica. Se non atopaba exemplos en Galicia ou no norte de Portugal, achegábase a estudar o Reino de León.

Estes retoques imaxinarios teñen que ser sinalados ao público: o libro do Concello de Tui conta cunha escala de evidencia, onde se representa que elementos se conservan e cales son referencias a través de cores. “Busquei o máximo de referencias concretas, pero tamén houbo espazo para a licencia artística e a interpretación“, explica o autor dende San Francisco.

Atención aos detalles

Para Pablo Álvarez Yáñez, un dos maiores retos foi reconstruír o interior da Catedral. Cheo de capiteis e arcos de diferentes formas, esta parte do traballo tivo un duro proceso detrás. Con todo, a maior cantidade de tempo foi investida en elementos que moitas veces non se teñen en conta: as escenas finais con detalles, como o fume saíndo dunha cheminea ou a néboa na paisaxe. “Ese detalle é no que gastas máis tempo: cando parece que remataches, sempre podes facer algo para que sexa máis realista”, conclúe.

  • Reconstrución 3D do interior da catedral de Santa Maria de Tui. Imaxe extraída do libro 'Imaxinando o pasado: Tui 1225'.
  • Reconstrución 3D do interior da catedral de Santa Maria de Tui. Imaxe extraída do libro 'Imaxinando o pasado: Tui 1225'.
  • Reconstrución 3D do interior da catedral de Santa Maria de Tui. Imaxe extraída do libro 'Imaxinando o pasado: Tui 1225'.
  • Reconstrución 3D do interior da catedral de Santa Maria de Tui. Imaxe extraída do libro 'Imaxinando o pasado: Tui 1225'.
Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica