Catro mapas históricos para percorrer Galicia a través dos séculos

O Instituto Xeográfico Nacional conserva cartografía antiga datada entre o XVII e XIX e amosa a evolución do territorio ao longo de máis de 200 anos

A arte da cartografía existe dende a Prehistoria, pois os mapas sempre foron ferramentas para orientarse e guiar ás civilizacións. Resulta fascinante o proceso de elaboración dos mapas, xa que permiten representar os camiños e rutas necesarios para chegar a un destino.

No ámbito desta disciplina, o Instituto Xeográfico Nacional-O.A.CNIG recompila 76 imaxes de mapas históricos, dos cales catro están relacionados con Galicia. Estas pezas, datadas entre 1600 e 1850, inclúen unha carta xeométrica e tres mapas do antigo Reino de Galicia.

Este novo servizo da institución permite adquirir copias dos mapas a través da súa páxina web ou acceder gratuitamente ás versións dixitais. Ao optar por esta última opción, é posible visualizar cada obra con gran detalle directamente dende o navegador, así como consultar unha ficha en PDF e diferentes notas elaboradas polos profesionais do Instituto.

O Reino de Galicia no século XVII

O mapa máis antigo é unha representación do Reino de Galicia elaborada por Jodocus Honidus arredor de 1611, durante o reinado de Felipe III, a partir das planchas adquiridas a Gerard Mercator. No Instituto recibe o nome de Gallaecia Regnum. A súa aparencia resulta peculiar, cunha lixeira inclinación do mapa ao que estamos acostumados, que pode desorientar ao observador. O relevo represéntase mediante perfís de montañas abatidos e as cidades aparecen simbolizadas mediante agrupacións de edificios, pontes, muíños, faros e a división dos reinos. No mar, as ondas deséñanse cun trazo en zigzag e, como elementos decorativos, destacan dous galeóns.

Publicidade

Vinte e catro anos despois aparece outro mapa coa mesma denominación, cartografado inicialmente por Willem Blaeu e continuado polos seus fillos Joan e Cornelius. A reprodución convervada, realizada por Fernando Ojea en 1635, representa igualmente o Reino de Galicia. Nesta obra figura o escudo de Galicia e o relevo volve aparecer en forma de montañas. A Torre de Hércules represéntase de forma explícita. A toponimia combina algúns nomes en español, aínda que a maior parte se manteñen en latín.

Mapa do Reino de Galicia 1611
Mapa nomeado ‘Gallaecia Regnum’ por Jodocus Honidus. Foto: Instituto Xeográfico Nacional-O.A.CNIG

Un mapa para Floridablanca

En 1784 aparece outro mapa ilustrado de Galicia, tamén referido ao Reino, baixo o título Mapa geográfico del Reyno de Galicia, dedicado ao “Excelentísimo Señor Don Joseph Moñino, Conde de Floridablanca“. O seu autor foi o xeógrafo Tomás López, integrado na súa obra Atlas Xeográfico de España. Nel recolle unha grande cantidade de nomes, vías e referencias, aínda que moitos destes detalles poden apreciarse na versión dixital proporcionada polo CNIG.

Mapa do Reino de Galicia 1784
Mapa ilustrado do Reino de Galicia, polo xeógrafo Tomás López. Foto: lnstituto Xeográfico Nacional-O.A.CNIG

O mapa inclúe as provincias de Santiago, Coruña, Betanzos, Lugo, Modoñedo, Ourense e Tui. O deseño do relevo represéntase mediante pequenas montañas que forman cordilleiras a través de todo o territorio. Na esquina superior dereita figura unha nota explicativa que resume o proceso de elaboración do mapa.

A maior achega da cartografía española

O labor de cartografía máis novo foi elaborado en 1834 por Domingo Fontán e finalmente gravado en 1845 debido ao atraso na procura de gravadores. É considerado a principal achega da ciencia cartográfica española da primeira metade do século XIX. Non é de estrañar, dado o seu nivel de detalle: o relevo represéntase mediante curvas de nivel, cotas altimétricas medidas en varas castelás e puntos da rede xeodésica.

Inclúe tamén a sinalización das cidades mediante pequenos círculos, e das capitais mediante hexágonos. Ademais, recolle marcas das redes de comunicación e a correspondente división político-administrativa. A hidrografía aparece representada a través da rede fluvial principal, cos identificación dos ríos máis importantes.

Mapa de Galicia elaborado en 1834 por Domingo Fontán e gravado en 1845. Foto: lnstituto Xeográfico Nacional-O.A.CNIG
Mapa de Galicia elaborado en 1834 por Domingo Fontán e gravado en 1845. Foto: lnstituto Xeográfico Nacional-O.A.CNIG

A minuciosidade tamén se aprecia na liña de costa: realízanse escollos, escarpados e mesmo praias con punteado, xunto cun amplo número de topónimos distribuídos nesta folla de 103,5 x 98 centímetros.


Podes consultar todos os mapas históricos do Instituto Xeográfico Nacional-O.A.CNIG na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os Premios da Academia de Ciencias recoñecen un avance contra o cancro liderado por María Mayán

Os galardóns á investigación conceden a remuneración en Ciencias Básicas ao proxecto do CINBIO pola identificación dunha nova diana terapéutica, ademais de outorgar dous accésits na mesma categoría

Un gran mapa xenético de Galicia localiza as mutacións máis frecuentes e asociadas a sete enfermidades

O catedrático da USC Antonio Salas esboza unha cartografía que pode servir como guía para a detección precoz, a prevención e a medicina personalizada

A tormenta solar máis potente dos últimos 20 anos deixa incribles auroras boreais (tamén en Galicia)

A maior erupción do Sol dende 2003 activou condicións xeomagnéticas visibles nos ceos de Europa, con leves rexistros no noroeste peninsular

As Cíes perden biodiversidade: así destrúe o cambio climático as reservas mariñas

O autor do estudo do CSIC sobre as Illas Atlánticas advirte sobre o quentamento das augas e a acidificación como os principais factores de alteración ecolóxica