“A partires de Santa Lucía mingua a noite e crece o día”, di un dito popular. Este santo celébrase o 13 de decembro, pero o físico e catedrático de Electromagnetismo da Universidade de Santiago (USC) Jorge Mira sinala na súa conta de X que, na franxa norte de España, o incremento das tardes máis longas comeza xa o día 8 de decembro.
Aínda que moitos pensarían pensar que este cambio coincide co solsticio de inverno —o día 21 de decembro—, non é exactamente así. Mira explica que neste período, a Terra desprázase máis e ao mesmo tempo da un xiro sobre si mesma. Isto provoca que a principios de decembro, aínda que as mañás sigan escurecendo, as tardes comezan a alongarse antes do solsticio.
Segundo un artigo de TuTiempo.net, isto débese á chamada Ecuación de Tempo: prodúcese cando a órbita terrestre non é un círculo perfecto e a súa velocidade varía ao longo do ano. Como consecuencia, o “tempo solar aparente” non coincide co tempo civil que marca o reloxo. Así, a posta de sol máis temperá adoita ocorrer entre o 7 e o 10 de decembro, mentres que a saída do sol máis tardía se produce uns días despois, normalmente a principios de xaneiro.
Moita xente pensa que as estacións dependen da distancia da Terra ao Sol. De feito, a principios de xaneiro de 2026, a Terra acadará o perihelio, o punto máis próximo ao Sol. Se a distancia fose determinante, os habitantes do hemisferio norte sufrirían temperaturas extremas en xaneiro. En realidade, a duración do día e da noite depende da inclinación do eixo de rotación terrestre, que mantén un ángulo constante de aproximadamente 23,5 graos respecto ao plano da órbita. É esta inclinación a que provoca as estacións e determina cantas horas de luz temos.
Cando será o solsticio de inverno?
No hemisferio norte, o solsticio de inverno ocorrerá o 21 de decembro ás 15:02 horas. A partir dese momento, o Sol comezará, aínda que de forma case imperceptible ao principio, a “subir” de novo no ceo.
O día en Madrid durará aproximadamente 9 horas e 17 minutos, mentres que en Galicia será lixeiramente máis longo. Durante os primeiros días despois do solsticio, a ganancia de luz será mínima, apenas uns segundos diarios. Con todo, ao achegarse ao equinoccio de marzo, a duración do día aumentará máis rapidamente, sinalando a chegada da primavera.












