Publicidade

Galicia antes e despois: esta páxina permite ver os nosos mapas ao longo da historia

A carta creada por Domingo Fontán e atlas de máis de 500 anos son algunhas das pezas que podemos atopar neste sitio interactivo

Galicia é terra de carballos, de rías, de montes e de grandes acontecementos. Para percorrer esa historia da forma máis visual posible, unha páxina web recompila algúns dos mapas máis importantes a través dos séculos. Este arquivo dixital permite, de forma interactiva, comprender mellor como se debuxaban as fronteiras e como evolucionaron ao longo do tempo. Unha ferramenta valiosa para ver representacións cartográficas feitas a man por navegantes doutros tempos e entender como se vía Galicia tanto desde fóra como desde dentro. O sitio amosa o mundo a través de diversos atlas históricos, todos eles coa información de orixe sobre quen o creou.

Un exemplo é a representación datada de 1628, que vai na portada deste artigo. Forma parte doutra peza maior: o Atlas Minor Gerardi Mercatori. Trátase dunha versión máis pequena dos tradicionais atlas tamaño folio que se facían, pero tamén máis grandes que aqueles preparados para gardar no peto. Ideado en 1607, o autor Ioannis Ianssonii publicouno 21 despois. Nado en 1588, Ianssonii foi un recoñecido impresor e editor na súa época e ampliou a creación de mapas abrindo diversas sucursais por Europa. Neste caso, a peza imprimiuse con pranchas en Amsterdam. A edición orixinal estaba en branco e negro e inclúe a súa topografía, cidades e ríos.

Publicidade

Anos máis tarde, os mesmos autores fixeron unha nova versión. Cun cambio de formato, en 1636 decidiron crear a nova edición con ilustracións adicionais e máis detalles. Iso si, usáronse as mesmas pranchas das edicións dos anos anteriores. A súa publicación foi moito máis tardía, xa que se incorporou a un atlas de 1673.

Máis tarde apareceron outros mapas, como este de 1796 coa liña de costa moito máis próxima á realidade, como se observa na comparativa. Neste caso, forma parte dunha ilustración de Europa, publicada por Aaron Arrowsmith, un dos máis prestixiosos cartógrafos do seu tempo. En 1790 creou un mapa polo que adquiriu moita reputación e, en 1794, publicou outro atlas do mundo pero esta vez utilizando unha representación circular. Algunhas das súas impresións máis importantes foron o Atlas de Londres, de Escocia e tamén o de América do Norte. En 1863 recibiu a medalla Royal Geographical Society unha das máis importantes no seu campo no Reino Unido.

A Carta xeométrica de Galicia

A Carta xeométrica de Galicia é un dos mapas de maior relevancia na historia de Galicia. É un mapa físico realizado por Domingo Fontán, o primeiro do país feito con medicións matemáticas (triangulacións, medición de bases…). Para isto, precisou de instrumentos como os reloxos astronómicos ou teodolitos. A súa complexidade fixo que tardase 17 anos, entre 1817 e 1834.

Como punto de referencia, utilizou a torre da Berenguela na catedral de Santiago de Compostela. Para realizala, percorreu a pé e a cabalo toda Galicia e foi completando a carta. En 1834 presentouna a María Cristina e imprimiuse nunha prensa de París no ano 1845 dividido en 12 partes. O mapa total ocupa máis de cinco metros cadrados.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha viaxe ao pasado de Galicia: 4.000 anos de historia nun mapa interactivo

Chronas é unha ferramenta web con máis de 50 millóns de puntos de datos que abranguen dende o 2000 a. C.
00:00:26

A cova do Rei Cintolo, a máis grande de Galicia, xa ten vídeo 3D para reconstruír a súa historia

O equipo dirixido polo enxeñeiro e espeleólogo Marcos Vaqueiro deseñou un modelo dixital para estudar toda a diversidade do terreo

Un Google Earth en tempo real: así é o software galego para actuar ante as emerxencias

A empresa Beagle Technologies usa a tecnoloxía 3D para crear cartografías do terreo o máis completas posible e facilitar a toma de decisións

Que montes ves dende a túa casa? Unha aplicación cóntacho cunha panorámica

O simulador online permite obter os nomes e ubicación das montañas do horizonte dende calquera punto do planeta