A borrasca Olivier acende as alertas en Galicia no inicio da Semana Santa: estas son as zonas afectadas

O luns e o Venres Santo está previsto que entren dous novos sistemas de baixas presións que deixarán máis inestabilidade e precipitacións

Galicia despídese das mangas curtas, as sandalias e os días de praia e dá paso a unha Semana Santa inestable, marcada polas tormentas e o brusco descenso térmico. Este venres 11, o inicio da Operación Saída para moitos galegos, a borrasca Olivier acende a alerta amarela por chuvascos localmente fortes e acompañados de tormenta no interior de Pontevedra e da Coruña, no noroeste de Ourense e na montaña, centro e sur de Lugo. Malia que o aviso activado por Meteogalicia só estará activo entre as 15 e as 21 horas deste venres, os próximos días continuarán marcados polo ambiente tormentoso e as baixas temperaturas, incluídos os festivos de Semana Santa.

A inestabilidade da fin de semana estará provocada polo aire frío en altura e o paso da borrasca Olivier. O sábado, as precipitacións serán máis intensas pola tarde e no interior, e poderán caer en forma de treboada. Para o domingo agárdase un escenario semellante, malia que as chuvias irán remitindo ao final do día. Un dos aspectos que caracteriza esta primeira fin de semana de vacacións para moitos galegos é o acusado descenso térmico. As máximas roldarán os 20 graos no sur —10 graos de diferenza respecto á primeira parte da semana— e descenderán ata os 15 en Santiago, A Coruña e Ferrol. As mínimas oscilarán entre os 10 e os 14 graos.

Publicidade

Dúas novas borrascas

A vindeira semana arrincará, de novo, marcada pola inestabilidade. Meteogalicia prognostica entre o luns 14 e venres 18 unha probabilidade de precipitación de entre o 75% e o 90% con máximas de tan só 15 graos e mínimas que non superarán os 6. Dende eltiempo.es sinalan que o luns podería entrar unha nova borrasca atlántica por Galicia, acompañada dunha masa de aire frío que provocará un novo descenso térmico entre martes e mércores. O tempo mellorará, previsiblemente, o Xoves Santo, que será un día de transición con ceos parcialmente nubrados e con ambiente máis estable.

Con todo, o Venres Santo está previsto que chegue unha nova borrasca, tamén polo noroeste peninsular, que traería abundantes e intensas precipitacións que entrarían por Galicia e se xeneralizarían a toda a península, sobre todo no norte e no centro. As zonas nas que se prevé que máis chova son Galicia, Castela e León e norte de Aragón. Non obstante, os distintos servizos de meteoroloxía advirten da incerteza do prognóstico e das probabilidades de que vaia mudando conforme avancen os días. De momento, a Semana Santa de 2025 semella que en Galicia virá pasada por auga.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro