A borrasca Olivier impactará con intensas chuvias en Galicia ás portas da Semana Santa

Meteogalicia prevé probabilidades de precipitación de ata o 90% ata o martes 15, con temperaturas frescas para a época do ano

Galicia vivirá a partir do xoves un cambio radical de tempo. Unha potente borrasca atlántica, nomeada Olivier, e considerada de algo impacto, chegará a partir do xoves. A antesala da Semana Santa prevese abundantemente chuviosa, inestable e con temperaturas frescas para a época do ano. Unha situación diametralmente oposta á vivida na primeira metade da semana, co predominio do anticiclón e temperaturas de ata 30 graos en Ourense. Con todo, non semella que se recupere a estabilidade, como mínimo, ata o martes que vén. A previsión de chuvia que baralla Meteogalicia acada o 90%. Os modelos apuntan a unha Semana Santa revolta.

Entre martes e mércores predominará o tempo solleiro e caloroso, con temperaturas máximas que oscilarán entre os 25 e os 30 graos nas cidades galegas. Non obstante, a entrada de aire frío en capas medias e altas de atmosfera, xunto ao aire cálido en superficie, comezará a crear inestabilidade a partir do xoves. Malia que a primeira parte da xornada o sol será capaz de abrirse paso, conforme avance a tarde aumentan as probabilidades de tormentas que poden ser localmente intensas e vir acompañadas de sarabia e aparello eléctrico. Malia que comezarán no sur de Galicia, iranse desprazando cara ao norte, provocando unha baixada das temperaturas.

Publicidade

Que tempo irá nos festivos?

No que respecta á fin de semana, agárdanse abundantes chuvias en toda a comunidade debido á inestabilidade provocada polo aire frío en altura. Ata o martes 14 a probabilidade de precipitación é, segundo prognostica Meteogalicia, do 90%. Isto tamén causará un descenso importante dos valores máximos. A tónica a partir da vindeira semana aínda non está clara e son moitos os escenarios que se barallan. Porén, dende o portal Meteored prevén que a Semana Santa sexa “inestable e revolta” pola chegada de novas borrascas atlánticas que poden traer chuvia, tormentas, po en suspensión, neve, temporal marítimo e grandes cambios de temperatura.

De cara aos días festivos de Xoves e Venres Santo, hai unha baixa probabilidade de que se restableza a estabilidade, pero só no sur da península. Segundo Meteored, un anticiclón situaríase na parte sur e as frontes restrinxiríanse ao norte. Aínda así, consideran que é moi pronto para facer un prognóstico definitivo e que o único claro é que a borrasca Olivier provocará un tempo inestable e deixará precipitacións xeneralizadas. Galicia será unha das zonas na que máis chova e todo apunta a que a Semana Santa se presentará complicada, con maior predominancia das precipitacións e do ambiente tormentoso.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A borrasca Olivier acende as alertas en Galicia no inicio da Semana Santa: estas son as zonas afectadas

O luns e o Venres Santo está previsto que entren dous novos sistemas de baixas presións que deixarán máis inestabilidade e precipitacións