A aguaneira, o indicador da calidade das augas a piques de desaparecer que tamén ameaza Altri

Considerado un gran biomarcador da limpeza dos ríos, este pequeno mamífero está na lista de potenciais afectados pola celulosa de Palas

Un pequeno e esquivo roedor é un dos mellores indicadores da calidade das augas. A súa presenza garante que alí flúe unha auga limpa e rica en osíxeno. Trátase da aguaneira ou toupeira de auga (Galemys pyrenaicus), unha especie en risco de extinción que para a bioloxía supuxo durante décadas unha grande incógnita polas dificultades para ser visto. En Galicia, pode atoparse nos primeiros tramos do río Ulla, xusto onde se proxecta a celulosa da multinacional portuguesa Altri.

En 2021, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UINC) elevou o estado de alarma sobre a saúde da aguaneira, que pasou de ser vulnerable a considerarse unha especie en risco de desaparecer. A súa poboación caeu máis dun 50% nos últimos anos e dáse case por extinto no Sistema Central da península, como apunta o traballo do investigador Màrio Santos Matthieu Sendral, publicado recentemente en Journal for Nature Conservation.

Publicidade

Este estudo, que desmonta a crenza de que a toupeira de auga é un dos mamíferos menos analizados pola bioloxía, advirte da caída durante décadas da súas poboacións. Existe un declive substancial da súa presenza en todas as áreas na que se distribúe, onde tamén fai fronte a unha importante fragmentación do seu hábitat. Tal é así, que o Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) traballa na súa incorporación ao listado de especies en estado crítico en España, que na actualidade integran unicamente seis animais e unha planta.

Galicia é un dos lugares da península onde aínda poden atoparse estes mamíferos considerados únicos desde o punto de vista morfolóxico, que elixe as partes dos ríos mellor conservadas para vivir. E o nacemento do río Ulla é un destes lugares.

Publicidade

Para a UICN, existen seis factores que ameazan a supervivencia deste animal de aspecto inconfundible grazas ás súas patas palmeadas, cola de rata, corpo de toupa e morro de musaraña con forma de trompeta. Detrás de todos eles está a man do home. Cambio climático, modificacións dos sistemas naturais, intrusións humanas, uso de recursos biolóxicos, especies invasoras, enfermidades e, finalmente, a contaminación.

Na lista de especies ameazadas por Altri

Este mamífero endémico da península ibérica é outra das especies que poderían verse ameazadas pola instalación da celulosa que a multinacional portuguesa Altri quere por en marcha na comarca da Ulloa. Na documentación que acompaña o viste e prace da Xunta desde o punto de vista medioambiental ao proxecto, sinálase á toupeira como un dos potenciais afectados pola creación da factoría ideada no concello lugués de Palas de Rei e que prevé verter toneladas de auga ao río Ulla.

O morro característico do aguaneira (CC)

Estudos como o feito polo profesor J. Santamarina Fernández no ano 1995 sinalan a parte alta a conca do río Ulla como un dos lugares nos que habita este animal, que seduce a biólogos e expertos polo seu críptico comportamento e as dificultades para a súa investigación. As achegas feitas pola Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e a Sociedade Galega de Ornitoloxía á documentación da avaliación ambiental do proxecto ‘Gamma’ apuntan que a instalación desta celulosa sumaría un novo factor que podería levar a desaparecer a aguaneira destas augas.

A zona de vertedura ao río Ulla da celulosa de Altri é un dos lugares onde poden atoparse exemplares de Galemys pirenaicus, segundo as mostraxes feitas en 2013 durante o desenvolvemento do proxecto Life Margal-Ulla. O nome do aguaneira pirenaico tamén aparece na lista de especies ás que afectaría o aumento da temperatura e da carga orgánica no río Ulla aparellado ao proxecto xunto á náyade de río (Margaritifera margaritifera), unha rara libélula que sobreviviu ás glaciacións (Macromia splendens) e o salmón común (Salmo salar).

Todas elas teñen en común que a súa presenza é síntoma de boa saúde nas augas. Como recolle o estudo de Màrio Santos Matthieu Sendral, atopar a este esquivo mamífero é un bioindicador de primeira magnitude, que revela que se trata dun río prístino, de corrente rápida e ben osixenado.

A toupeira de auga pasa a maior parte do tempo baixo a agua e a súa actividade prodúcese, fundamentalmente, durante as noites. Por iso, durante décadas foi considerado un descoñecido, algo que Matthieu Sendral desmonta ao achegar decenas de traballos feitos durante os últimos 30 anos, entre eles, os realizados en Galicia polo profesor J. Santamarina ou o proxecto MARGALULLA.

Reparación dos seus hábitats

Este mamífero está considerado unha das especies máis voraces á hora de alimentarse. Consume diariamente o equivalente á súa masa corporal. Este forraxeador insectívoro ten unha dieta diversa. Na análise das feces atopadas nos leitos dos ríos que habita no Pirineo fracés identificáronse 194 xéneros distintos. Aliméntase, pois, de insectos abundantes e enerxéticamente rendibles: larvas de macroinvertebrados bentónicos, especialmente de tricópteros, efemerópteros, plecópteros e dípteros, mais tamén de coleópteros, anfípodos y hemípteros.

Alén de que se trata dunha especie máis coñecida do que se pensaba, as conclusións do estudo publicado a finais de marzo en Journal for Nature Conservation sinalan que as iniciativas de conservación da aguaneira deben adaptarse ao contexto local para ter en conta as variacións ambientais rexionais e as posibles diverxencias xenéticas. Un proceso que, como fai fincapé Matthieu Sendral, require da protección e a restauración dos leitos e o curso dos ríos nos que habitan.


Referencia: Conservation of a threatened semi-aquatic mammal: Insights from a systemat‐
ic review on the Pyrenean Desman (Galemys pyrenaicus)
(publicado en Journal for Nature Conservation)

Saúl Iglesias
Saúl Iglesias
Licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago. Despois dunha década facendo de todo un pouco na redacción galega da axencia Europa Press, explorando agora novos camiños desde 2025 en GCiencia.

3 COMENTÁRIOS

  1. Pois o artigo empeza erroneamente, a aguaneira non é un roedor, é un eupotiflo, orde de mamíferos de nome bastante máis descoñecido, tanto como o noso protagonista. Pero claro, un erro cométeo calquera, pero hai que documentarse mellor cando isto hao de ler moita xente…Longa vida a nosa aguaneira… Altri NON.

  2. Desmán é en castelán. É un erro gordo. No resto non entro, porque non o vou ler, xa que levo anos traballando con toupeira de auga e prefiro aforrarme polo vinagre que virá despois.
    É como facer un artigo sobre o Vulpes vulpes e chamarlle zorro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo da USC valida novos sistemas para eliminar contaminantes emerxentes nas augas residuais

A tese de Matías Rivadulla demostrou que algúns métodos innovadores permitiron eliminar máis do 90% dalgúns compostos farmacéuticos

Como detectar contaminantes na auga a través de materiais 3D: así é a solución da UDC

Investigadoras do CITENI desenvolven estruturas poliméricas que reteñen substancias nocivas e avalian a calidade do medio acuático

Unha aplicación da UVigo permite detectar contaminantes na auga a través do móbil

O proxecto Aquasense emprega dispositivos portátiles de baixo custo para facilitar a vixilancia ambiental en contornas con poucos recursos

Candeas e incenso, cando o suposto “benestar” contamina a casa

Desde o punto de vista da química atmosférica, ambos os xestos implican algo moito menos idílico: introducir unha fonte de combustión dentro do fogar