O tramo superior do río Ulla, antes de chegar ao encoro de Portodemouros, agocha unha reliquia da natureza. Trátase da especie Macromia splendens, unha rara libélula que sobreviviu no sur de Europa ás glaciacións, que resistiu durante millóns e millóns de anos, e cuxas poboacións en Galicia e norte de Portugal están consideradas as mellores do mundo. Non obstante, está en perigo de extinción. As principais ameazas ás que se enfronta esta libélula son a contaminación das augas, a destrución da vexetación de ribeira e a variación do réxime hídrico dos ríos. Dous biólogos galegos apuntan a un novo factor decisivo na supervivencia da especie no tramo superior do Ulla: a macrocelulosa que Altri proxecta en Palas de Rei.
O debate social e científico sobre a fábrica de fibras téxtiles de Greenfiber motivou a Martiño Cabana e Iván Orois a afondar na distribución das libélulas nesa área. Para iso, recompilaron información de distintas plataformas de ciencia cidadá e conseguiron recoller 875 observacións de 40 especies de odonatos no tramo superior do río. Isto representa, segundo apuntan no estudo, o 75,5% das 53 presentes en Galicia. “O informe de impacto ambiental elaborado por Altri só inclúe uns poucos grupos faunísticos. Con invertebrados como bolboretas e libélulas apenas traballaron”, salienta Cabana, investigador no grupo de Bioloxía Evolutiva da Universidade da Coruña (UDC) e socio do Grupo Naturalista Hábitat.
De feito, a especie Macromia splendens, un dos grandes tesouros da natureza galega, aparece mencionada no informe no que se xustifica o visto e prace da Xunta ao proxecto de Altri. No que respecta á parte da empresa, tan só se menciona que esta libélula é unha especie ameazada. As outras tres referencias son da parte de alegacións, onde a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), a Federación Ecoloxista Galega e a Sociedade Galega de Ornitoloxía indican que o inventario sobre fauna está “moi incompleto” en relación a Macromia splendens e que o aumento de temperatura do Ulla e da carga orgánica das verteduras de Altri poden afectar directamente á supervivencia desta antiga libélula.

Única en Europa
“Macromia splendens é unha especie endémica de moi poucos ríos do continente. É a única en Europa dunha familia tropical que resiste nas zonas máis cálidas de Europa dende o período Terciario”, explica o biólogo Iván Orois. Critica, ademais, o tratamento que recibe a especie no informe de impacto ambiental presentado por Altri. Malia que aparece mencionada, só se recoñece a súa presenza augas abaixo e non no tramo superior do río Ulla, onde hai rexistros dende hai anos en plataformas de ciencia cidadá como iNaturalist. “Descártase con pouco fundamento que estea augas arriba, pese á evidencia científica”, indica.
Galicia, o norte de Portugal, o sur de Francia e algúns ríos de Estremadura e Andalucía son os únicos lugares do mundo onde hai constancia da especie. “Sempre é unha moi boa noticia que aparezan novas poboacións de Macromia splendens“, remarca Orois, quen insiste na súa situación crítica e na responsabilidade social de evitar a súa extinción. Con todo, estudar Macromia splendens non é, en absoluto, unha tarefa sinxela. Primeiro, é moi rara e só se atopa en hábitats moi concretos. Segundo, a súa captura é complicada e, ademais, as súas poboacións atópanse normalmente en zonas de difícil acceso. Polo tanto, as ameazas poden poñer en xaque algúns focos aos que nin sequera chegou a ciencia.
A contaminación das augas, a principal ameaza
A principal ameaza para esta especie, pero tamén das outras 39 analizadas no estudo publicado na revista Chioglossa, é a contaminación das augas. O tramo superior do río Ulla, segundo explica Martiño Cabana, ten mellor calidade que a do encoro de Portodemouros e augas baixas do río. “O obxectivo de Altri é coller a auga que, por distintas cuestións, xa está contaminada. Despois, empregala no seu proceso industrial, polo que aumenta a súa contaminación. E despois desaugala nun tramo no que é máis limpa”, denuncia o biólogo da UDC.
Outro dos puntos quentes é a temperatura. “A auga dos ríos sempre está fría e mantense estable. A avaliación de impacto ambiental de Altri indica que nunca se botará por enriba dos 25 graos. Iso é unha brutalidade”, asevera Cabana, contundente. Entre as consecuencias do aumento da temperatura da auga dos ríos está unha menor dispoñibilidade de oxíxeno, o que afectaría directamente as larvas de libélulas que respiran a través de branquias. Amais disto, o biólogo da UDC pon o foco nos cambios no réxime hídrico dos ríos. É dicir, ás variacións da altura do seu leito, aos que as libélulas son moi sensibles.
A presenza de Macromia splendens no tramo superior do Ulla xa demostra que son augas de boa calidade. O problema, apuntan os investigadores, está actualmente no encoro de Portodemouros, onde se recolle a contaminación difusa que provén de diversas fontes: dende as vivendas sen foxas sépticas ata o sector gandeiro. “Nas augas quietas aparecen algas filamentosas pola enorme cantidade de materia orgánica en suspensión. Por iso a auga se ve verde. Pero se chega Altri, subirá esta auga, procesaraa e aumentará a súa temperatura. Despois devolveraa ao río estando aínda máis contaminada e nunha zona que hoxe ten unha boa calidade. Nas áreas con altos niveis de contaminación, as libélulas non están”, remarca Cabana.
Excelentes controladoras de pragas

Os dous biólogos galegos remarcan a importancia de protexer as especies de odonatos que hai en Galicia. Entre outros motivos, as libélulas son excelentes depredadoras, tanto cando son larvas como cando son adultas e, polo tanto, serven para controlar pragas. Amais diso, son máis visibles ca outras especies, e poden funcionar como sentinelas ou indicadores da desaparición doutros invertebrados acuáticos. A súa conservación é imprescindible, máis aínda se están en perigo de extinción como Macromia splendens. E para iso é preciso lembrar que se precisan ríos con boa calidade de auga e con bosques de ribeira que oxixenen o hábitat no que viven.
“Existe un risco real de que algunhas especies desaparezan do tramo superior do Ulla”, sinala Cabana. Entre elas, a rara e curiosa Macromia splendens. Altri non sería unha única ameaza, senón un factor máis que contribuiría a poñer en xaque a supervivencia destas libélulas; das 40 especies que Cabana e Orois lograron identificar augas arriba do encoro de Portodemouros. A contaminación agresiva, a falta de boas foxas sépticas e o aumento da temperatura da auga poñen en serio risco os odonatos. E Altri sería un xaque mate.
Referencia: Libélulas (Insecta: Odonata) do curso alto do río Ulla (Publicado en Chioglossa)














