Dos 31 graos á chuvia: unha sucesión de frontes causará un drástico cambio de tempo en Galicia

Unha borrasca situada no oeste peninsular provocará inestabilidade entre o mércores e o venres, sen un prognóstico claro de cara á fin de semana

Luns, 18:10 horas. Os termómetros do concello ourensán de Leiro marcan 31,6 graos. É a máxima temperatura rexistrada en Galicia no último día de marzo, seguida da capital de provincia, con 30,7 graos, e de Arnoia, con 30,1. Valores máis propios do verán que dunha primavera incipiente que animaron os galegos a sacar sandalias e mangas curtas. Non obstante, unha borrasca atlántica situarase nas vindeiras horas no oeste da península e lanzará unha sucesión de frontes ata o venres que provocará, de novo, inestabilidade, chuvia e, incluso, tormentas en Galicia. O prognóstico aínda é moi incerto de cara á fin de semana.

As temperaturas continuarán con valores propios da época máis calorosa do ano durante o martes, con temperaturas que superarán os 27 graos en Ourense e estarán por enriba dos 20 no resto de cidades galegas. Con todo, Galicia xa estará nunha situación intermedia entre as altas e as baixas presións. É probable que nas comarcas de interior se produzan chuvascos illados de cara á noite. Unha situación de inestabilidade que se recruará o mércores, coa borrasca situada xa no oeste da península. De feito, Meteogalicia agarda que se produzan chuvascos localmente tormentosos, máis probables durante a tarde.

Publicidade

Descenso das temperaturas

A entrada da inestabilidade tamén causará un descenso das temperaturas máximas, que quedarán arredor dos 20 graos. Non obstante, do mércores ao venres o escenario máis probable en Galicia son as chuvias. Dende eltiempo.es prognostican que será onde máis precipitacións se rexistren de toda España, xunto ao Sistema Central e Andalucía. Esta situación, segundo aparece recollido nunha peza do portal Meteored, vén propiciada por un bloqueo anticiclónico entre o Mar do Norte e Islandia. Isto provocará que as borrascas circulen en latitudes máis baixas e deixen inestabilidade no sur de Europa.

No que respecta á fin de semana, aínda hai moita incerteza na predición. Dende Meteogalicia cren que Galicia continuará nunha situación intermedia entre o anticiclón, situado ao norte de Escocia, e unha borrasca entre os Azores e Portugal. “Teremos un prognóstico cambiante. Haberá días de alternancia de nubes e claros con probabilidade de chuvascos de tipo treboento”, indican na súa páxina web. Dende outros servizos, como eltiempo.es e Meteored insisten na dificultade de prognosticar a tantos días vista. O primeiro deles aposta pola estabilidade, mais non descarta a entrada dunha nova borrasca atlántica nos últimos días da semana.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla