Que é a configuración en omega? O fenómeno que provocará un brusco cambio de tempo en Galicia

Malia que se prevén días solleiros para esta fin de semana, cambios na circulación do aire abren unha ventá de incertidume que mesmo podería achegar unha dina a Galicia

Os ceos locen descubertos na meirande parte de Galicia durante estes primeiros compases da primavera que se estreou hai unha semana. E así continuarán polo momento, aínda que un cambio na forma de circulación do aire en toda Europa introduce incógnitas a partir do luns.

Na fin de semana na que os vigueses celebran a súa Reconquista e se poderá desfrutar dunha eclipse, o anticiclón seguirá aloxado en Galicia deixando sol e temperaturas que poderían chegar ata os 25 grados na provincia de Pontevedra e no interior ourensán, como apuntan as predicións de Meteogalicia.

Publicidade

Pero a situación tórnase unha incógnita a partir de entón. Por que? Porque a partir do sábado instalarase sobre Europa unha configuración en omega que podería mesmo deixar unha dina na costa galega a partir de mediados de semana.

O chorro polar formará meandros

Unha configuración en omega debe o seu nome á forma que debuxan as correntes do aire imitando a derradeira letra do alfabeto grego. Fórmase cando o chorro polar vese obrigado a bordear unha gran dorsal para, despois, descender de novo de latitude, segundo explica o meteorólogo Samuel Bienner en Meteored.

Publicidade

Esta situación, típica da primavera, forma importantes meandros que acentúan a variabilidade no tempo. E a península queda nos máximos de presión desta configuración, o que abre a porta a un escenario de grande incerteza sobre que tempo imos atopar ao longo da semana.

De feito, os modelos meteorolóxicos apuntan á posibilidade de que entre o xoves e o venres da primeira semana de abril chegue unha borrasca fría ou dina ás costas do oeste da península ibérica. Galicia sería a porta de entrada destas precipitacións, que se moverían máis tarde a zonas do sur e da vertente mediterránea.

Con todo, aínda é cedo para predicir con exactitude como nos afectará a configuración en omega. Polo que esta fin de semana toca desfrutar dunha fin de semana de sol en case toda a xeografía galega.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha cicloxénese explosiva no Atlántico deixa avisos por choiva e vento en Galicia

Meteogalicia advirte que haberá refachos de máis de 100 quilómetros por hora na Costa da Morte e acumulacións de máis de 40 litros por metro cadrado no litoral

Activada a alerta laranxa no oeste da Coruña por precipitacións intensas

A AEMET acende o aviso amarelo en zonas da Coruña, Lugo, Ourense e en toda a provincia de Pontevedra por tormentas e chuvias

Por que as choivas previstas serán insuficientes para acabar coa seca en Galicia: “A situación xa é moi severa”

A secura prolongada fai que o solo perda a capacidade de absorber auga, o que provoca escorreduras ante episodios intensos de chuvia

Anatomía da borrasca que regará Galicia e derrubará as temperaturas: “Formouse a latitudes excepcionais”

O descenso das temperaturas será máis pronunciado en zonas do interior de Lugo e Ourense, sobre todo na Ribeira Sacra, o Miño, Valdeorras e Verín