Un catedrático da USC saca á luz un escrito inédito de Quevedo

O texto do autor do Século de Ouro datado en 1633 confirma o enfrontamento do escritor co conde-duque de Olivares

Quevedo e o conde-duque de Olivares non se levaban ben. Polo menos, esa é unha das conclusións ás que se pode chegar tras ler o texto analizado polo catedrático de Literatura Española da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio Azaustre Galiana, e o profesor da Universidade de Huelva, José Manuel Rico García. Desconsuelos de los dichosos para que reconozcan los peligros de serlo y sepan prevenirlos é o nome do libro, de acceso público, que inclúe un escrito inédito de Francisco de Quevedo.

Redactada polo escritor do Século de Ouro desde o seu retiro en Villanueva de los Infantes o 20 de agosto de 1633, a obra está dedicada a don Fadrique de Toledo, un destacado militar que sufría a inimizade do conde-duque de Olivares. A copia manuscrita desta obra atópase na sede parisiense dos Arquivos Nacionais de Francia, onde se custodia tras ter sido levada ao Ministerio de Asuntos Exteriores a mediados do século XVIII.

Publicidade

A obra estrutúrase como un diálogo entre o Sentido e a Razón e nela advirte dos perigos da soberbia e a caída inevitable dos poderosos que ignoran a omnipotencia de Deus. “Desconsuelos de los dichosos ten unha gran transcendencia política, e confirma o enfrontamento aberto entre Quevedo e Olivares“, explican Azaustre e Rico.

A segunda obra inédita achada no século XXI

A edición do volume, publicada na Biblioteca Áurea Hispánica de Vervuert, ábrese cun estudo introdutorio no que se describe o manuscrito. Ademais os investigadores confirmaron a autoría de Quevedo e puideron analizar os contidos e as múltiples concordancias con outros escritos seus, así como a estrutura, a argumentación e o estilo. A edición do texto vai acompañada dun completo aparato de notas que aclaran as posibles dificultades de lectura.

Publicidade

A USC estivo presente na recuperación das tres últimas obras inéditas de Quevedo. A primeira das tres foi en 1993, cando Fernando Cabo e Santiago Fernández editaron Execración contra los judíos. O texto era un memorial onde Quevedo se enfrontaba a Olivares por negociar préstamos cos xudeus portugueses. En 2020, Azaustre e Rico publicaron outro memorial inédito de Quevedo. Neste, o escritor dirixíase á Inquisición en relación co conflito que suscitaron as reliquias atopadas no Sacromonte de Granada.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O 9% dos afogamentos en Galicia corresponden a intentos de suicidio

Un estudo da USC e da UVigo conclúe que o maior número de casos se produce nos maiores de 65 anos, en contornas rurais e sen testemuñas

A riqueza baixo os carballos: un estudo pioneiro con participación da USC revela a súa diversidade fúnxica

A investigación identifica 297 especies asociadas ás raíces destas árbores no norte peninsular e confirma a existencia de extensas redes biolóxicas

Un estudo da USC valida novos sistemas para eliminar contaminantes emerxentes nas augas residuais

A tese de Matías Rivadulla demostrou que algúns métodos innovadores permitiron eliminar máis do 90% dalgúns compostos farmacéuticos

Premiados sete investigadores e investigadoras mozos pola súa contribución ao avance científico galego

Verónica Bolón, Laura Castro, María Barreiro, Manuel Souto, Ismael González, Lucía Díaz e Rubén Lado reciben os galardóns organizados pola RAGC-UIE