O manuscrito esquecido de Dolores del Río, a premiada escritora galega de comezos do século XX

A investigadora Ana Belén Feijoó descobre unha carta da autora coruñesa dentro da primeira edición do seu libro 'Ráfagas', datado en 1908

¡Caladiño! qu’ ô verte chorando
os astros d’o ceo,
tembran, com’ as folliñas d’os arbres
cando as bate o vento…

A pluma de Dolores del Río escribe a toda présa. A súa mente está a crear un novo poema e precisa trasladalo ao papel. Os seus versos publícanse o 15 de xaneiro de 1913 nas páxinas do xornal Ilustración gallega baixo o título Non chores meu neno. Faino en galego, estendendo a herdanza que deixou Rosalía de Castro naquel 17 de maio de 1863 coa publicación pioneira de Cantares gallegos. Dolores del Río Sánchez-Granados é unha das autoras de finais do século XIX e comezos do século XX, burguesa, extraordinariamente conservadora e católica, que deixou pegada na escritura da súa época, mais que caeu de forma progresiva e irremediable no esquecemento.

Publicidade

A memoria das súas poesías está agora nas mans de Ana Belén Feijoó Valencia, investigadora da Universidade Complutense de Madrid (UCM), natural de Xinzo de Limia, que atopou por casualidade unha carta manuscrita de Dolores del Río. Encontrouna dentro dun exemplar de Ráfagas, un libro escrito pola autora coruñesa e publicado en 1908 onde se recompilan algúns dos seus poemas premiados en certames literarios. A obra vendeulla un familiar de Manuel Barja, un xornalista e avogado galego moi influente no seu tempo, e autor do prólogo. “É un exemplar moi especial porque é unha primeira edición. Ademais, leva gravadas as letras M.B., as iniciais do seu primeiro propietario”, indica Feijoó Valencia.

A síndrome da impostora

Así foi, por puro azar, como descubriu unha figura ata o momento descoñecida para ela. E así foi como se abarcou na aventura de reconstruír a vida e obra desta autora galega, sen atopar apenas fontes nas que apoiarse máis alá da prensa da época. A carta manuscrita de Dolores del Río suscitou unha gran curiosidade e interese na historiadora. Non hai mellor maneira de coñecer os escritores xa falecidos que a través da súa correspondencia. Neste caso, trátase dunha misiva curta na que Dolores del Río agradece a Manuel Barja a escrita do prólogo de Ráfagas. “Emprega un ton propio das mulleres da época cando se relacionan cos homes. Utiliza un estilo moi humilde, como se detrás se agochase a síndrome da impostora”, di Feijoó Valencia.

Publicidade

O non atribuírse mérito polos seus logros é algo que lle recorda a outras mulleres artistas nas que traballou. A investigación da historiadora da UCM céntrase sobre todo nas pintoras e máis concretamente en Maruja Mallo, en quen baseou a súa tese de doutoramento. Pero xa as antecesoras daban mostra disto, como foi a escritora galega Avelina Valladares (1825-1902), quen deixaba por escrito que as súas poesías eran “farrapos […] que nada valen e só serven para descansar na nosa biblioteca de familia”. Unha visión de si mesmas, da súa produción poética, artística e literaria que replicou Dolores del Río nun dos fragmentos da carta dirixida a Manuel Barja que, orixinariamente en castelán, se reproduce a continuación en galego:

Inimiga das frases de relumbrón, hoxe tan en boga, e das vulgares e esaxeradas loanzas que só serven para pór en ridículo á persoa que se intenta enaltecer, admiro a súa carta-prólogo tan razoada no fondo, non soamente a súa forma correcta e elegante, senón a delicadeza (que tanto as avalora) de facer resaltar o escaso mérito que as miñas poesías encerran.

Palabras que zumegan, insiste Feijoó Valencia, unha síndrome da impostora. A non crerse a valía dos seus escritos e a quitarlle importancia ao mérito de escribir e de facelo en galego… sendo muller do século XIX. Non obstante, a carta é demasiado curta e non serviría para unha análise máis extensa. Amais disto, hai moi pouca información dispoñible sobre Dolores del Río e, de feito, non hai ningunha publicación científica sobre a súa figura. A única referencia é a entrada da xestora cultural Arancha Estévez Lavandeira no Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega (CCG); un artigo publicado en 2014 e onde deixa patente a caída no esquecemento de Dolores del Río: non se saben as datas de nacemento nin de morte.

Carta manuscrita de Dolores del Río atopada por Ana Belén Feijoó Valencia.

Profundamente conservadora e católica

Foi a terceira das catro fillas dun tenente coronel de Infantaría. Amais da súa escrita, onde non só destacou en poesía senón tamén en dramaturxia, foi mestra. Segundo recolle a peza do CCG, exerceu como profesora particular e tense constancia de que deu clases nas Escolas Nocturnas para Obreiros da Coruña. Pero pouco máis se sabe da súa vida persoal e profesional. O único que transcende é o seu irrefreable éxito en múltiples certames literarios: dende Granada ata Valencia. “Foi moi popular e respectada na súa época”, subliña a investigadora da UCM.

En relación aos dereitos da muller, Estévez Lavandeira pon énfase no contexto da época e na propia ideoloxía da autora. Naquel momento, o modelo de feminidade que predominaba era a de concibirse como un “anxo do fogar”. E Del Río era moi católica e conservadora. De feito, tal e como indica o artigo do CCG, manifestou o seu apoio a Franco nos primeiros anos da Guerra Civil, igual que fixeron outras escritoras galegas conservadoras como Francisca Herrera Garrido, que foi condecorada nas Letras Galegas de 1987 e primeira muller en ingresar como membro de número na Real Academia Galega.

As mulleres teñen dereito á educación

“É o seu un feminismo diferente do feminismo progresista, cun discurso construído desde o compromiso ideolóxico coas ensinanzas da Igrexa Católica pero cunha notable dedicación á mellora da condición feminina”, escribe Estévez Lavandeira. Non deixou grandes escritos sobre o tema, pero si publicou dúas columnas en castelán: Un paso más en el feminismo (1922) e Más sobre el feminismo (1923). De aí extráese, di o texto do CCG, a súa fervorosa defensa do dereito á educación das mulleres, así como da posibilidade de exercer unha profesión. Mostra, por tanto, a valía intelectual feminina e a reclamación do seu recoñecemento.

Estes poden ser, tamén, os motivos do esquecemento histórico de Dolores del Río. “Só polo feito de ser muller xa está silenciada”, remarca Feijoó Valencia. Pero a isto tamén se ten que sumar o tipo de temáticas que abordaba na súa produción literaria, moitas veces relixiosas e costumistas: “A pesar de que foi moi popular no seu momento, a súa literatura non foi demasiado vangardista”. Non obstante, a historiadora da UCM reclama unha revisión da súa figura e o rescate de Dolores del Río dese abismo no que caen as mulleres cando pasa por enriba delas a historia. Pon énfase no interesante da súa figura: “Como apenas temos datos é difícil valorala. Pode que fose máis avanzada do que pensamos”.

Destacada dramaturga e columnista

Do que non cabe dúbida é da súa pegada na literatura galega de finais do XIX ata comezos do XX. Máis alá das súas poesías, pódese falar de Dolores del Río como unha das dramaturgas do primeiro terzo do século pasado, igual que Carmen Prieto Rouco e Herminia Fariña Cobián. Conta Estévez Lavandeira no seu artigo do Álbum de Galicia, que a falta de textos teatrais en galego foi o que motivou á autora coruñesa a poñerse a traballar. Así, nace a primeira obra dela da que se ten constancia, Lonxe da aldea, que se estreou en 1914 na Coruña. Tamén, Costumes novas e Parla e Parrafeo, que se representaron no Instituto Eusebio da Guarda da cidade herculina.

Colaborou en numerosas revistas e xornais da época como El Eco Franciscano, La Ilustración Gallega e El Compostelano, entre outros. Normalmente, sempre escollía publicacións de tendencia católica, dado que ela mesma foi terciaria fransciscana e adicouse á divulgación fervente das teses relixiosas desta orde. Mais tamén colaborou con revistas de fóra de Galicia, como foi o caso de La Alhambra, en Granada, pero tamén doutros xornais de Córdoba e Palencia.

Primeira páxina de Ráfagas. Foto: Cedida por Ana Belén Feijoó Valencia

Non cabe dúbida da prolífica pluma de Dolores del Río. Da súa popularidade a comezos do século XX e da súa letra impresa en diversas publicacións repartidas por toda a xeografía española. Tamén, dos certames que gañou en tan diversos puntos do Estado e do recoñecemento en vida á súa obra, malia que ela considerase que non era tan merecedora de loanzas. A súa figura de luces e sombras non deixa de ser a dunha muller que abriu camiño e que defendeu a educación feminina e o acceso das mesmas ao mercado de traballo. E non deixa de ser unha muller que agarrou a pluma na man e que se atreveu a escribir en galego, facéndose eco das aprendizaxes indelebles de Rosalía.

e non chores, meu Rey, miña vida,
non fagas pucheiros,
non, que ráchasme c’o eles a-y-alma….
¡Non chores, meu Neno!

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

1 comentario

  1. Estupenda información. Anoto que hai un erro ao asignar a autoría da entrada no álbum das mulleres, erro que cometeu o propio CCG e que está pendente de subsanar. Non se trata de Arancha Estévez, senón de Ana Estévez Lavandeira, historiadora, museóloga e tamén xestora cultural.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Mesa redonda: como derrubar os estereotipos da muller científica

A segunda sesión do ciclo contará coa participación das investigadoras galegas Laura Castro, Gloria González e Beatriz Fernández

As mulleres realmente precisan durmir máis que os homes? Unha psicóloga do sono explícao

Estudos científicos apuntan a que factores hormonais, cognitivos e sociais fan que as mulleres teñan maiores necesidades de descanso

Un catedrático da USC saca á luz un escrito inédito de Quevedo

O texto do autor do Século de Ouro datado en 1633 confirma o enfrontamento do escritor co conde-duque de Olivares

Tres grandes factores de risco de infarto en mulleres novas (segundo científicos galegos)

Os antecedentes familiares, os niveis altos de colesterol e a depresión están relacionados cunha maior probabilidade de doenzas cardíacas