Unha resposta a Jose Villaamil sobre a idoneidade de levar chapeu ou mantilla a unha obra de teatro bota algo máis de luz sobre a vida da escritora galega máis universal, Rosalía de Castro. O número 4 da revista Follas Novas, que impulsa a Fundación Rosalía, e que será presentado este venres ás 20 horas no Pazo de Lestrobe (Dodro), inclúe unha alfaia en forma de carta: unha misiva inédita da autora.
A carta vai dirixida a José Villaamil y Castro (1838-1910), amigo e colaborador de Murguía, e foi descuberta por Pablo Carou Barros, quen dedica un artigo na revista ao estudo deste monfortino. O documento, que foi tamén estudado por Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía e estudoso da súa obra, carece de lugar e data, pero pode situarse entre 1865 e 1866 en Compostela.
Mañá venres presentamos o nº 4 da revista de estudos rosalianos Follas Novas no Pazo de Lestrobe, que dá a coñecer unha carta inédita de Rosalía de Castro, canda un estudo pormenorizado de Anxo Angueira, entre outros artigos.
+info: https://t.co/KsC8Nsvo5m pic.twitter.com/mcTMd8wwD0— Casa de Rosalía (@CasadeRosalia) February 20, 2020
Rosalía contesta sobre o tema do uso dos complementos no teatro e emite un xesto de cordialidade que abre as relacións Murguía-Villaamil ao conxunto dos dous casais. Por outro lado, di Rosalía que “no voy nunca al teatro”, o que fai que no artigo se estude o teatro en Compostela nestes anos e se volva a revisar a relación de Rosalía co teatro e co Liceo de La Juventud.
A carta agora publicada engádese ás 16 coñecidas e enriquece un epistolario que “debeu ser sen dúbida moi rico e extenso”, segundo salienta a Fundación. Anxo Angueira explica que “o repertorio de cartas que conservamos é moi escaso, así que calquera cousa nova é importante. A aparición deste escrito demostra que hai un caudal de correspondencia aínda por descubrir, aínda que moita dela é seguramente xa irrecuperable”.
O estudo de Anxo Angueira demostra “ata certo punto a autonomía de Rosalía [a respecto de Murguía] e que con toda seguridade mantiña relacións autónomas. Aínda que a relación é entre Murguía e Villaamil, Rosalía ten un xesto de amabilidade e de querer abrir esa relación ao conxunto desas dúas parellas”.
O texto da carta
Castro (Rosalía)
Murguia no está en casa y me tomo la libertad de contestar á la atenta de V, diciéndole que aun que no voy nunca al teatro tengo entendido que en esta poblacion se estila mas ir a cuerpo que con sombrero o mantilla, ya sea a palco o luneta aun cuando en una forastera todo esta admitido.
Tan pronto venga Murguia que no debe tardar, le hare presente la atención de V. y el le dará en persona las gracias y la respuesta.
Tengo la satisfaccion de ofrecerme con esto su servidora y de demostrarle mi sentimiento, por no haber podido visitar á su apreciable Señora a quien se servira hacer presente mis respetos, contando V a si mismo con una servidora y amiga.
QB S M
Rosalia Castro de Murguia
No texto sorprende asemade a afirmación de non ir nunca ao teatro nunha persoa que foi actriz amadora tanto de moza coma de casada. “Se cadra o que se ofrecía no Teatro Principal daquel tempo non era do seu interese”, aventura Angueira, que tamén indica que a misiva demostra que “en 1860 continúa coas súas relacións co Liceo de la Juventud”.
A cuestión do chapeu e da mantilla non é tampouco baladí. Subliña Angueira que non é unha cuestión só de moda, senón política: “A mantilla está ligada ao tradicionalismo e o sombreiro á apertura e ao afrancesamento. Ela mesma sempre foi a pelo, nunha acción ideolóxica moi clara”.
O número 4 da revista de estudos rosalianos Follas Novas tamén ofrece en varias das súas seccións unha homenaxe a Carvalho Calero, un dos grandes estudosos da vida e da obra rosalianas, entre outros artigos asinados por Teresa López, Xurxo Martínez ou Victorino Pérez Prieto, entre outros.
A presentación do número 4, patrocinado polo Concello de Dodro, contará coa presenza do alcalde do concello, Xabier Castro, ademais do propio Anxo Angueira e Xosé Luís Axeitos, director da revista.














