John A. García, impulsor da saga de videoxogos Delta Force.

John A. García, o galego que creou o videoxogo Delta Force

Emigrante nos Estados Unidos, fundou a compañía Novalogic, que lanzou grandes xogos de guerra en primeira persoa e simuladores de combate

Fortnite ten unha débeda cun galego. Porque os videoxogos de guerra en primeira persoa tiveron un pioneiro en John A. García, emigrante nos Estados Unidos que comezou sendo vicepresidente na potente compañía Datasoft e fundou en 1985 en California a empresa NovaLogics, que lanzou xogos míticos como ‘Comanche’, ‘Delta Force’ ou exitosos simuladores dos cazas F-16 ou o ruso Mig-29.

250 millóns de persoas xogan hoxe no mundo a Fortnite, o fenómeno de Epic Games. Pero a idea dun mundo aberto, nun xogo de guerra en primeira persoa, ten as súas orixes nos anos 90 do século pasado, cando saíron ao mercado títulos emblemáticos de gran calidade como Doom (1993), Medal of Honor (1999), Counter Strike (1999) ou o posterior Call of Duty do 2003.

John A. García, nacido en 1949, que emigrou aos Estados Unidos dende Galicia sendo neno, e que ten por irmán ao prestixioso oncólogo estadounidense Francisco García Moreno, chegou ao mundo dos videoxogos a comezos dos anos 80, despois de probar sorte no eido cinematográfico, cando tentou fundar unha industria do cinema nos Emiratos Árabes Unidos tras estudar na London Film School.

Delta Force Black Hawk Down está inspirado no incidente de Somalia en 1993.

Afeccionado á programación, decatouse de que o futuro estaba nas computadoras persoais e trasladouse a California, onde ingresou na compañía Datasoft, na que chegou a ser vicepresidente. Pero se desatou o Crack dos Videoxogos de 1983, que provocou unha hecatombe nesta industria, desaparecendo centos de compañías e dando quebra con elas moitas empresas de ordenadores persoais e compoñentes. E o galego John A. García tiña ideas nas que se cimentaría a recuperación do sector a partir de 1985.

Ese ano García fundou Novalogic, da que foi presidente ata a súa venda no 2016 a THQ Nordic, compañía que adquiriu o seu amplo catálogo de videoxogos. Entre os que lanzaron están títulos xa míticos na industria relacionados co xogo bélico como a saga Comanche e as sucesivas entregas de Delta Force. Tamén, o simulador de tanques Armored Fist II, que permitía gobernar un M1A2 Abrams. E simuladores de voo para cazas como o F22 Raptor ou o soviético MIG-29.

En 1999, o galego García abriu outra vía de negocio inédita ao contactar coa industria bélica a través de Lockheed Martin , abrindo así unha nova perspectiva para os xogos bélicos en primeira persoa.

Captura de pantalla do xogo Delta Force 1.

Tras ser o responsable do lanzamento de máis de 40 títulos de software, John A. García retirouse desta industria definitivamente no ano 2016, tras a venda da súa compañía Novalogic. Actualmente, reside en California, nunha exclusiva urbanización en Malibú, e dedica a suá vida a causas benéficas, como colaborador de Médicos Sen Fronteiras, organización para a que organiza galas para recadar fondos nas que participan famosos.

Pero a historia do galego John A. García está unida á dos videoxogos. O propio Fortnite ten unha débeda coas súas revolucionarias ideas para crear xogos de guerra…

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.