Venres 19 Abril 2024

Rosalía de Castro xa ten estrela a 240 anos luz da súa terra

A Unión Astronómica Internacional anuncia que a HD 149143 e o seu exoplaneta HD 149143 b levarán o nome da escritora galega e do río Sar

Se non o era xa, agora xa o é; Rosalía de Castro converteuse este martes 17 de decembro en universal ao anunciar a Unión Astronómica Internacional (IAU) que a estrela HD 149143 e o seu exoplaneta HD 149143 b levarán a partir de agora o nome da escritora galega e do río Sar a carón do cal viviu e escribiu as súas obras. A campaña, impulsada pola Fundación Rosalía e a Agrupación Astronómica Ío, e apoiada por multitude de persoas e institucións en Galicia, chegou a bo porto e conseguiu ser a máis votada a nivel estatal, polo que gañou o dereito a figurar a partir de agora no mapa do Universo.

A noticia anunciouse nunha rolda de prensa convocada en París pola IAU, na que se deu conta dos resultados da iniciativa Name ExoWorlds, lanzada pola organización científica co gallo do seu centenario, e que involucrou a máis de 110 países. Nos Museos Científicos da Coruña, onde Ío organizou unha xuntanza para seguir o anuncio, a alegría foi notoria ao saber a nova. Na votación española tamén participaban outros dous nomes con especial vinculación con Galicia, Breogán e Ith, propostos polos investigadores da Universidad Autónoma de Madrid Asier Castrillo e Isabel Rebollido (orixinaria de Boiro).

Publicidade

Un exoplaneta xa leva o nome do río Sar e a súa estrela foi bautizada como Rosalía.

Rosalía e Sar arrasaron nas votacións en España, cun total de 13.413 votos, máis do 39% do total. Por detrás quedou a opción de Tirant e Carmesina, con 5.600 votos; e os nomes de Diego e Isabel, os amantes de Teruel, con 4.500 apoios. Súmanse así no panorama universal das letras aos de Cervantes, Quijote, Rocinante, Sancho e Dulcinea, que dan nome desde 2015 á estrela Mu Arae e os seus catro planetas.

Rosalía de Castro e río Sar

Entre as razóns que levaron a Ío e a Fundación a presentar a candidatura, a agrupación astronómica coruñesa expón que “o seu discurso, contrario a toda forma de inxustiza, é inequivocamente feminista e audazmente ecoloxista no seu defensa e amor pola natureza, moi presente na súa obra, igual que tamén está moi presente a noite e os obxectos celestes”.

Sobre a razón de propoñer o Sar como exoplaneta, a idea baséase no feito de ser un dos “nomes de lugar moi vivos na súa vida e obra, como o Sar ou lugares como Laíño, Lestrove, Bastabales ou o bosque de Conxo, tan querido pola autora”. Explicaban tamén que se exclúen desa lista de topónimos “cidades máis grandes, evidentemente asociadas a Rosalía, como Santiago de Compostela ou A Coruña, para apostar por topónimos menos escoitados e cuxa sonoridade é singularmente fermosa”.

Tal e como explica Ío na súa proposta, Rosalía é, sen discusión, a figura máis importante da cultura galega, pero tamén una das escritoras máis destacadas das letras españolas. Os seus libros de poemas Cantares gallegos e Follas novas son o máis elevado fito das letras galegas, pero non é menos importante a súa obra en castelán, de En las orillas del Sar ao seu moi valiosa obra narrativa.

Así podes ver no ceo a estrela de Rosalía

“A obra de Rosalía é revolucionaria en forma pero tamén no fondo; o seu discurso, contrario a toda forma de inxustiza, é inequivocamente feminista e audazmente ecoloxista no seu defensa e amor pola natureza, moi presente na súa obra, igual que tamén está moi presente a noite e os obxectos celestes”, argumenta Ío.

Respecto ao planeta HD 149143 b está o río Sar, “como acompañamento á estrela Rosalía propoñemos nomes de lugar moi vivos na súa vida e obra, como o río Sar ou lugares como Laíño, Lestrove, Bastabales ou o bosque de Conxo, tan querido pola autora”. Explican tamén que se exclúen desa lista de topónimos “cidades máis grandes, evidentemente asociadas a Rosalía, como Santiago de Compostela ou A Coruña, para apostar por topónimos menos escoitados e cuxa sonoridade é singularmente fermosa”.

Rosalía de Castro é unha estrela amarela anana, semellante ao Sol, aínda que un pouco máis masiva (1,21 veces a da nosa estrela) e un radio algo maior (1,49 veces). O xa exoplaneta Sar foi descuberto en 2015, e é un xigante gasoso cunha masa 1,33 veces a de Xúpiter. Está moi preto da súa estrela e completa unha órbita arredor dela en só catro días, polo que a súa temperatura superficial é moi elevada.

O cráter de Rosalía de Castro

A estrela Rosalía é, deste xeito, o segundo lugar fóra da Terra que leva o nome da autora galega. Desde 1994 xa tiña un cráter no planeta Venusa raíz da proposta realizada á IAU por Henrique Pujales, director do obradoiro de astronomía que se realizaba no Instituto Fernán Esquío de Neda.

1 comentario

  1. A Lingua Galega non é a miña lingua nativa, pero si é unha das que sempre me namoraron.

    Nado e criado en Valencia, desde neno aprendín á vez o Castelán e o Valenciano, e cando fixen o bacharelato aprendín o Francés e o Inglés, para ao longo da miña vida interesarme por outras linguas, ente elas a Galega da que hei declamado poemas de autores galegos e mesmo me permitín escribir algunhas cousas, dentro dos meus límites.

    É unha lingua doce e expresiva que sempre me gustou e Rosalía foi expoñente da súa calidade, dándome a posibilidade de recitar en voz alta no meu grupo de poetas os seus íntimos e sentidos poemas.

    Parabén a Galicia e aos seus poetas, e en especial a Rosalía que agora pódenos mirar realmente desde o Ceo.
    COMO CHO DIGO AMOR?

    Teño engurras no alma,
    e dobras no corazón,
    teño ansiedade nos ollos,
    todo froito do meu Amor,
    tremo querendo saber
    a causa que me produce,
    dúbidas sobre a miña razón.

    Talvez sexa por amarche,
    e non sabelo expresar,
    cando acabada a noite
    pódome ao fin espertar,
    observándoche ao meu lado,
    coa túa cabeleira solta,
    ampla, grácil e revolta.

    Estremézome ao pensalo,
    como véndoche tendida
    tremo como folla ao vento,
    vibro observando o teu corpo,
    baixo a saba esculpido,
    polo cicel do Deus Sol,
    pola fiestra irrompido.

    Aromas de Primavera
    emanando do teu corpo,
    meu ser i sangue me alteran,
    envolvéndome na bruma,
    dos meus sentidos tapados,
    desexando ter a forza,
    para poderche abrazar.

    Sería a miña ilusión
    mostrarche os meus sentimentos,
    que de forma transparente
    fixésenche comprender
    que non son carne e desexo,
    senón algo que é máis grande,
    algo que non sé expresarche.

    ¡Ai¡ Si soubese mostrarche
    o que esconde a miña mente,
    agora escóitame con calma,
    teño engurras no alma,
    e dobras no corazón,
    teño ansiedade nos ollos,
    todo froito do meu Amor,

    © Víctor Iñúrria (29-03-2018)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204