Venres 29 Marzo 2024

O mexillón aprende a defenderse dos patóxenos pese a non ter anticorpos

Un estudo do Instituto de Investigacións Mariñas demostra que o bivalvo responde mellor tras dous encontros cunha mesma bacteria

Un estudo do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) de Vigo, do CSIC, constata que a especie de mexillón máis habitual en Galicia (Mytilus galloprovincialis) é capaz de mellorar a súa resposta inmunolóxica ante a bacteria Vibrio splendidus cando se encontra con ela por segunda vez, aínda que carece de resposta inmunolóxica específica e carece de anticorpos. O traballo foi publicado na revista Frontiers in Immunology, por membros do grupo de Inmunoloxía e Xenómica do IIM e nel participan tamén científicos da universidade italiana de Trieste.

Un dos autores do traballo, o profesor de investigación do IIM Antonio Figueras, explica: “Sábese que, como todos os invertebrados, carece de memoria inmune, é dicir, non pode producir anticorpos, pero si pode responder a patóxenos, feridas e tensión ambiental dunha maneira moi eficiente”. E ata este estudo, descoñecíase a capacidade de mudar a súa resposta diante do mesmo patóxeno, imitando en certa medida a memoria inmunolóxica dos vertebrados”, explica Figueras.

O mexillón salvaxe é un dos mellores bioindicadores. Foto: IEO.
O mexillón salvaxe é un dos mellores bioindicadores. Foto: IEO.

Tal e como explican desde o IIM, o sistema inmune dos seres vivos emprega para defenderse das enfermidades, dunha forma sinxela, unha resposta específica centrada nos anticorpos, nos que se basea a acción das vacinas; e unha resposta inespecífica, que ata o de agora se pensaba que non tiña memoria e que que actúa como un gardián xeral do organismo. Neste contexto, o mexillón, aínda que carece de resposta inmunolóxica específica (non ten anticorpos e por tanto non se lle pode vacinar), puido verse que é quen responder mellor empregando a súa resposta inmune innata tras dous encontros consecutivos co mesmo patóxeno.

Publicidade

Para indagar neste feito, o equipo desenvolveu nos laboratorios de Vigo un estudo, e os resultados demostraron que a especie incrementa a súa resposta despois da primeira infección. “Nos mexillóns, algúns xenes relacionados coas funcións inmunes clave identificáronse recentemente, entre os que se inclúen diferentes moléculas involucradas en recoñecemento específico de patóxenos, e comparados con outros bivalvos os mexillóns son particularmente ricos en péptidos antimicrobianos”, di Beatriz Novoa, outra das científicas do IIM autoras do estudo.

Neste contexto, analizouse a resposta transcriptómica do mexillón antes e despois de dúas infeccións con Vibrio splendidus, bacteria patóxena para os animais do medio mariño. O obxectivo último era caracterizar a resposta transcriptómica e funcional do mexillón, especificamente das súas células sanguíneas, os hemocitos, despois dunha inxección coa bacteria, para causar mortalidade na especie e analizar se se pode obter unha resposta diferente despois dunha segunda interacción co mesmo patóxeno.

Os científicos observaron que os mexillóns poden controlar a magnitude da súa resposta inmune

Observouse que os mexillóns poden controlar a magnitude da súa resposta inmune, o cal lles permite lidar coa exposición continua a potenciais patóxenos. Revélase así a existencia dunha segunda resposta inmune non específica, algo que sería de esperar en organismos con anticorpos pero non nos que non os teñen, como os mexillóns, orientada tanto a responder con maior intensidade na segunda infección como a controlar a resposta inmune conseguindo inducir procesos antiinflamatorios para minimizar o dano.

Como resultado da primeira exposición a esta bacteria modificáronse os xenes relacionados coa resposta inflamatoria, a activación de hemocitos e as respostas á bacteria. Con todo, no segundo contacto, os resultados demostraron cambios na estrutura e función das células encargadas da defensa, controlando a expresión de xenes pro- inflamatorios.

Estes achados revelan por primeira vez que “os mecanismos inmunes inespecíficos do mexillón ven alterados tras dous contactos co mesmo patóxeno. Despois do segundo, a resposta é máis controlada, para non danar os propios tecidos e para loitar contra o patóxeno de forma máis eficiente, minimizándose así o dano que supón para o propio mexillón un estatus de defensa e resposta mantida no tempo”, conclúe Figueras.

“Segundo os científicos, o principal resultado desta aproximación experimental é a contribución para revelar a especificidade da resposta inmune do mexillón que se consideraba non específica e a identificar xenes asociados con este proceso. Neste sentido, podería axudar a comprender o fenómeno de priming, tolerización e adestramento da inmunidade non especifica algo no que se está traballando en humanos co fin potenciar a resistencia a enfermidades non só mediante as vacinas senón mediante o adestramento do noso sistema inmune inespecífico”, conclúen os investigadores.

O Mytilus galloprovincialis atópase amplamente distribuído ao redor de todo o mundo e ten un alto impacto ecolóxico e económico. Debido a que vive fixo ás rocas e á súa alimentación por filtración -un individuo de cinco centímetros pode filtrar ata 7,5 litros por hora– está en constante contacto con millóns de microorganismos, algúns deles patóxenos e moitos causantes de enfermidades que poden ocasionar mortalidades masivas con perdas económicas millonarias.

O estudo desenvolveuse no marco de proxectos de investigación competitivos financiados polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades; a Xunta de Galicia e a Unión Europea.


Referencia: Immune Tolerance in Mytilus galloprovincialis Hemocytes After Repeated Contact With Vibrio splendidus (Publicado en Frontiers in Immunology).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo do CSIC logra controlar unha doenza causante da extinción dos anfibios

Os investigadores aplicaron un funxicida agrario sen observar trazas do produto nin efectos significativos na química e bioloxía da auga

Zendal lanza a primeira vacina de tecnoloxía ADN contra a leishmaniose canina

‘Neoleish’ reduce a presenza do parasito en máis dun 90% e mellora os signos clínicos da doenza

Un composto natural reduce o impacto da seca e mellora a produtividade do tomate

Un equipo do CSIC e da UPV descobre como actúa o butanoato de hexenilo, un aroma que emiten estas plantas para resistir ás bacterias

Como usar datos históricos para a conservación de especies: así é a nova metoloxía con pegada galega

A UVigo e o CSIC proban un método en escaravellos coprófagos ibéricos que permite comprender a súa resposta a cambios ambientais