A estrela de Rosalía (HD 149143) nunha imaxe de telescopio.
A estrela de Rosalía (HD 149143) nunha imaxe de telescopio.

Así podes ver no ceo a estrela de Rosalía

O astro que leva a partir de hoxe o nome da escritora galega está na constelación de Ofiuco e pode albiscarse cuns prismáticos

Se miramos cara a constelación de Ofiuco, o encantador de serpes, e atopamos a estrela que a partir de hoxe é xa a estrela de Rosalía, veremos unha luz que se emitiu, en realidade, a comezos de 1780, pois este sistema planetario está a case 240 anos luz da Terra. E durante boa parte do ano, se os ceos están despexados e nos afastamos da contaminación luminosa, poderemos observar, coa axuda dun telescopio, e mesmo con só uns prismáticos, a HD 149143.

A estrela de Rosalía forma parte do catálogo Henry Draper de estrelas, unha colección de datos estelares compilado a principios do s. XX pola astrónoma Annie Jump Cannon e os seus colaboradores do Observatorio de Harvard, nos Estados Unidos. Pola súa parte, o planeta que o acompañará nese recuncho do universo, Río Sar, foi descuberto en 2005 desde o Observatorio da Alta Provenza (Francia) coa técnica de espectroscopia Doppler. Ten un tamaño algo maior ca Xúpiter e xira moi preto do seu ‘sol’, facendo unha órbita completa arredor del cada catro días.

Como ver a estrela de Rosalía

Nestes días, cómpre madrugar para ver á estrela de Rosalía, xa que está por debaixo do horizonte durante a maior parte das horas de noite, e ‘sae’ durante o día, pero o brillo do Sol impídenos vela.

Así, nestas alturas do ano, hai que mirar cara ao leste para albiscar o lugar onde está a HD 149143. Como se fose unha sorte de profecía, os versos de Cantares Gallegos falan, dalgún xeito, da estrela da mañanciña que, estes días, será a estrela de Rosalía.

 Meniña, ti á mais hermosa
 Qu’ á luz do sol alumbrara,
 Ti á estrela da mañanciña
 Qu’ en puras tintas se baña.

Porque para observar a HD 149143 estes días, haberá que mirar ao leste, na mañanciña, entre pasadas as seis da mañá e a saída do Sol, aproximadamente.

Situación aproximada da estrela de Rosalía na mañá do 18 de decembro, sobre as 7 da mañá. Fonte: Stellarium.
Situación aproximada da estrela de Rosalía na mañá do 18 de decembro, sobre as 7 da mañá. Fonte: Stellarium.

A medida que nos adentramos no inverno e nos achegamos ao verán, a situación da estrela de Rosalía no ceo irase movendo cara ao oeste, e debido ao movemento do sistema solar, e da Terra dentro del, cada vez será visible máis horas durante a noite, mentres que se ocultará durante o día.

O mellor xeito de observar este astro é, por tanto, coa axuda dun telescopio ou, en boas condicións atmosféricas, cuns prismáticos. Cómpre recordar que a magnitude aparente da HD 149143 é de 7,89, algo menor (a escala é logarítmica e inversa) que as estrelas visibles nunha contorna urbana (magnitude aparente ~3) e as estrelas febles visibles ao ollo humano en zonas con pouca contaminación luminosa (magnitude ~6).

Rosalía de Castro xa ten estrela a 240 anos luz da súa terra

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.