A Casa das Ciencias da Coruña acolleu este luns a presentación dunha campaña impulsada pola Agrupación Astronómica Ío e a Fundación Rosalía de Castro para darlle o nome da escritora galega á estrela HD 149143, e ao tempo nomear ao seu exoplaneta HD149143b como Río Sar, no marco da votación que mantén aberta a Unión Astronómica Internacional. Ademais doutros nomes, na votación tamén é posible elixir a Breogán e Ith como nomes para a estrela e o seu planeta, respectivamente.

Na rolda de prensa presentaron a iniciativa o seu coordinador, Martin Pawley, membro da xunta directiva da Agrupación Ío, e o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira. Ambos explicaron que a campaña difundirase a través das redes sociais co cancelo #EstrelaRosalía, animando a votar ata o día 12 de novembro na web http://nombraexoplanetas.es/. En decembro, a Unión Astronómica Internacional anunciará o resultado das votacións.
Tal e como explicaron Angueira e Pawley, a proposta apóiase na relevancia de Rosalía de Castro (1837-1885) como “a figura máis grande das letras galegas“, e “unha das máis importantes escritoras en lingua castelá”, sendo unha autora “crítica con toda clase de inxustizas, grande defensora da natureza e indiscutibelmente feminista”. Do mesmo xeito, desde a Agrupación Ío salientan a presenza do ceo e os astros na escrita de Rosalía: “A noite, símbolo a miúdo de soidade e desgraza, é tamén refuxio e compañía para a autora, e a Lúa e as estrelas serán interlocutores habituais do seus sentimentos máis íntimos”, explica a entidade.
Vota aquí para que Rosalía de Castro ou Breogán teñan unha estrela co seu nome
A votación
A idea partiu da campaña mundial da Unión Astronómica Internacional para celebrar o seu centenario: NameExoWorlds, que permite que cada país do mundo lle poña nome a unha estrela cun exoplaneta asociado. HD 149143 é a estrela asignada a España. É unha anana amarela parecida ao noso Sol situada a 240 anos luz de nós, na constelación de Ofiúco, o Serpentario. A súa magnitude relativa é 7,89, o cal a converte nun obxecto visíbel con prismáticos en ceos escuros. O exoplaneta HD 149143 b foi descuberto en 2005. É un xigante gasoso un pouco maior que Xúpiter que orbita a oito millóns de quilómetros da súa estrela: tarda só 4,1 días en dar unha volta completa arredor dela.
Alén de Rosalía, río Sar, Breogán e Ith, en España pode votarse tamén por Cuelebre e Xana, personaxes da mitoloxía asturiana; Culebra e Malpolon, xéneros de culebras; Elcano e Vitoria, referencias á primeira volta en barco á Terra; Xirasol e Pétalo, flores; Iberia e Millares, península ibérica e unha das súas antigas civilizacións; Isabel e Diego, os amantes de Teruel; Tajo e Jarama, ríos; Tirant e Carmesina, personaxes de Tirant lo Blanc; e Zamenis e Phion, personaxes da mitoloxía grega relacionados coas serpes (como a constelación Ofiuco onde está a estrela).