Rosalía e río Sar e Breogán e Ith son dúas das parellas candidatas a dar nome ao sistema formado pola estrela HD 149143 e o seu exoplaneta.
Rosalía e río Sar e Breogán e Ith son dúas das parellas candidatas a dar nome ao sistema formado pola estrela HD 149143 e o seu exoplaneta.

Vota aquí para que Rosalía de Castro ou Breogán teñan unha estrela co seu nome

A Unión Astronómica Internacional organiza unha votación na que se pode votar tamén por darlle o nome dun planeta ao río Sar e a Ith

Rosalía de Castro xa ten un cráter no planeta Venus. E agora opta, xunto a Breogán, a darlle nome a unha estrela situada na constelación de Ofiuco, a 240 millóns de anos luz de nós. A Unión Astronómica Internacional abriu este venres unha votación pública para nomear a máis dun cento de parellas de exoplanetas e as súas estrelas correspondentes. A cada país corresponderalle unha parella: España ten que elixir os nomes para a estrela amarela HD 149143 e o seu xigante gasoso HD 149143 b. E xa está habilitada a votación a través da web www.nombraexoplanetas.es.

E entre os candidatos, hai dúas parellas moi vinculadas a Galicia. As opcións para as estrelas e o seu planeta son as de Rosalía de Castro e Río Sar, e a de Breogán e Ith. No primeiro caso, a proposta foi da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío e outras entidades, que desenvolveron nestas semanas unha campaña para conseguilo; e no segundo, a idea foi dos investigadores da Universidad Autónoma de Madrid Asier Castrillo e Isabel Rebollido (orixinaria de Boiro). A votación remata este martes 12 de novembro, e en decembro coñeceranse os resultados.

VOTA AQUÍ por Rosalía, Río Sar, Breogán ou ITH

Rosalía de Castro e Río Sar

Tal e como explica Ío na súa proposta, Rosalía é, sen discusión, a figura máis importante da cultura galega, pero tamén una das escritoras máis destacadas das letras españolas. Os seus libros de poemas Cantares galegos e Follas novas son o máis elevado fito das letras galegas, pero non é menos importante a súa obra en castelán, de En las orillas del Sar ao seu moi valiosa obra narrativa.

“A obra de Rosalía é revolucionaria en forma pero tamén no fondo; o seu discurso, contrario a toda forma de inxustiza, é inequivocamente feminista e audazmente ecoloxista no seu defensa e amor pola natureza, moi presente na súa obra, igual que tamén está moi presente a noite e os obxectos celestes”, argumenta Ío.

Respecto ao planeta HD 149143 b está o río Sar, “como acompañamento á estrela Rosalía propoñemos nomes de lugar moi vivos na súa vida e obra, como o río Sar ou lugares como Laíño, Lestrove, Bastabales ou o bosque de Conxo, tan querido pola autora”. Explican tamén que se exclúen desa lista de topónimos “cidades máis grandes, evidentemente asociadas a Rosalía, como Santiago de Compostela ou A Coruña, para apostar por topónimos menos escoitados e cuxa sonoridade é singularmente fermosa”.

Breogán e Ith

Desde o Observatorio da Universidad Autónoma de Madrid, a galega Isabel Rebollido e o seu compañeiro Asier Castrillo propoñen a estrela Breogán e o planeta Ith. Explican que, segundo a mitoloxía celtra, “Breogán unificou ás tribos do noroeste da península Ibérica. Tras conquistar todo o territorio, fundou a cidade de Brigantia (A Coruña) e construíu unha torre, que denominou Torre de Breogán (agora Torre de Hércules). O seu fillo Ith, ao subir á torre, divisou o brillo esmeralda das terras de Irlanda e partiu para conquistalas”. As lendas irlandesas, recollidas no Leabar Gabhala, recoñecen a Breogán como un célebre rei celta, e ao seu neto Mil, como conquistador das terras irlandesas tras a morte de Ith.

O proxecto

A Sociedade Española de Astronomía (SEA), coa colaboración do Planetario de Pamplona, son os encargados de poñer en marcha este concurso en España. Hai uns meses abriuse o prazo para propoñer os posibles nomes. Recibíronse unha vintena de propostas por parte de astrónomos afeccionados e profesionais e tamén de persoas do público en xeral, das que se seleccionaron doce que cumpren cos requisitos da IAU.

A iniciativa enmárcase nas actividades de celebración do centenario da Unión Astronómica Internacional. Baixo o nome de NameExoWorlds, asignouse a cada país un sistema formado por unha estrela e o planeta que a orbita para que lles dea nome mediante participación cidadá.

A parella proposta para España atópase na constelación de Ofiuco (o encantador de serpes) e confórmana a estrela coñecida como HD 149143, semellante ao noso Sol, xunto á súa exoplaneta HD 149143 b, un xigante gaseoso cunha masa un pouco maior que a de Xúpiter.

Alén de Rosalía, río Sar, Breogán e Ith, en España pode votarse tamén por Cuelebre e Xana, personaxes da mitoloxía asturiana; Culebra e Malpolon, xéneros de culebras; Elcano e Vitoria, referencias á primeira volta en barco á Terra; Xirasol e Pétalo, flores; Iberia e Millares, península ibérica e unha das súas antigas civilizacións; Isabel e Diego, os amantes de Teruel; Tajo e Jarama, ríos; Tirant e Carmesina, personaxes de Tirant lo Blanc; e Zamenis e Phion, personaxes da mitoloxía grega relacionados coas serpes (como a constelación Ofiuco onde está a estrela)

Os resultados da votación daranse a coñecer a mediados de decembro nun comunicado oficial da Unión Astronómica Internacional xunto aos nomes elixidos polo resto de países.”Esta segunda iniciativa, chamada IAU100 NameExoWorlds, pretende seguir os pasos da primeira convocatoria e facer partícipe á sociedade do coñecemento do ceo mediante a oportunidade de bautizar estrelas e exoplanetas con nomes menos técnicos e máis accesibles”, indica Benjamín Montesinos, vicepresidente da SEA.

“Con este proxecto unímonos a máis de cen países en todo o mundo que van tamén a asignar nomes a unha estrela e un planeta. Ao contrario do que ocorreu coa estrela Cervantes, neste caso non hai competición entre países, senón que cada un ten a súa estrela e planeta propios que nomear. A través do proxecto preténdese involucrar ao público xeral no centenario da IAU, facerlles reflexionar sobre a existencia doutros mundos no Universo e ter unha boa escusa para falar de referentes culturais de cada país”, explica Amelia Ortiz, coordinadora Nacional de Divulgación (NOC) da IAU para España e astrónoma do Observatori Astronòmic da Universitat de València.

6 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.