Publicidade

Descubertos 59 exoplanetas, dos que 10 poden ser habitables

Un estudo liderado entre España e Alemaña fai públicas 20.000 observacións dunha mostra de 362 estrelas frías próximas

O proxecto CARMENES acaba de publicar os datos correspondentes a unhas 20.000 observacións tomadas entre 2016 e 2020 dunha mostra de 362 estrelas frías próximas. Na investigación participou o Observatorio de Calar Alto (Almería), onde se buscaron exoplanetas similares á Terra (rochosos e temperados). Estes astros poden albergar auga na súa superficie se están situados na chamada zona habitable da súa estrela. O equipo descubriu 59 destes corpos celestes, incluída unha decena potencialmente habitable. O estudo publicouse na revista Astronomy & Astrophysics.

CARMENES é o nome do proxecto científico, pero tamén do instrumento co que se realizan as observacións e do consorcio que se encargou de deseñalo e construílo. Máis de 200 científicos e enxeñeiros de 11 institucións españolas e alemás dan vida ao proxecto, no que os investigadores do Institut d’Estudis Espacials de Catalunya (IEEC) no Instituto de Ciencias do Espazo (ICE-CSIC) teñen un papel destacado.

Publicidade

Exoplanetas de tipo terrestre

Este instrumento é un espectrógrafo que opera no óptico e o infravermello próximo, é dicir, un aparello que mide tanto a luz visible como a infravermella dos obxectos cara aos que apunta. Instalouse en 2015 no Observatorio de Calar Alto co obxectivo de atopar exoplanetas de tipo terrestre en estrelas frías próximas (as chamadas ananas vermellas). A luz recollida dunha estrela determinada (o espectro estelar) pode delatar a presenza de exoplanetas, xa que permite medir os pequenos movementos da estrela producidos pola atracción gravitatoria dos planetas que a orbitan.

Os espectros de alta resolución que se obteñen con este instrumento serven para determinar a velocidade da estrela cunha precisión dun metro por segundo, o que representa un reto tecnolóxico de primeiro nivel. Isto permite atopar planetas pequenos ao redor de estrelas de baixa masa, din os autores.

Publicidade

Os planetas descubertos co mesmo método que CARMENES, pero con outros instrumentos.

“Desde que entrou en funcionamento, CARMENES analizou 17 planetas coñecidos e descubriu e confirmou 59 novos planetas na veciñanza do noso sistema solar, contribuíndo notablemente a ampliar o censo de exoplanetas próximos”, explica Ignasi Ribas, director do IEEC e primeiro autor do traballo.

Primeira quenda de datos

Este instrumento multiplicou o número de exoplanetas que coñecemos ao redor de estrelas frías próximas, dobrando os detectados co método previamente exposto. Co espectógrafo observáronse preto da metade de todas as estrelas pequenas próximas (unha parte delas só pode observarse desde o hemisferio sur). Ademais, os espectros obtidos tamén proporcionan información moi valiosa sobre as atmosferas das estrelas e dos seus planetas, entre outras características.

A investigación liberou os datos correspondentes á información obtida con luz visible. Os expertos aínda están a mellorar o procesado dos datos obtidos no infravermello, co que, cando se publiquen, os astrónomos terán un segundo gran conxunto de observacións sobre o que traballar.

O espectrógrafo multiplicou o número de exoplanetas que coñecemos ao redor de estrelas frías próximas

O proxecto ten a súa continuidade en CARMENES Legacy-Plus, que se iniciou en 2021 e continúa tomando máis observacións sobre as mesmas estrelas. “Para poder determinar a existencia de planetas ao redor dunha estrela, observámola un mínimo de 50 veces”, explica Juan Carlos Morales, investigador do IEEC. “Aínda que a primeira rolda de datos xa se publicou para que a comunidade científica poida acceder a eles, estas series de observacións aínda non concluíron”, engade. As observacións realizadas nesta extensión do proxecto continuarán polo menos ata finais de 2023.


Referencia: The CARMENES search for exoplanets around M dwarfs. Guaranteed Time Observations Data Release 1 (2016-2020) (Publicado en Astronomy & Astrophysics)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como podes ver esta noite a grande aliñación planetaria dende Galicia

O 28 de febreiro os concellos das Rías Baixas terán ceos despexados, o que facilitará a observación dos corpos celestes formando un arco sobre a Terra

Investigación galega para impulsar o estudo nacional de exoplanetas e estrelas con intelixencia artificial

O CITIC e o CSIC únense para fomentar o avance de técnicas que melloren a detección e análise de corpos celestes fóra da Vía Láctea

As curiosas imaxes do asteroide que podería impactar contra a Terra en 2032

O obxecto, cun ancho de entre 40 e 90 metros, ten unha probabilidade do 2,3% de chocar contra o noso planeta

2024 YR4: o asteroide que podería impactar contra a Terra en 2032

O corpo celeste é semellante ao que impactou en Siberia en 1908, o cal causou unha enerxía explosiva de entre 10 e 20 megatóns de TNT