Investigación galega para impulsar o estudo nacional de exoplanetas e estrelas con intelixencia artificial

O CITIC e o CSIC únense para fomentar o avance de técnicas que melloren a detección e análise de corpos celestes fóra da Vía Láctea

Descubrir novos exoplanetas impulsando a intelixencia artificial. O CITIC da Universidade da Coruña (UDC) e o CSIC, a través do Instituto de Astrofísica de Andalucía (IAA) únense para fomentar a investigación e innovación na astrofísica actual. A través da unidade “Artificial Intelligence for Research on Exoplanets and Stars” (AIRExS) afrontarán o “gran reto tecnolóxico que supón o achado destes corpos celestes e o desenvolvemento de novos métodos para a súa detección e análise”, detallan dende o centro de investigación galego.

AIRExS vén de ser nomeada como unidade asociada de I+D+i do CSIC por un período de tres anos. Trátase dunha colaboración estratéxica que reforza a capacidade investigadora da UDC ao integrarse coa rede de excelencia científica do CSIC. Esta colaboración permitirá compartir recursos, infraestruturas e talento, impulsando proxectos conxuntos en áreas prioritarias de investigación.

Publicidade

Fortalecer a proxección internacional

A científica do CITIC Minia Manteiga liderará esta unidade, na que tamén participarán outros investigadores do centro de Investigación TIC da UDC como José Carlos Dafonte, Manuel González Penedo e Eduardo Mosqueira, así como persoal de apoio investigador. Por parte do IAA a responsable será a astrofísica de orixe galega Cristina Rodríguez López.

De esquerda a dereita: Os investigadores Eduardo Mosqueira, Carlos Dafonte, Manuel Penedo e Minia Manteiga. Foto: CITIC

A colaboración entre o CITIC e o CSIC impulsará o avance de técnicas avanzadas de intelixencia artificial, como o Machine Learning, para mellorar a detección e a análise de exoplanetas. Isto permitirá unha maior precisión ao analizar os sinais débiles das eclipses planetarias e facilitará o reexame de grandes bases de datos de misións como Kepler ou Cheops mediante algoritmos tanto supervisados como non supervisados. A experiencia do CITIC no manexo dos datos da misión Gaia, xunto co coñecemento astrofísico do IAA-CSIC, permitirá mellorar a identificación e caracterización das estrelas que dan orixe aos sistemas planetarios.

Publicidade

Proxección internacional

Este acordo tamén fortalecerá a proxección internacional do CITIC e a UDC, consolidándoos como referentes no uso de intelixencia artificial aplicada á astrofísica. Investigadores novos terán a oportunidade de participar en proxectos internacionais da Axencia Europa Espacial (ESA) e a NASA, traballando en equipos prestixiosos e altamente internacionalizados. Ademais, estudantes e profesionais da UDC terán a posibilidade de obter formación práctica e desenvolver as súas carreiras nunha contorna interdisciplinaria e global.

Así o sinala Minia Manteiga, quen afirma que “a colaboración co CSIC é unha excelente oportunidade para que o noso grupo de investigación participe en proxectos internacionais enfocados na detección de exoplanetas, tanto desde a Terra como desde o espazo. Ademais, contribuirá a que os graduados da UDC en Enxeñería Informática, Ciencia de Datos e Intelixencia Artificial poidan desenvolver proxectos multidisciplinares de investigación en equipos de alto nivel, cun destacado grao de internacionalización”.

IA para caracterizar estrelas

O CITIC da Universidade da Coruña destaca polo seu estudo na investigación astrofísica a través da súa colaboración cos consorcios internacionais das misións Gaia e Euclid da ESA. O equipo liderado polo Laboratorio Interdisciplinar de Aplicacións de Intelixencia Artificial, ten unha posición de liderado na clasificación e censo de estrelas da Vía Láctea utilizando técnicas baseadas na Intelixencia Artificial. A súa participación en Euclid enfócase á análise dos datos infravermellos obtidos polo instrumento NISP-SPEC de Euclid, co obxectivo de diferenciar galaxias doutros obxectos estelares.

A través do desenvolvemento de algoritmos avanzados de intelixencia artificial, contribúese significativamente á caracterización de estrelas frías e obxectos subestelares, como ananas marróns e exoplanetas, ampliando así o coñecemento sobre a Vía Láctea e o universo. O seu labor compleméntase co traballo realizado por outros equipos, consolidando á institución como un referente na investigación espacial e na análise de grandes volumes de datos astronómicos.

1 comentario

  1. Non hai estrelas con IA.
    Penso, e teñen que me disculpar, a redacción do titular deixa moito que desexar.
    Un saúdo con afecto

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Pódcast | O Shazam da música tradicional galega

A investigadora do CITIC Hilda Romero Velo mestura partituras, computación e bioloxía na súa tese para avanzar na investigación etnográfica musical

Como de sostible é o teu concello segundo os obxectivos para 2030? Compróbao neste mapa interactivo

A UVigo desenvolve unha plataforma aberta que avalía o grao de cumprimento dos 17 ODS a partir de 69 indicadores

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

Unha tese identifica unha Escola Galega de Percusión con ritmos e técnicas propias

A investigación de Cristian Silva Bóveda na USC recupera a historia dos intérpretes relegados e descifra os patróns de gravacións do século XX