Descuberto un planeta xigante tan lixeiro como o algodón de azucre

O novo astro é un 50% máis grande que Xúpiter, pero con unha densidade aproximada á décima parte da do xigante gasoso

Un equipo internacional, coliderado polo investigador do Instituto de Astrofísica de Andalucía (IAA-CSIC) Francisco J. Pozuelos, descubriu un planeta extraordinariamente lixeiro en órbita ao redor dunha estrela distante da nosa galaxia. Este descubrimento, publicado na revista Nature Astronomy, desafía o entendemento sobre a formación de planetas xigantes e ultralixeiros.

O novo planeta, denominado WASP-193b, é un 50% máis grande que Xúpiter, pero a súa densidade é aproximadamente unha décima parte da do xigante gaseoso, un valor extremadamente baixo que suxire que o planeta é tan etéreo como o algodón de azucre.

Publicidade

Non debería de existir

WASP-193b é o segundo planeta máis lixeiro descuberto ata a data, só superado por Kepler 51d, un planeta de tamaño similar a Neptuno. As dimensións do planeta que se acaba de atopar, combinadas coa súa densidade extremadamente baixa, fan de WASP-193b unha auténtica rareza entre os máis de 5.000 exoplanetas descubertos a día de hoxe.

“Este tipo de planetas xigantes extremadamente lixeiros son moi raros de atopar”, afirma Julien de Wit, coautor do estudo e profesor adxunto do Departamento de Ciencias da Terra, Atmosféricas e Planetarias do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT, polas súas siglas en inglés). “Este é un caso extremo dunha clase de planetas que se denominan Xúpiter inchados ou esponxosos. Coñecémolos desde hai 15 anos, pero seguen sendo un auténtico misterio”.

“Este planeta desafía todas as nosas actuais teorías de formación planetaria”, engade o autor do estudo Francisco J. Pozuelos, astrónomo do Instituto de Astrofísica de Andalucía. “Non podemos explicar como se formou este planeta. Necesitamos observacións detalladas da súa atmosfera para poder entender a súa evolución”, indica.

Demasiado lixeiro

O novo planeta foi descuberto por WASP (Wide Angle Search for Planets), unha colaboración internacional que opera conxuntamente dous observatorios robóticos en ambos os hemisferios. Cada observatorio emprega un conxunto de cámaras de gran campo para medir o brillo de miles de estrelas individuais en todo o ceo.

A partir de observacións obtidas entre 2006 e 2008, e posteriormente entre 2011 e 2012, o observatorio WAPS-Sur detectou diminucións periódicas no brillo de WASP-193, unha estrela similar ao Sol situada a uns 1.200 anos luz da Terra. A análise destes tránsitos periódicos foi consistente co paso dun xigantesco “súper-Xúpiter” por diante da estrela cada 6,25 días.

Para calcular a masa do planeta, así como a súa densidade e posible composición, o equipo empregou o método das velocidades radiais. Esta técnica analiza as pequenas oscilacións no movemento da estrela debido á atracción dun planeta que orbita ao seu redor. Estas variacións reflíctense en desprazamentos na lonxitude de onda do espectro da estrela. Canto máis masivo sexa o planeta, maior será o desprazamento observado no espectro da estrela.

No caso de WASP-193b, analizáronse espectros de alta resolución da estrela obtidos polos espectrógrafos HARPS e CORALIE, situados no observatorio da La Silla, en Chile. A sorpresa foi que apenas se detectaron cambios significativos na velocidade radial da estrela. “O alucinante é que, a pesar do seu descomunal tamaño, este planeta é tan lixeiro que apenas exerce unha atracción detectable sobre a súa estrela”, explica Pozuelos.

“Levounos case catro anos recompilar todos os datos necesarios para obter a masa de WASP-193b”, explica Khalid Barkaoui, postdoutorando no MIT, a Universidade de Lieja e o Instituto de Astrofísica de Canarias, e colíder do estudo xunto con Pozuelos.

“Ao principio, as densidades que obtiñamos eran tan extraordinariamente baixas que nos custaba crelas”, comenta Pozuelos. “Por iso, repetimos o proceso completo de análise de datos varias veces, empregando diferentes códigos e metodoloxías, para asegurarnos de que era a densidade real do planeta, por moi inusual que parecese”, expón.

Como o algodón de azucre

Os cálculos confirman que WASP-193b ten unha masa aproximada de 0,14 veces a de Xúpiter e unha densidade de 0,059 gramos por centímetro cúbico, considerablemente máis baixa que a de Xúpiter e a Terra, pero similar aos 0,05 gramos por centímetro cúbico do algodón de azucre.

“O planeta é tan lixeiro que resulta difícil imaxinar un material análogo en estado sólido,”afirma Julien De Wit. “A razón pola que se asemella ao algodón de azucre é porque ambos son practicamente aire. O planeta é basicamente súper esponxoso”, engade.

Segundo os autores, é posible que WASP-193b teña unha atmosfera predominantemente composta de hidróxeno e helio, varias decenas de miles de quilómetros máis extensa que a atmosfera de Xúpiter. Na actualidade, ningún modelo de formación planetaria pode explicar un planeta cunha atmosfera destas proporcións.

“WASP-193b é un gran misterio”, conclúe Pozuelos. “Dos poucos planetas ultralixeiros coñecidos, este é o mellor candidato para ser estudado polo telescopio espacial James Webb e comprender finalmente como pode chegar a formarse un planeta tan livián como o algodón de azucre”, conclúe.


Referencia: An extended low-density atmosphere around the Jupiter-sized planet WASP-193 b (Publicado en Nature Astronomy)

2 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa do ministerio contabiliza ata 5.400 verteduras legais nas augas galegas

Nas demarcacións hidrográficas de Galicia-Costa e Miño-Sil hai 4.088 puntos de orixe urbana e 1.304 que proveñen da industria

Unha proteína antibacteriana, nova diana terapéutica contra o cancro de páncreas

Unha investigación liderada polo CSIC describe como as células nai do tumor se aproveitan de PGLYRP1 para evadir o sistema inmune

A fronteira con Portugal é a área de Galicia con maior presenza do mosquito da malaria

O insecto leva anos na comunidade pero o parasito non está en circulación, polo que o risco de transmisión autóctona é baixo

Un equipo logra producir serotonina a partir dun fermento do viño

O grupo de investigación elaborou a chamada 'hormona da felicidade' de forma máis barata e ecolóxica a partir dunha cepa vínica