Un equipo da UDC detecta metais de planetas perdidos na atmosfera de ananas brancas

Científicos do CITIC usan datos da misión Gaia e intelixencia artificial para avanzar no estudo da evolución dos sistemas planetarios

Un equipo do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña logra un importante avance no estudo da evolución dos sistemas planetarios. A través dos datos proporcionados pola misión Gaia e co uso de técnicas de intelixencia artificial identificaron trazas de metais nas atmosferas de ananas brancas, estrelas mortas tras quedar sen hidróxeno que fusionar. Estes metais, que non poden ser primordiais nin xerarse na anana branca a posteriori, atopan nos restos de planetas destruídos os seus hóspedes máis probables de acordo cos modelos e teorías máis actuais.

Este achado revela a presenza de rastros de planetas que unha vez orbitaron estas estrelas e que foron destruídos cando o astro esgotou o seu combustible nuclear. O artigo, publicado recentemente na revista The Astrophysical Journal, foi desenvolto por Xabier Pérez Couto, Lara Pallas Quintela, Minia Manteiga e Carlos Dafonte, do CITIC, xunto a Eva Villaver Sobrino, investigadora do Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC).

Publicidade

O descubrimento de metais como calcio, magnesio e sodio nas atmosferas das ananas brancas é significativo, xa que estes elementos non deberían estar presentes debido á intensa gravidade que exerce o núcleo da estrela. A existencia destes metais suxire que foron absorbidos a posteriori de planetas e asteroides que se desintegraron cando a estrela alcanzou a súa fase final.

IA para identificar estrelas

O equipo utilizou un algoritmo de intelixencia artificial denominado “mapas autoorganizados” para procesar e analizar os grandes volumes de datos obtidos pola misión espacial Gaia da Axencia Espacial Europea (ESA). Grazas a esta técnica, foron capaces de identificar 143 novas candidatas a ananas brancas “metálicas” que ata o de agora non foran catalogadas.

Publicidade

Este traballo marca o inicio dunha nova fase de investigación, xa que o equipo do CITIC ten previsto realizar observacións adicionais utilizando telescopios de maior resolución desde a Terra para confirmar a presenza destes metais, pois calcular as súas abundancias permitirá coñecer con detalle a composición dos planetas que orbitaban estas estrelas.

O estudo abre novas posibilidades para entender como os sistemas planetarios evolucionan e desaparecen, proporcionando unha valiosa xanela ao pasado da Vía Láctea. Ademais, demostra a potencia da intelixencia artificial aplicada á astronomía, ofrecendo unha ferramenta poderosa para procesar grandes volumes de datos e descubrir obxectos astronómicos aínda non catalogados.


Referencia: Identifying New High-confidence Polluted White Dwarf Candidates Using Gaia XP Spectra and Self-organizing Maps (Publicado en The Astrophysical Journal)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Da cosmoloxía moderna á física solar: os congresos que marcarán a semana da eclipse na Coruña

A cidade reunirá durante catro días a investigadores de referencia internacional para abordar as grandes incógnitas do universo e os últimos avances da estrela

Nace ConfIA, unha rede que aglutina dez universidades para impulsar unha IA confiable e responsable

O CITIC e o CiTIUS representarán a Galicia nesta iniciativa que reforzará a cooperación científica, a captación de talento e a transferencia de coñecemento

A UDC crea unha plataforma de IA para personalizar o tratamento da incontinencia urinaria feminina

O proxecto XINE-IA combinará datos clínicos, tecnoloxías terapéuticas e experiencia de pacientes para apoiar aos profesionais sanitarios

Galicia impulsa unha infraestrutura cuántica pioneira ao servizo da investigación

O CITIC obtén unha axuda de 1,04 millóns de euros que financiarán proxectos con impacto nos ámbitos da saúde, a industria ou a ciberseguridade