Carmela Porteiro. Foto: Consello da Cultura Galega.

Carmela Porteiro: “Cando falaba eu tiña a sensación de que se vía como algo anecdótico”

A científica galega, pioneira na investigación mariña, foi homenaxeada nunha xornada celebrada no Consello da Cultura Galega

“Estou bastante abrumada por todo isto”, dicía Carmela Porteiro (Santiago de Compostela, 1950) ao intervir na xornada de homenaxe que onte se lle rendeu no Consello da Cultura Galega. O encontro As que achegan a ciencia aos océanos, que recoñeceu o papel feminino na investigación mariña en Galicia, contou coa participación de expertas neste ámbito. Á tarde, a propia Carmela Porteiro participou nunha conversa presentada por Inma López Silva, na que Eduardo Rolland e Manuel Rey, de GCiencia, entrevistaron á investigadora.

A entrevista xirou arredor dos comezos profesionais de Porteiro, nun mundo moi distinto ao actual, e das situacións coas que se atopou naquel tempo. “Hoxe é todo máis doado, pero cando empecei era outra época; tiñamos que vivir e escoitar situacións e conversas moi machistas”, lembrou a investigadora.

A muller a bordo

Lembrou Eduardo Rolland que ata non hai moito tempo, a presenza da muller a bordo de buques de investigación estaba case vedada. De feito, foi outra galega, Ángeles Alvariño, a primeira muller que embarcou nunha campaña británica de investigación. A primeira vez de Carmela Porteiro foi en 1977, no Cornide de Saavedra. “A tripulación era da reserva militar, e imaxina a situación, o que había que escoitar”. Lembrou Carmela que, entre outras cousas, só podían embarcar dúas mulleres porque había un único camarote con bidé.

O apoio familiar

Na cartografía de Carmela Porteiro no Álbum das Mulleres do CCG, que tamén se presentou este xoves, destacábase a figura da súa nai Gloria e outras mulleres da súa familia para impulsala nos seus primeiros pasos e na aposta pola carreira investigadora. “O  ambiente natural na nosa casa foi que estudaramos e foramos tratados por igual, tanto eu como os meus irmáns. Tiña que ser así, e tiven o apoio total dos meus pais”. Máis tarde, o apoio continuou por parte do seu marido. “El asumiu coma min o coidado, e cando tivemos que estar os dous fóra da casa, tanto a miña familia como a súa axudou”.

Inma López Silva, Manuel Rey, Carmela Porteiro e Eduardo Rolland. Foto: Consello da Cultura Galega.
Inma López Silva, Manuel Rey, Carmela Porteiro e Eduardo Rolland. Foto: Consello da Cultura Galega.

O Consello Internacional para a Exploración do Mar

A chegada á vicepresidencia do ICES foi un dos momentos clave na traxectoria de Carmela Porteiro. Eran tempos, lembra, nos que os desencontros eran habituais pola ausencia de datos constrastados para manexar as pescarías. “Cuestionábanse moito os datos cos que chegabamos ás reunións; nós tiñabamos unhas estatísticas, feitas cun método científico, rigoroso, e resulta que os datos oficiais eran outros”, lembra.

Alén dos grupos de armadores e mesmos as administracións, había que convivir co sector extractivo, “cun machismo que naquel momento era duro”, conta. “Dicían que o peixe saía por fóra do mar, que non había motivos para limitar a pesca, pero os nosos datos eran outros”.

O problema chegaba a límites hoxe impensables: “Cando se pescaba con dinamita, case non podiamos nin abrir a boca para denuncialo, e negábasenos que iso estaba pasando; e máis do mesmo cando sabiamos que se estaban pescando moitísimos exemplares xuveniles, porque tiñamos datos que así o dicían”.

Durante a entrevista, a científica lembrou outras vivencias que amosan a discriminación de xénero: “Ía a reunións con bastante xente na que era a única muller, e dicían ‘Good morning, lady and gentlemen’, e cando falaba eu, como muller, tiña a sensación de que se vía como algo anecdótico, e sentía que os meus argumentos tiñan que soar máis potentes e sólidos polo mero feito de ser expostos por unha muller”.

Consellos para as futuras científicas

Como pioneira, Carmela tamén achegou os seus consellos as científicas que hoxe en día queiran iniciar a súa traxectoria no eido da investigación mariña. “Que non se limiten, que acepten os retos e que constrúan un entorno persoal que lles permita desenvolverse para superar eses retos”.

Aquí podes ver a xornada celebrada no Consello da Cultura Galega:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.