Xoves 18 Abril 2024

Por que as formigas son capaces de evitar os atascos?

Un estudo demostra que estes insectos actúan de forma colectiva para poder fluír, mesmo con densidades altas, sen atoarse

Pasounos a todas. Algunha vez ficamos pampas ao ver un río de formigas que discorre sen apenas atascos nin dificultades. Cada unha delas é quen de atopar o seu camiño para desprazarse, e en colectivo conseguen organizarse moitísimo mellor que os humanos e os seus vehículos nas vías de acceso e saída ás cidades.

Non é nin moito menos a primeira vez que os científicos se preguntan por que as formigas son capaces de fluír deste xeito, pero un novo artigo, que acaba de publicar a revista eLife, amosa por primeira vez unha evidencia directa de que mesmo a densidades altas, estes insectos poden evitar os atascos.

Publicidade

Para isto, os científicos, pertencentes ás universidades de Toulouse (Francia), Arizona State (Estados Unidos) e Adelaida (Australia), filmaron 170 experimentos nos que estudaron o comportamento das formigas arxentinas (Linepithema humile). Tomaron nota de como se movían os grupos a través dunha ponte que conectaba o seu niño cunha fonte de alimentos, en función dun ancho distinto destas pontes, para calibrar maiores e menores densidades nos atoamentos.

Nos vídeos baixo estas liñas pode verse o tráfico das formigas en pontes de 20 e 5 milímetros de ancho, respectivamente.

Durante todo este tempo, recolleron datos sobre os fluxos de tráfico das formigas, a súa velocidade e a cantidade de colisións que tiveron lugar. E viron algo sorprendente: parecían ser inmunes aos atascos. “A a natureza exacta dos mecanismos utilizados polas formigas arxentinas para manter o fluxo de tráfico segue sendo difícil de atopar”, expoñen os investigadores, pero parece que isto se debe a un sistema colectivo co que todas se acaban adaptando ás diferentes condicións.

Os resultados expoñen que as formigas poderían chegar a duplicar o número de individuos en determinados momentos sen diminuír a velocidade. Cando os humanos camiñan ou conducen, o fluxo comeza a ralentizarse unha vez se ocupa o 40% do espazo. Pero as formigas seguen sen amosar sinais de desaceleración mesmo cando se chega ata o 80% de ocupación.

Velocidade autoimposta

Entre outros datos, o estudo detectou que cando medra a densidade, as formigas aumentan a súa velocidade, en vez de diminuíla, e así logran facer fluír o ‘tráfico’. “Os atascos están moi presentes na sociedade humana, onde as persoas persiguen o seu propio beneficio persoal; pero as formigas comparten un obxectivo común, a superviviencia da colonia, polo que se espera que actúen de forma cooperativa para optimizar o transporte de alimentos”.

Engaden os autores que “a nivel macroscópico puidemos demostrar que o tráfico se describe cun fluxo de dúas fases; a baixas densidades hai unha clara relación entre a densidade e o fluxo, mentres que a unha densidade alta, o fluxo permanece constante e non se produce atoamento”. Desde o punto de vista microscópico, “o seguimento individual das formigas baixo diferentes densidades revelou que axustan a súa velocidade e evitan as interaccións.

Unha investigación previa xa demostrara que chegaban a usar unha especie de ‘gardas’ de tráfico para controlar os atascos. En 2008, un artigo descubriu que cando unha liña de formigas comezaba a ter interrupcións, os individuos que regresaban ao niño bloqueaban ás que ían saír para forzalas a buscar unha nova ruta.


Referencia: Experimental investigation of ant traffic under crowded conditions (Publicado en eLife).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O raposo está en perigo? Os ecoloxistas denuncian a falta de estudos sobre a especie

Cren que pode existir un problema de conservación pola acentuada diminución das capturas nos últimos catro anos

As formigas, unha sociedade sen ocio?

O entomólogo Carlos Otero asegura que as formigas obreiras traballan arreo pero que tamén descansan, aínda que cumprindo sempre algunha tarefa

As formigas poden chegar a morrer se perden o rastro da súa colonia

Desprázanse seguindo o rastro das feromonas que desprenden os exemplares que as preceden porque teñen unha visión extremadamente limitada

A formiga arxentina, unha especie cun “alto potencial invasor”

Chegou hai 100 anos e ten "consecuencias devastadoras" para o medioambiente porque favorece a proliferación de pragas e elimina as especies nativas